Conservación Internacional 1

Dr. Sebastian Troëng, vicepresidente executivo de Conservación Internacional “Necesitamos urxentemente poñer ao mundo na senda da neutralidade de emisións”

  • A conferencia é a segunda do ciclo En Código Aberto do curso 2023/2024, organizado pola Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade.

 

  • Troëng impartiu na Universidade da Coruña o relatorio ‘Clima e Natureza: riscos, oportunidades e retos para o sector privado’.

 

A Coruña, 20 de abril de 2024.- A conservación e os beneficios económicos da natureza foi o eixo sobre o que se centrou o Dr. Sebastian Troëng, vicepresidente executivo de Conservación Internacional, no seu relatorio ‘Clima e Natureza: riscos, oportunidades e retos para o sector privado’, que corresponde coa segunda do ciclo de conferencias En Código Aberto 2023/2024, organizado pola Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade. O acto tivo lugar este xoves, 18 de abril, na Reitoría da Universidade da Coruña.

No evento participaron o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas; o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín; a directora da Cátedra Inditex-UDC, Marta Rey García; e o responsable de Investimento na Comunidade de Inditex, Carlos Piñeiro.

O vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas, empezou a súa intervención destacando que “a UDC considera a sustentabilidade como un dos seus polos de desenvolvemento estratéxico, isto é algo que queremos potenciar, e esta cátedra contribúe a ese obxectivo dunha maneira notable. O clima impacta en moitos dos ODS. Máis aló da chamada, ‘acción polo clima’, que nos alerta dos desastres climáticos, afecta tamén á seguridade alimentaria, á seguridade hídrica, e aos ecosistemas terrestres e acuáticos, por citar os máis evidentes”. Ademais, Puertas subliñou que debido á súa profesión “estou moi vinculado coa xestión dos recursos hídricos. Nas últimas décadas experimentouse un cambio de paradigma, onde as solucións ‘grises’ evítanse e prefírense solucións baseadas na natureza. Isto ten un custo económico e require de importantes decisións por parte das administracións públicas”.

O presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, indicou que “as Universidades son axentes de cambio que poden e deben comprometerse coa mitigación dos efectos devastadores do cambio climático a través da formación, a investigación e a transferencia de resultados. Iniciativas como o CESIS da Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade demostran que a formación pode influír de maneira decisiva na mellora da nosa sociedade pois xera talento capaz de transformar as nosas organizacións e a nosa contorna para facelos máis sostibles”.

Pola súa banda, Marta Rey, directora da Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade, destacou que “desde o Curso de Experto en Sustentabilidade e Innovación Social explicamos, baixo unha perspectiva académica, como inflúe a alianza público-privada, os criterios ESG e

comportamentos sostibles na competitividade das organizacións”.

Troëng comezou a súa charla abordando a relación necesaria entre os sectores públicos e privados para aumentar o impacto da conservación en beneficio da natureza, as persoas e o clima. Desta forma, explicou que para “facer fronte á crise climática e á perda de natureza que ameazan ao planeta require da participación de todos. Gobernos, empresas e organizacións deben unirse e acelerar a adopción de solucións baseadas na natureza.”

O vicepresidente executivo de Conservación Internacional asegurou que, para iso, é imprescindible que avancemos cara á neutralidade enerxética, “con récords de temperatura global baténdose cada mes e cada vez máis especies ao bordo da extinción, necesitamos urxentemente poñer ao mundo na senda da neutralidade de emisións”.

Durante a súa intervención, o Dr. Sebastian Troëng destacou os principais retos que afronta a humanidade e como desde Conservación Internacional tentan dar posibles solucións, “Conservación Internacional é unha organización centrada en dar solución aos maiores retos do noso tempo: a crise climática e a perda da natureza. Reunimos a actores influentes, incluídos gobernos e empresas, para aumentar a ambición e acelerar a difusión de solucións baseadas na natureza”.

 

Sebastian Troëng

Como vicepresidente executivo de Conservación Internacional, o Dr. Sebastian Troëng dirixe o equipo de Alianzas para a Conservación. Este traballo inclúe unha carteira anual de 65 millóns de dólares e, entre as súas funcións, está a de asesorar regularmente a xefes de Estado, ministros, directores e líderes comunitarios sobre sustentabilidade e conservación. Leva 30 anos traballando en temas de conservación e desenvolvemento en Costa Rica, Panamá, Colombia, Sri Lanka, Indonesia, Fiyi, Australia, Grecia, Reino Unido e Estados Unidos. Ademais, ten un doutoramento en Ecoloxía Animal pola Universidade de Lund (Suecia) e un máster en Protección do Medio Mariño pola Universidade de Gales (Reino Unido).

 

En Código Aberto, unha iniciativa da Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade

O Ciclo de Conferencias En Código Aberto está promovido pola Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade. A relación da Universidade da Coruña con Inditex propiciou hai máis dunha década a creación da cátedra, froito do acordo de colaboración asinado por ambas as entidades para o fomento da responsabilidade social universitaria en 2010.

A coordinación desta iniciativa está a cargo do Consello Social da UDC, en calidade

de órgano de participación da sociedade na universidade.

Esta cátedra universidade-empresa, pioneira entre as universidades españolas, constituíu o primeiro paso cara á creación dun programa de colaboración entre Inditex e a UDC moito máis amplo, do que a día de hoxe forman parte o Programa InTalent, de captación internacional de investigadores excelentes, creado en 2016, e o Programa de Axudas para Estancias Predoctorais Inditex-UDC, creado en 2013.

Foto 1: de esquerda a dereita, Marta Rey, directora da Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade; Antonio Abril, presidente do Consello Social da UDC; Dr. Sebastian Troëng, vicepresidente executivo de Conservación Internacional; Jerónimo Puertas, vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC; e Carlos Piñeiro, responsable de Investimento na Comunidade de Inditex.

Foto 2: relatorio do Dr. Sebastian Troëng na Reitoría da Universidade da Coruña no marco do ciclo de conferencias En Código Aberto 2023/2024, organizado pola Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade.

 Foto 2 RRSS

Conservación InternacionalPublicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC