- Jonathan Quinson, Blanca Moncunill e Ana Ballesteros inician a súa andadura na UDC o vindeiro luns día 1 de setembro e súmanse así a Máximo Sozzo, Carlos Vázquez Sierra e David Polo
- A súa contratación realízase no marco da convocatoria 2023 deste programa que busca promover a incorporación de persoal investigador nacional e estranxeiro cunha traxectoria destacada en centros de I+D.
A Coruña, 28 de agosto de 2025.- A Universidade da Coruña incorporará a partir da vindeira semana, no seu cadro de persoal investigador, aos tres últimos beneficiarios das axudas Ramón y Cajal procedentes da convocatoria do ano 2023. Jonathan Quinson, Blanca Moncunill e Ana Ballesteros completan a listaxe das seis persoas que se sumaron ao longo desde ano á UDC e que contan con estas prestixiosas axudas; dotadas, cada unha delas, con importes que superan os 250.000 euros. Estas novas incorporacións súmanse as dos últimos meses protagonizadas por Máximo Sozzo, Carlos Vázquez e David Polo.
As axudas Ramón y Cajal, concedidas pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, teñen como obxectivo promover a incorporación de investigadores nacionais e estranxeiros cunha traxectoria destacada en centros de I+D, ademais de facilitar o desenvolvemento de investigación punteira e fomentar a estabilización laboral destes profesionais.
Nos últimos anos, a UDC experimentou un notable incremento no número de persoal beneficiario deste programa, contando na actualidade cunha trintena de persoas desenvolvendo os seus proxectos na institución ao abeiro destas axudas.
Enerxía, paleobioloxía e políticas migratorias
As novas incorporacións enriquecerán as diferentes liñas de investigación da UDC, pois fano en diferentes ámbitos, todos eles de máxima relevancia e actualidade. Así, Jonathan Quinson, investigador francés, enxeñeiro en Ciencias Naturais pola ESPCI Paris Tech (Francia) e Máster en Química Verde polo Imperial College de Londres (Reino Unido). Realizou varias estadías posdoutorais como Marie Skłodowska-Curie Individual Fellow en diferentes grupos na Universidade de Copenhague (Dinamarca), onde desenvolveu novas sínteses de nanomateriais que conducen a nanocatalizadores relevantes para una conversión enerxética máis eficiente. Tamén obtivo unha bolsa global Marie Skłodowska-Curie na Universidade de Stanford (EEUU) e foi profesor adxunto titular na Universidade de Aarhus (Dinamarca), onde dirixe o grupo de Enxeñaría de Nanomateriais para Tecnoloxías Sostibles.
Á UDC chega a través do programa InTalent, desenvolvido entre a Universidade da Coruña e a empresa Inditex para a captación e retención de talento investigador. Na Coruña traballará centrado no deseño, síntese e caracterización de nanomateriais para o seu uso como catalizadores para aplicacións electroquímicas, cun enfoque na conversión de enerxía pero tamén no tratamento de augas.
Pola súa banda, Blanca Moncunill Solé paleobióloga, é licenciada en Bioloxía pola Universitat Autònoma de Barcelona e doutora en Biodiversidade, realizou unha estadía postdoutoral na Università degli Studi Roma Tre, onde afondou no estudo de lagomorfos extintos aplicando técnicas de vangarda.
En 2021 estableceu a súa propia liña de investigación no Sistema Universitario de Galicia (SUG), converténdose na única investigadora dedicada ao estudo paleobiolóxico de micromamíferos no territorio galego. Actualmente dispón dun contrato do programa Marie Curie-ERA, financiado pola Unión Europea (UE), no prestixioso centro CIBIO (Centro de Investigação em Biodiversidade e Recursos Genéticos) en Portugal.
Ao longo da súa traxectoria, Blanca foi recoñecida con diversos galardóns tanto polo seu rendemento académico como polas súas contribucións científicas. A liña de investigación que desenvolverá na UDC céntrase na determinación das dinámicas ecolóxicas e evolutivas dos lagomorfos extintos fronte aos cambios ambientais e climáticos do pasado; o que permitirá identificar tendencias e indicadores clave para sabermos como as especies responderon no pasado a cambios climáticos semellantes aos actuais.
No ámbitos das ciencias sociais e xurídicas traballa Ana Ballesteros Pena, politóloga e doutora en Socioloxía. É investigadora posdoutoral Marie Curie (UNA4CAREER-COFUND) na Universidade Complutense de Madrid (UCM), onde lidera o proxecto GEIPP Igualdade de Xénero e Interseccionalidade nas Políticas Penitenciarias: unha Análise Multinivel (2023-2025). Anteriormente, obtivo outro contrato postdoutoral Marie Curie para o desenvolvemento do proxecto Governmigration na Universidade de Toronto (Canadá) e na Universidade da Coruña e un contrato postdoutoral de Atracción de Talento da Comunidade de Madrid na UCM.
Esta investigadora incorporarase ao departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación, onde traballará na expansión e consolidación da súa liña de investigación sobre políticas de control social, particularmente políticas penitenciarias e de control migratorio, cun enfoque de xénero.
Neste eido de coñecemento tamén traballa Máximo Sozzo, investigador arxentino dedicado ao campo da criminoloxía, especializado en América Latina, que se incorporou á UDC da man do programa InTalent a principios deste ano. É tamén profesor visitante Leverlhume na Facultade de Dereito da Universidade de Edimburgo (Reino Unido) e autor e/ou editor de numerosas publicacións científicas neste campo de estudo.
Como investigador Ramón y Cajal na UDC, desenvolve unha investigación comparativa arredor das transformacións da penalidade nas sociedades contemporáneas, buscando innovar con respecto aos marcos descritivos e explicativos existentes, que seguen ancorados nunha exploración exclusivamente focalizada nos contextos de lingua inglesa do Norte Global.
Control de virus e física de partículas
Durante este exercicio incorporouse tamén David Polo Montero, doutor en Microbioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), especializado en viroloxía ambiental. Foi galardoado co Premio Extraordinario de Doutoramento pola súa tese “Control e eliminación de virus entéricos en moluscos bivalvos e auga mediante sistemas de depuración e desinfección solar”. Realizou, entre outras, unha estancia posdoutoral no IFREMER, o instituto nacional francés para a investigación do mar, onde se especializou no estudo do norovirus (a principal causa de gastroenterite aguda a nivel mundial) e no uso de organoides intestinais humanos para avaliar a súa infectividade e persistencia en auga de mar e ostras. Tamén foi investigador posdoutoral “María Zambrano” na USC e no instituto CRETUS, onde traballou na detección e seguimento do SARS-CoV-2 a nivel comunitario, empregando un enfoque epidemiolóxico baseado nas augas residuais, participando no primeiro sistema nacional de alerta temperá para a COVID-19.
Na Universidade da Coruña, David intégrase no grupo NanoToxGen do Centro de Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) liderado por Vanessa Valdeiglesias. O seu traballo céntrase no estudo de virus patóxenos en ambientes acuáticos desde unha perspectiva “One Health”; empregando novos enfoques para a súa vixilancia e caracterización, identificación de novos vectores de transmisión, e a aplicación de novas metodoloxías para analizar os seus efectos na saúde.
Por último, destaca tamén a adscrición de Carlos Vázquez Sierra, que ven da man tamén do programa InTalent. É doutor en Física Nuclear e de Partículas pola USC. Traballou no Instituto de Física Subatómica dos Países Baixos (NIKHEF, Ámsterdam), así como na Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN, Xenebra), retornando posteriormente como investigador María Zambrano á USC.
O seu traballo como investigador Ramón y Cajal na UDC céntrase na realización de medidas relacionadas co bosón de Higgs, e na busca directa de materia escura e posibles candidatos de nova física no experimento LHCb do CERN, do que forma tamén parte desde 2012. Coordinou diversos grupos de traballo dentro e fóra do LHCb, tanto sobre física de partículas como sobre tarefas computacionais, e na actualidade tamén é o coordinador adxunto de física dun novo detector que será construído no CERN nos próximos anos, CODEX-b, para a busca de partículas de moi longa vida.
Apoio ao talento e á excelencia
A incorporación de persoal investigador de excelencia enmárcase dentro do Plan Estratéxico da Universidade da Coruña, no que hai unha clara aposta polo fomento de investigación de calidade. un obxectivo para o que hai establecidas diversas liñas de atracción e retención de talento. Iniciativas que se canalizan esencialmente a través da Oficina de Captación de Persoal Investigador(OCPI).
