InTalent Abril 19

O programa InTalent UDCInditex permite o retorno a Galicia dos investigadores de excelencia internacional José Iglesias e Mónica Ferrín

A Coruña, 24 de abril de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, presentaron esta mañá en rolda de prensa, os dous novos investigadores que incorpora a Academia co programa InTalent UDC-Inditex: Mónica Ferrín Pereira e José A. Iglesias Guitián.

Na súa intervención, Mónica Ferrín manifestou a súa satisfacción por volver a Galicia despois de vinte anos fóra e agradeceu efusivamente ao programa InTalent UDC-Inditex que faga posible este retorno. “Estou moi agradecida a Inditex por abrir as portas da investigación para vir a España. Inditex abre un pouco de luz neste panorama negro que temos moitos investigadores”, declarou. Pola súa banda, José Iglesias sumouse aos agradecementos á multinacional e á UDC “por facer posible este acordo que nos trae de volta a casa”, no seu caso foron doce os anos que estivo fóra de Galicia.

O reitor cualificou o día de hoxe como “moi importante para a UDC” porque, “facemos realidade a incorporación de dous novos investigadores de magnífico nivel”. Abalde anunciou que a UDC está ultimando un programa para que estes investigadores InTalent UDC-ITX poidan incorporarse ao plantel da Universidade ao remate do seu contrato de tres anos como InTalent. O reitor agradeceu calurosamente o apoio de Inditex a este programa de captación de talento que se convertiu nun selo de calidade para a Universidade da Coruña. “O programa InTalent UDC-Inditex é xa unha seña de identidade pola que a UDC é recoñecida a nivel internacional”, manifestou e destacou a importancia do programa para captar talento de referencia internacional pero tamén para que investigadores de alto nivel poidan regresar á comunidade en que se formaron, como o caso destes dous científicos: Ferrín na USC e Iglesias na UDC; subliñou ademais un efecto non buscado pero si destacable como é que dos seis investigadores, tres son mulleres. “Non foi un efecto buscado porque as solicitudes avalíanse en base ao seu curriculum académico e profesional, pero é moi satisfactorio ter esta paridade e ademais incorporar investigadores de todas as áreas de coñecemento”, destacou.

Nesta terceira convocatoria do InTalent UDC-Inditex presentáronse 106 solicitudes de investigadores do máximo prestixio de 26 nacionalidades, como puxo de relevo o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia. O programa, moi competitivo, estipula uns requisitos mínimos de alto nivel como ter dous anos de experiencia no estranxeiro e unha traxectoria investigadora importante que é avaliada por un tribunal externo internacional. “Polas solicitudes recibidas vemos que hai moitos investigadores que queren retornar”, declarou Salvador Naya. O vicerreitor destacou tamén o impacto internacional que ten este programa, que foi posto pola OCDE como exemplo de caso de éxito nas relacións da universidade coa empresa, ou pola asociación ECUSA, Españoles Científicos en USA, moi interesados neste programa como vía de retorno ao país.

José A. Iglesias Guitián é investigador en Ciencias da Computación. A súa especialización é a computación visual e a computación gráfica. Actualmente traballa no Centre de Visiò per Computador e é investigador asociado da Universitat Autònoma de Barcelona, colaborando tamén como docente. A súa actividade investigadora actual céntrase na exploración de técnicas de rendering e iluminación avanzadas para a visualización científica, e máis recentemente para a súa aplicación en simuladores virtuais. Anteriormente traballou durante case dous anos para The Walt Disney Company e Disney Research. Incorporarase á UDC o vindeiro mes de setembro. Ao longo da súa carreira investigadora publicou 14 artigos en revistas, nove dos cales están publicados no top 3 na listaxe de revistas referenciadas en computación gráfica. É co-inventor de tres patentes en USA e foi galardonado cun Disney Inventor Award en 2016.

Proxecto

O seu proxecto de investigación céntrase na exploración de técnicas de rendering e iluminación avanzadas para a visualización científica, así como a súa recente adopción en simuladores virtuais e para a xeración sintética de datos e imaxes máis realistas. A computación visual revélase como unha alternativa extremadamente potente para a xeración sintética de datos e imaxes que poden incrementar as capacidades actuais da intelixencia artificial, a visión por computador ou sinxelamente das propias habilidades humanas á hora de desenvolver tarefas particularmente complicadas ou tediosas (p.ex. comunicación e diagnósticos médicos, anotación automática de millóns de imaxes, etc.). A obtención de grandes cantidades de datos, necesarios para alimentar os actuais algoritmos de intelixencia artificial, pode supoñer un dos principais obstáculos á hora de avanzar nunha solución baseada na aprendizaxe máquina. Unha dirección prometedora para tratar este problema pasa por xerar as imaxes e os datos necesarios de forma dixital, é dicir, utilizando simulacións virtuais xeradas por un computador dentro dun mundo virtual que modela aqueles aspectos do mundo real a ter en conta para a solución dun problema dado. A mellora das técnicas de computación gráfica axudará á produción de novas imaxes sintéticas máis realistas, así como aumentar as bases de datos xa existentes. Este proxecto pretende avanzar o noso coñecemento sobre os procesos para a xeración sintética de imaxes, así como estudar o impacto nos futuros sistemas de visión e aprendizaxe máquina. Como posibles campos de aplicación para esta investigación utilizaranse exemplos de imaxe médica ou simuladores virtuais de tráfico.

 

Mónica Ferrín Pereira licenciouse en Ciencias Políticas e da Administración na Universidade de Santiago de Compostela. É doutora en Ciencias Políticas e Sociais polo Instituto Universitario Europeo, un centro internacional para estudos doutorais e pos-doutorais financiado pola Comisión Europea e os estados membro da UE. A súa tese doutoral ¿Que é a democracia para os cidadáns? (What is democracy to citizens?) obtivo o Premio Juan Linz á mellor tese de doutormento en Ciencia Política polo Centro de Estudos Políticos e Constitucionais.

Traballou como profesora e investigadora pos-doutoral no Collegio Carlo Alberto de Turín e na Universidade de Zurich, onde participou en numerosos proxectos nacionais e internacionais. Foi ademais membro do comité de expertos da OCDE para a medición da confianza política e social. Ten publicados numerosos capítulos e artigos en editoriais de prestixio internacional.

Proxecto

Mónica Ferrín traballa actualmente en dúas liñas de investigación: 1) o estudo das actitudes dos Europeos cara á democracia; e 2) a desigualdade de xénero na esfera pública.

As actitudes dos Europeos cara á democracia: Un dos principais retos das democracias europeas na actualidade é o descontento cidadá coa democracia; descontento que se incrementou despois da grande crise económica que afectou á maioría dos países en Europa. O obxecto desta investigación é estudar os cambios nas actitudes dos europeos cara á democracia despois da “grande crise” e as causas da insatisfacción cidadá: estamos ante unha crise da democracia? Para responder a esta pregunta, Mónica Ferrín traballa no deseño dunha enquisa sobre as actitudes cara á democracia que levará a cabo a Enquisa Social Europea (www.europeansocialsurvey.org) no 2020/2021, e na que participarán cidadáns da maioría dos países europeos.

A desigualdade de xénero na esfera pública: Non todos os cidadáns participan en igual medida na esfera política. Isto implica unha serie de problemas normativos, xa que unha desigual participación política leva aparellada unha desigual representación política. O caso das mulleres é especialmente flagrante, xa que son máis da metade da poboación. Aínda hoxe en día e a pesar dos moitos esforzos no conseguir a igualdade de xénero, as mulleres participan menos na política que os homes na maioría dos países. O obxectivo deste proxecto é estudar as razóns polas que as mulleres participan menos na política e, por extensión, na esfera pública.

 

InTalent UDC-Inditex é un proxecto de colaboración entre a Universidade da Coruña e a empresa Inditex para a retención, recuperación e captación de talento investigador co obxectivo de xerar tecido científico e investigador de excelencia no seo da Universidade coruñesa. É un programa singular e único en España. O reitor da UDC, Julio Abalde, e o presidente de Inditex, Pablo Isla, asinaron o convenio de creación deste programa en outubro de 2016, no que a multinacional se comprometeu a financiar esta iniciativa con 1.450.000 euros. Este programa permitiu xa a incorporación de catro investigadores de referencia internacional que desenvolven a súa actividade investigadora na UDC, ao que agora se suman José A. Iglesias e Mónica Ferrín.

Elena Pazos, co proxecto: “Desenvolvemento de ferramentas químicas con aplicacións en biomedicina”.

José Antonio Cortés: “Beneficios e impactos sociais das políticas de conservación ambiental na Europa post-crise: o caso galego”.

Ana Rey: “Uso de biomateriais poliméricos como sistemas de liberación controlada de vectores non virais en rexeneración de cartílago”.

Jorge Ledo: “Teoría comunicativa e transformación histórica entre o outono da Idade Media e o comezo da modernidade”.

 

 

Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC