Confrencia catreda inditex

Daniel Fernández Gómez, vicecoordinador xeral de Cruz de Vermella Española. “Todos as personas podemos facer algo na nosa contorna para facer fronte á soidade non desexada”

  • A conferencia é a terceira do ciclo En Código Aberto do curso 2023/2024, organizado pola Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade.
  • Fernández impartiu na Universidade da Coruña o relatorio ‘Soidade non desexada: impacto social e solucións’.

A Coruña, 30 de maio de 2024.- O impacto social sobre a soidade non desexada foi o eixo sobre o que se centrou Daniel Fernández Gómez, Vicecoordinador Xeral na Cruz Vermella Española, no seu relatorio Soidade non desexada: impacto social e solucións’, que corresponde coa terceira sesión, e última, do ciclo de conferencias En Código Aberto 2023/2024, organizado pola Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade. O acto tivo lugar este mércores 29 de maio na Reitoría da Universidade da Coruña.

 

Na conferencia participaron o reitor da UDC, Ricardo Cao; o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín; a directora da Cátedra Inditex-UDC, Marta Rey García; e o responsable de Investimento na Comunidade de Inditex, Carlos Piñeiro.

 

Ricardo Cao, destacou o compromiso da UDC con esta problemática a través de diversas iniciativas e programas, como a Universidade Senior, ou o traballo da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC a través de programas como ‘Acompañarte’, en colaboración con Cáritas Diocesana, de acompañamento a persoas maiores que viven soas na Coruña; con Asdegal (Asociación Solidaria de Galicia), tamén centrada no acompañamento de maiores, ou con Acción Familiar Ferrol, con dous proxectos na Residencia de Caranza. Todos estes proxectos, sinalou o reitor, “contribúen ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en particular o ODS 3, que busca garantir unha vida sa e promover o benestar para todos en todas as idades”.

 

Ademais, durante a súa intervención, Cao fixo un “chamamento á reflexión e a dar pasos para poñer mecanismos que permitan evitar a soidade non desexada, un problema crecente na nosa sociedade.  Desde a Universidade da Coruña seguiremos traballando con dedicación e esforzo para combatela e para crear conxuntamente unha sociedade máis solidaria e inclusiva”.

 

O presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, destacou o compromiso sólido da Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade coa colaboración Universidade-Empresa, a formación e a divulgación a través do Curso de Especialización en Sustentabilidade e Innovación Social e do seu ciclo de conferencias En Código Aberto, que lograron congregar a 22 alumnos e a máis de 500 asistentes presenciais e en liña ás conferencias ao longo deste último ano. Así mesmo, agradeceu a colaboración de Cruz Vermella Española nesta clausura do CESIS a través da conferencia impartida por Daniel Fernández. “Iniciativas como estas demostran a vocación da Cátedra de chegar á sociedade en xeral e dinamizar o debate construtivo e plural ao redor de cuestións de máxima actualidade”, indicou Abril Abadín.

 

Pola súa banda, Marta Rey, directora da Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade, lembrou que desde o seu nacemento esta cátedra universitaria exponse como unha ferramenta de investimento na comunidade, promovendo proxectos de aprendizaxe-servizo que axuden a dar solucións sostibles a retos complexos que fan necesario unha abordaxe sistémico e a xeración de sólidas alianzas entre múltiples actores.

 

Daniel Fernández comezou a súa charla abordando a problemática da soidade non desexada na sociedade española e as tendencias actuais neste ámbito. Desta forma, explicou que “en Cruz Vermella sabemos que a soidade non desexada é unha soidade que doe, que pode ter importantes consecuencias para as persoas que a sofren, con impactos a nivel físico, psicolóxico e social; e tamén con impactos na sociedade, porque estamos a ver que a experiencia da soidade non desexada conleva enormes custos sociais e económicos que deben ser tidos en conta á hora de deseñar políticas públicas desde todos os ámbitos”.

 

O vicecoordinador xeral de Cruz Vermella Española asegurou que “con todo, a boa noticia é que a soidade non desexada ten solución e todas as persoas podemos facer algo na nosa contorna para cambiar esta situación. A nivel individual, cada vez é máis importante que aprendamos a fortalecer as nosas conexións e relacións sociais e que non teñamos medo a buscar axuda e falar diso, se nos sentimos sós. Ademais, tamén necesitamos que a sociedade e a contorna sexan sensibles a esta realidade e promovan a creación de espazos e redes comunitarias que xeren comunidades cada vez máis inclusivas e resilientes e, para iso, é imprescindible a colaboración de toda a cidadanía, así como das empresas, as administracións e todo o tecido social”, destacou Daniel Fernández.

 

Ademais, durante a súa intervención, Fernández explicou como “desde Cruz Vermella Española mantemos un compromiso humanitario desde hai décadas na loita contra a soidade non desexada e desenvolvemos respostas a través da acción do voluntariado, que é unha fonte fundamental de apoio, escoita e acompañamento para reducir a soidade e propiciar nexos coa súa comunidade”.

Creación de valor compartido desde a Universidade

 

Daniel Fernández

Con máis de trinta anos de experiencia en Cruz Vermella Española, Daniel Fernández exerceu a súa actividade profesional en funcións directivas en Cruz Vermella Mocidade (sección xuvenil de Cruz Vermella Española) e técnicas nos ámbitos de medio ambiente, voluntariado, formación e intervención social. En 2019 embarcouse nunha nova función para coordinar un equipo de traballo encargado de xestionar a plataforma IMAP (Integral do Marco de Atención ás Persoas), aplicación tecnolóxica na que se xestiona toda a intervención que desenvolve Cruz Vermella Española coas persoas usuarias desde os diferentes proxectos e servizos, así como do voluntariado da Organización. O proxecto IMAP leva en execución desde o ano 2020 e séguense integrando no mesmo todas aquelas tecnoloxías cuxo obxectivo é a atención a colectivos vulnerables.

Fernández cursou estudos de Ciencias Biolóxicas na Universidade de Santiago de Compostela, pero os seus máis de dez anos de voluntariado leváronno a orientar a súa traxectoria profesional ao social. Desde outubro de 2023 é o vicecoordinador xeral de Cruz Vermella Española.

 

En Código Aberto, unha iniciativa da Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade

O Ciclo de Conferencias En Código Aberto está promovido pola Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade. A relación da Universidade da Coruña con Inditex propiciou fai máis dunha década a creación da cátedra, froito do acordo de colaboración asinado por ambas as entidades para o fomento da responsabilidade social universitaria en 2010. A coordinación desta iniciativa está a cargo do Consello Social da UDC, en calidade de órgano de participación da sociedade na universidade.

 

Esta cátedra universidade-empresa, pioneira entre as universidades españolas, constituíu o primeiro paso cara á creación dun programa de colaboración entre Inditex e a UDC moito máis amplo, do que a día de hoxe forman parte o Programa InTalent, de captación internacional de investigadores excelentes, creado en 2016, e o Programa de Axudas para Estancias Predoctorais Inditex-UDC, creado en 2013.

Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC