- Esta clasificación pretende dar visibilidade ao traballo das investigadoras e avanzar na construción da Ciencia Aberta.
- A listaxe, que inclúe a case 10.000 investigadoras de organizacións nacionais e internacionais, elaborouse a partir de indicadores como o índice h e o número de citas.
- A UDC conta con 14 mulleres entre as 1000 que teñen maior impacto.
- Destaca a investigadora Ramón y Cajal e InTalent Veronika Chobanoba, que ocupa o lugar 26.
A Coruña, 9 de maio de 2025.- Un total de 117 investigadoras da Universidade da Coruña foron incluídas na última Clasificación de Mulleres Investigadoras Españolas e en España, elaborado polo Laboratorio de Cibermetría do Instituto de Políticas e Bens Públicos do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Este ránking, que busca dar visibilidade ás mulleres no ámbito da investigación, está baseado en perfís de Google Académico e ORCID, e foi creado a partir de indicadores métricos como o índice h e o número de citas das publicacións.
Entre as 1000 primeiras atópanse 14 investigadoras da UDC, sendo a primeira en aparecer a investigadora Ramón y Cajal e InTalent Veronika Chobanoba, que na actualidade desenvolve a súa actividade no Grupo de Investigación en Física e Tecnoloxía Nuclear e de Altas Enerxías (FiTNAE) e ocupa o lugar 26 da listaxe.
Xa no posto 294, a seguinte investigadora destacada é Soledad Muniategui Lorenzo, catedrática de universidade na Área de Química Analítica, seguida por Rosa Mª Fernández García, no posto 305, da Área de Psicobioloxía; e Purificación López Mahía, no lugar 399, compañeira de Muniategui na Área de Química Analítica.
Blanca Laffón, catedrática de universidade na Área de Psicobioloxía, sitúase no posto 412, e no 544 atópase María José Abad, catedrática de universidade na Área de Física Aplicada, seguida por Josefina Méndez, profesora emérita e investigadora na Área de Xenética, no posto 600; Sonia Pértega Díaz no 717, da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública; e Susana Rodríguez Martínez, no lugar 806, docente e investigadora na Área de Psicoloxía Evolutiva.
Continuando coa listaxe, a catedrática Amparo Alonso Betanzos, da Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial ocupa o posto número 843, moi preto de María A. Señarís Rodríguez, tamén catedrática de Universidade, neste caso da Área de Química Inorgánica. A Microbioloxía pertence a catedrática Concepción Herrero, no posto 893, e no 911 atopamos a Paula Fraga Lamas, profesora e investigadora na Área de Tecnoloxía Electrónica. Pechando esta clasificación das 1000 primeiras investigadoras atopamos a Vanessa Valdiglesias, da Área de Xenética.
Pero a listaxe non remata aquí, o CSIC destaca ata un total de 117 investigadoras entre as case 10.000 que pertencen a máis de 450 organizacións nacionais e internacionais.
Promoción do labor científico feminino
O obxectivo desta clasificación é dar visibilidade ás mulleres investigadoras usando unha plataforma de acceso público e gratuíto como é Google Académico, e potenciar as infraestruturas abertas mediante a xeneralización do uso dos identificadores persoais ORCID e institucionais RoR.
O ránking recolle datos de investigadoras de nacionalidade española, así como das que traballan en institucións doutros países ou son científicas estranxeiras afiliadas a centros de investigación españois.
Máis información:
Clasificación de Mujeres Investigadoras Españolas e en España
