A UDC obtén o selo de excelencia HR polo contorno favorable á investigación

hr_logo_pq

hr logoA Coruña, 19 de xuño de 2017.- A Universidade da Coruña vén de recibir o selo de excelencia HR Excellence in Research da rede Euraxess da Comisión Europea. Esta rede fixo público este recoñecemento que distingue en España a sete universidades, entre elas á UDC, e centros de investigación.
O premio identifica ás institucións de investigación e organizacións que apoian un ambiente de traballo favorable e estimulante para os investigadores. Este galardón culmina o recoñecemento da excelencia dos recursos humanos na investigación da Comisión Europea. Para conseguir este selo é preciso acreditar as boas prácticas para a contratación de investigadores nun modelo aberto e transparente baseado no mérito. Para o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transparencia, Salvador Naya, a obtención do selo HR é “unha excelente noticia para as universidades, xa que hai proxectos europeos para os que é preciso ter este selo; ademais está a posibilidade de poder concorrer a proxectos únicos para universidades que teñan esta distinción”. A Universidade da Coruña, adiantou Naya, incluirá xa os criterios do selo na vindeira convocatoria do programa InTalent UDC-Inditex, de contratación de prestixiosos investigadores posdoutorais con proxección e ampla traxectoria internacional, que está prevista para finais deste mes de xuño. Será a primeira convocatoria que se regularía por estas recomendacións de boas prácticas.

Publicado por:
Gabinete de comunicación