Reitor-socioloxia

A decana de Socioloxía constata avances nesta facultade na renunión do reitor e do seu equipo neste centro

A Coruña, 1 de marzo de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, reuniuse o pasado 18 de febreiro coa comunidade universitaria –profesorado, persoal de administración e servizos e estudantado- da Facultade de Socioloxía, xunto coa vicerreitora de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya.

A reunión, habitual do reitor e do seu equipo todos os cursos en todos os centros, ten como obxectivo explicar os proxectos que se están desenvolvendo desde a Reitoría e escoitar as peculiaridades de cada unha das facultades. Abalde comezou lembrando as tres liñas estratéxicas nas que se estaba traballando: docencia, investigación e internacionalización. No que respecta á docencia, o obxectivo é actualizar e completar a oferta docente con novos títulos; a mellora en canto á investigación e transferencia pasa por dar un maior apoio aos grupos de investigación para que concorran a convocatorias europeas e abrirse máis á sociedade e á empresa. De forma transversal, tratouse a internacionalización coa incorporación de máis alumnado estranxeiro, non só para mobilidades dun cuadrimestre senón para que realicen na UDC todo o grao ou o mestrado, aínda que a incorporación no grao ten especiais dificultades polo acceso á universidade.

Estes tres eixos integráronse no proxecto de especialización dos campus, do que xurdiron o Campus Industrial de Ferrol e o Campus Sustentabilidade e Campus Innova, na Coruña. Todos estes procesos están desenvolvéndose e os primeiros resultados foron a implantación, este curso, dos novos títulos: Grao en Xestión Industrial da Moda, primeiro en Galicia multilingüe en inglés; e o Grao en Paisaxe, coa USC, primeiro interuniversitario de Galicia. O próximo curso prevese que comecen o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos, Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, o Grao en Información e Documentación Dixital e o Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica, primeiro dual do Sistema Universitario Galego.

Os campus de especialización teñen dúas vertentes, continuou a explicar o reitor, por un lado, coordinar toda esta nova estrutura, crear sinerxías e dar soporte a actividades relacionadas e, polo outro, conseguir financiamento estrutural para a UDC, xa que o financiamento que se consegue para investigación é financiamento finalista.

 

Menús saudables

A decana de Socioloxía, Raquel Martínez, abriu a continuación o debate pero antes quixo poñer en antecedentes ao equipo de goberno de Abalde sobre algúns dos proxectos que a facultade está a realizar en sintonía cos campus de especialización, tanto co de Sustentabilidade como no de Innova, así como no programa da UDC Green Campus para fomentar a calidade de vida do persoal e do alumnado, neste sentido avanzou un cambio nas máquinas de vending que contarán con produtos saudables, así como a incorporación na UDC dunha dietista que faga máis sanos os menús dos comedores, cun 60% de comida saudable. A decana avanzou tamén outras medidas de mellora da facultade como a reformulación do plan de acción titorial coa implicación do alumnado, así como do Traballo Fin de Grao no que introduciron un Premio Extraordinario. Martínez adiantou un plan de fomento das prácticas en empresas estranxeiras para o que están xa establecendo os contactos oportunos. O reitor felicitou ao equipo decanal e a toda a facultade por estas iniciativas. Pola súa banda, a vicerreitora de Internacionalización apuntou que existen varios programas para potenciar as prácticas en empresas estranxeiras que poden ser de interese neste proceso de internacionalización de Socioloxía, tanto para as prácticas curriculares como para as extracurriculares, mesmo explicou a posibilidade que hai de traer ao profesional da empresa foránea para que imparta na UDC unhas clases, o que constitúe unha visión do sector empresarial moi interesante.

Unha das profesoras presentes gabou o traballo que se está a realizar desde a OTRI porque “os investigadores notamos máis apoio”, felicitación á que se sumou o reitor engadindo que froito do seu bo labor, conxubntamente co dos investigadores, o ano 2018 foi un ano de récord en número de solicitudes de proxectos europeos e en captación de recursos europeos de investigación.

O vicerreitor de Investigación anunciou que a UDC asinará en breve unha nova Cátedra cunha empresa do contorno que se centrará en temas de consumo responsable e vida saudable. A decana asegurou que a creación desta Cátedra suporía “unha moi boa nova para esta facultade”.

 

InTalent

Entre os asistentes estaba presente o investigador InTalent José Antonio Cortés, un dos primeiros investigadores en acollerse ao programa de captación de talento posto en marcha pola Universidade da Coruña e a empresa Inditex. O vicerreitor de Investigación aproveitou para informar aos asistentes da súa presenza e de Cortés nun encontro académico en Lisboa no que se presentou o programa InTalent causando moi boa impresión.

Outro dos temas que se trataron foi o do plantel de profesorado. Esta facultade, coas últimas incorporacións, ten un claustro rexuvenecido que ten unha cara que preocupa no departamento, segundo explicou unha docente. Nos últimos anos xubilouse na área de Socioloxía un terzo do seu PDI, dixo, reemprazado por profesorado que fixo que onde había catedráticos agora haxa interinos de substitución. Esta profesora demandou a incorporación doutras figuras de máis nivel pero o reitor explicou que as centrais sindicais non contemplan ese sistema de acceso.

Abalde abundou na decisión que, como equipo de goberno, teñen en canto á política docente, que é sacar prazas de interino de substitución a tempo completo para logo estabilizar. A taxa de reposición limita a acción, pero a UDC ten a prioridade de manter o seu planel de persoal, primeiro coa estabilización docente e despois coa promoción. A decana apuntou a posibilidade de revisión do baremo da parte de investigación para a selección de profesorado pero tal e como está a normativa vixente é de difícil encaixe.

Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC