- O reitor da UDC, Julio Abalde, e o conselleiro Delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, asinaron esta mañá o convenio para a segunda edición do programa de captación de talento investigador.
- A multinacional aportará un mecenado de 1,5 millóns de euros á Universidade da Coruña.
- A primeira edición deste programa internacional permitiu a contratación de seis investigadores excelentes.
A Coruña, 20 de abril de 2022.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o Conselleiro Delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, asinaron esta mañá na Reitoría da UDC, o convenio para a creación e implantación da segunda edición do programa de captación de talento investigador InTalent, polo que Inditex aportará un mecenado de 1,5 millóns de euros á UDC para a incorporación de 15 investigadores excelentes no período de vixencia do acordo ata o ano 2026.
O reitor da UDC agradeceu a Óscar García Maceiras “o apoio de Inditex para que sexa posible este programa de captación de talento”. Un programa, engadiu, que está a ser copiado por outras administracións e universidades. Abalde destacou ademais que InTalent “nos está permitindo ademais establecer mecanismos para que ese talento captado poida ser retido na Universidade da Coruña”.
Pola súa banda, o conselleiro Delegado de Inditex agradeceu aos investigadores captados na primeira edición do InTalent “o seu esforzo e compromiso demostrado no desenvolvemento das súas investigacións; esta é a mellor proba do acertado do convenio iniciado hai uns anos”. “Para nós, os atributos destes investigadores, excelencia, compromiso e talento, forman parte do ADN de Inditex”. García Maceiras subliñou tamén a súa satisfacción persoal pola firma deste convenio porque “eu estudei na Universidade da Coruña e sempre a considerei a miña casa”.
O programa InTalent está dirixido a investigadores de calquera nacionalidade que queiran desenvolver a súa actividade investigadora na Universidade da Coruña e que teñan concedida unha axuda Ramón y Cajal do Ministerio de Ciencia e Innovación. O acordo firmado esta mañá, nun acto público no que estaba o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, ten como finalidade incrementar a calidade investigadora da UDC, así como convertela nun polo de atracción para investigadores excelentes a nivel nacional e internacional, ademais de incrementar o financiamento para a investigación.
Seis investigadores captados na primeira edición InTalent
A primeira edición do programa de captación de talento investigador, InTalent, xurdiu do convenio asinado en outubro de 2016, mediante o cal Inditex aportou 1,45 millóns de euros para captar investigadores de referencia internacional.
O programa InTalent permitiu a incorporación á UDC de seis investigadores de alto nivel, seleccionados entre máis de 300 solicitudes procedentes de todo o mundo; 194 foron de España, 35 do resto de Europa, 31 de América, 30 de Asia e 26 de África. Elena Pazos Chantrero, José Antonio Cortés Vázquez, Ana Rey Rico, Jorge Ledo, Mónica Ferrín Pereira e José A. Iglesias Guitián foron os investigadores captados na primeira edición do programa InTalent.
Elena Pazos Chantrero conseguiu, posteriormente, unha das axudas de ciencia excelente máis prestixiosa a nivel europeo, a Starting Grant do European Research Council, dotada con 1,5 millóns de euros para desenvolver o seu proxecto de investigación. Os demais investigadores seleccionados conseguiron a axuda de investigación máis prestixiosa a nivel nacional, a Ramón y Cajal, do Ministerio de Ciencia e Innovación. Os éxitos acadados polos seis investigadores InTalent reportaron á Universidade da Coruña en financiamento directo e por indicadores de rendemento preto de sete millóns de euros, o que implica un retorno de cinco euros por cada euro investido no programa.
Este programa tivo ademais un efecto interno provocando un revulsivo na captación de talento e na investigación da UDC que fixo que se duplicase o número de solicitudes dos investigadores ás convocatorias de ciencia excelente. A UDC, como acción complementaria de InTalent, creou un programa específico propio “Berce” de apoio aos investigadores Ramón y Cajal que elixan a UDC como universidade para desenvolver o seu proxecto de investigación. No ano 2015, a UDC contaba cun só investigador Ramón y Cajal; este ano ten 16 contratos activos. Ademais, a UDC para reter aos investigadores de perfil excelente captados puxo en marcha un programa específico de estabilización.
Mecenado de Inditex á UDC
O mecenado da empresa Inditex á Universidade da Coruña esténdese a outras iniciativas académicas, como o programa inMOTION de axudas para estadías predoutorais Inditex-UDC, a Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade e a Cátedra Inditex de Lingua e Cultura Españolas na Universidade de Daca (esta última en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela).
Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC
