- O evento, organizado polo grupo Física e Tecnoloxía Nuclear e de Altas Enerxías (FiTNAE) da UDC en colaboración co Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas (IPPOG) e a Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN), ofrecerá unha experiencia inmersiva para alumnado de Bacharelato
- Esta iniciativa fomenta non só o interese pola investigación científica, senón tamén o traballo colaborativo a nivel internacional
A Coruña, 5 de marzo de 2025.- A Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC) acollerá o vindeiro luns, 10 de marzo, a segunda edición da Masterclass Internacional “Física de Partículas coas Mans”, unha iniciativa organizada polo grupo de Física e Tecnoloxía Nuclear e de Altas Enerxías (FiTNAE) da UDC en colaboración co Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas (IPPOG) e a Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN).
A organización da Masterclass corre a cargo do persoal investigadores do proxecto do Plan Nacional de Xeración de Coñecemento “LHCb Data Challenges”, a investigadora Ramón y Cajal e InTalent, Veronika Chobanova; o investigador distinguido Oportunius, Diego Martínez Santos; o investigador Jeremy Dalseno, o estudante de doutoramento, John Wendel; ademais do investigador Ramón y Cajal, Carlos Vázquez Sierra e a estudante de Máster, Miranda Carou Laiño.
Esta xornada vai dirixida a alumnado de 2º de Bacharelato de diversos centros educativos de Galicia. Un total de 44 estudantes de sete institutos terán a oportunidade de mergullarse no mundo da Física de Partículas a través dunha experiencia científica simulada. A sesión incluirá conferencias divulgativas sobre os avances máis recentes neste campo, seguidas dun obradoiro práctico onde o alumnado analizará datos reais do Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN e unha visita ao microscopio electrónico da UDC.
Como colofón da xornada, os participantes discutirán os seus resultados nunha videoconferencia con estudantado doutros cinco países que participan na Masterclass de forma simultánea: Constantina (Alxeria), Pazin (Croacia), Lyon (Francia), Székesfehérvár (Hungría) e Teherán (Irán). Deste xeito, o evento fomenta non só o interese pola investigación científica, senón tamén o traballo colaborativo a nivel internacional.
Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC
