Chobanova

A investigadora da Universidade da Coruña Veronika Chobanova, coordinadora da décimo segunda edición do seminario internacional CKM Unitary Triangle

A Coruña, 28 de setembro de 2023.- A investigadora Ramón y Cajal InTalent da Universidade da Coruña Veronika Chobanova foi a encargada principal de coordinar a décimo segunda edición do seminario internacional CKM Unitary Triangle, un encontro científico que reuniu entre os días 18 e 22 de setembro en Santiago de Compostela a máis de 130 participantes de institucións de máis de 20 países.

O seminario, que tamén contou cos investigadores do Instituto Galego de Altas Enerxías Jeremy Dalseno, Diego Martínez Santos e Claire Prouvé no núcleo local da organización, abordou cuestións tanto experimentais como teóricas acerca de partículas como os neutróns, kaóns, hadróns “encantadores” e “belos”, física de quarks superiores e o bosón de Higgs.

Durante as cinco xornadas do evento, a hospedería San Martiño Pinario acolleu varias sesións plenarias e reunións paralelas dos sete grupos de traballo establecidos para o encontro baixo o tema global do seminario: a medida precisa da matriz CKM, cuxas iniciais se corresponden cos apelidos dos científicos que a introduciron: Nicola Cabibbo, Makoto Kobayashi y Toshihide Maskawa.

Según o modelo estándar de física de partículas, a matriz CKM é unha matriz unitaria que contén información sobre a probabilidade dun cambio no sabor dun quark causado pola forza da interacción débil. Esta información é clave para comprender a violación da simetría CP, feito que pode explicar o desequilibrio entre materia e antimateria no Universo.

Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC