Cica embaixadoras

O CICA nomea as investigadoras Socorro Castro e Elena Pazos como embaixadoras 2024 do seu centro

  • O centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC aproveitou a xornada da presentación de resultados, celebrada a semana pasada, para outorgarlles este nomeamento ás dúas investigadoras polo seu labor divulgativo e investigador.

A Coruña, 14 de abril de 2025.- O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS, a cal integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia, nomeu ás investigadoras Socorro Castro e Elena Pazos como novas embaixadoras CICA polo seu traballo tanto divulgativo como no eido investigador.

Socorro Castro, investigadora do grupo UDCSolids, participou en diversas actividades de divulgación organizadas polo centro, entre as que destaca o proxecto CICA Gallery, do que formou parte na coordinación e organización. O CICA Gallery foi un proxecto cofinanciado por FECYT que se levou a cabo no 2024, no que artistas e científicos conviviron nos laboratorios do centro co obxectivo da realización conxunta dunha serie de obras artísticas.

Ademais, a investigadora tamén coordinou visitas ao CICA co alumnado de Nanociencia da UDC Sénior e participou nas Charlas de Divulgación Científica en centros de educación secundaria organizadas pola UDC, ofrecendo ata catro obradoiros diferentes vinculados á ciencia con impresión 3D, aos coches de hidróxeno, os estados da materia e tamén sobre que é ser científico. O seu compromiso coa ciencia levoulle a formar parte de moitas outras actividades divulgativas, como a última edición da Gnight da Coruña.

Pola súa banda, Elena Pazos, (Marín, 1983) investigadora Ramón y Cajal e coordinadora do grupo Quimbio, leva oito anos formando parte do centro de investigación. Pazos chegou ao CICA a través do programa InTalent, promovido pola UDC e Inditex e, en 2019, recibiu a prestixiosa beca ERC Starting Grant.

A súa labor como coordinadora do grupo de Química Biolóxica é fundamental, xa que fomenta ao seu equipo unha cultura de participación e colaboración nas iniciativas promovidas polo centro, como é o caso do CICA Gallery ou os seminarios de área internos.

A investigadora conta cunha dilatada e recoñecida traxectoria científica, e ademais ten unha alta implicación co CICA, formando parte da Comisión Interna do centro, así como sendo a coordinadora da área de Nanociencia.

Este é o cuarto ano que o centro de investigación da UDC reparte este recoñecemento aos seus investigadores, que o ano pasado recaeron  en Érika García, do grupo BioCost, e Alejandro Criado, do grupo Nanoself.

 

Sobre o CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.

Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.

 

Foto: de esquerda a dereita, Socorro Castro e Elena Pazos, novas embaixadoras CICA.

 

 

 

Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC