- A primeira conferencia foi impartida por Concha Iglesias, socia líder de Sustainability & Climate de Deloitte España, co título “ESG: panca estratéxica de competitividade”.
A Coruña, 8 de marzo de 2024.- O Paraninfo da Universidade da Coruña albergou onte ás 19:30 horas a primeira conferencia do ciclo “En Código Abierto” correspondente ao presente curso 2023/2024, organizado pola Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade.
O reitor da UDC, Ricardo Cao, inaugurou o acto, ao que tamén asistiron o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín; a directora da Cátedra Inditex-UDC, Marta Rey García; e o director de Sostibilidade de Inditex, Javier Losada.
Este primeiro relatorio foi impartido por Concha Iglesias, socia líder de Sustainability & Climate de Deloitte España, baixo o título “ESG: panca estratéxica de competitividade”. A experta comezou a súa charla abordando a creación de valor compartido, que consiste na responsabilidade das organizacións de ir máis aló de satisfacer as necesidades dos seus clientes para vincular o progreso económico e o social a través do seu modelo de negocio. Desta forma, defendeu que “o proceso de transformación necesario para integrar variables ambientais, sociais e de gobernanza e, así, asegurar a rendibilidade financeira do sistema empresarial, require definir e executar unha estratexia de valor compartido”.
Iglesias asegurou que, para iso, “é imprescindible impulsar cambios holísticos no sistema, a través da colaboración entre sectores, industrias e rexións; a procura da contribución positiva á sociedade; o investimento en solucións tecnolóxicas e innovación aberta; e o desenvolvemento de accións responsables para protexer o medio ambiente, aliñadas cos principios da economía circular”.
Tamén fixo un repaso pola axenda regulatoria posta en marcha durante a última década a nivel de clima e contaminación, cadea de subministración, financiamento e reporting, a cal “debe ser entendida como unha panca de impulso e medición da estratexia, e que busca dar resposta de forma integral e global aos retos que se expoñen”, segundo manifestou a experta.
Creación de valor compartido desde a Universidade
O reitor da UDC, Ricardo Cao, insistiu na importancia dos valores sociais e de sustentabilidade á hora de deseñar unha estratexia por parte do goberno corporativo dunha compañía que permita maximizar a súa rendibilidade. “Na UDC entendemos que a sustentabilidade, os aspectos sociais e a gobernanza deben ser consecuencia de procesos participativos que permitan que toda a comunidade universitaria se implique profundamente na súa consecución. Por exemplo, desde o punto de vista dos modelos matemáticos orientados a mellorar a rendibilidade dunha compañía, son de gran axuda para a toma de decisións os algoritmos de optimización con restricións, algunhas das cales veñen marcadas polas condicións de negocio ou do mercado, pero outras obedecen aos valores sociais e de sustentabilidade. Esta será unha das liñas de traballo da Cátedra de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes con financiamento procedente do Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública, recentemente concedida, e que conta tamén con fondos achegados pola empresa Inditex”, apuntou.
O presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, subliñou durante a súa intervención que a aplicación real dos criterios ESG (Enviromental, Social and Governance) nos plans estratéxicos e de negocio de compañías e organizacións resulta clave para a súa resiliencia e competitividade. A ese respecto, lembrou a transcendencia e alcance da Cátedra Inditex-UDC para o fomento da sustentabilidade e a innovación social universitaria no seo da institución académica coruñesa. “Esta iniciativa de colaboración universidade-empresa, froito do acordo subscrito en 2010 entre Inditex e a UDC, converteuse nun referente nacional de cooperación público privada, e marcou o camiño para seguir no ámbito da sustentabilidade e da innovación social de institucións públicas e privadas”, sinalou.
Pola súa banda, a directora da Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade, Marta Rey, destacou que “desde a cátedra explicamos como o comportamento sostible e a aliñación cos criterios ESG das organizacións favorece a súa competitividade, e transmitimos este enfoque desde unha perspectiva académica a través do Curso de Experto en Sustentabilidade e Innovación Social, en cuxa actual edición incorporouse Deloitte como partner académico”.
“En Código Abierto”, unha iniciativa da Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade
O Ciclo de Conferencias “En Código Abierto” está promovido pola Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade. A relación da Universidade da Coruña con Inditex propiciou hai máis dunha década a creación da cátedra, froito do acordo de colaboración asinado por ambas as entidades para o fomento da responsabilidade social universitaria en 2010. A coordinación desta iniciativa está a cargo do Consello Social da UDC, en calidade de órgano de participación da sociedade na universidade.
Esta cátedra universidade-empresa, pioneira entre as universidades españolas, constituíu o primeiro paso cara á creación dun programa de colaboración entre Inditex e a UDC moito máis amplo, do que a día de hoxe forman parte o Programa InTalent, de captación internacional de investigadores excelentes, creado en 2016, e o Programa de Axudas para Estancias Predoutorais Inditex-UDC, creado en 2013.
Foto 1: De esquerda a dereita, o director de Sostibilidade de Inditex, Javier Losada; o reitor da UDC, Ricardo Cao; a socia líder de Sustainability & Climate de Deloitte España, Concha Iglesias; o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín; e a directora da Cátedra Inditex-UDC, Marta Rey García.
Foto 2: A primeira conferencia do Ciclo “ En Código Abierto”, correspondente ao presente curso 2023/22024, organizado pola Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade.

Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC
