Convenio marco de colaboracion UDC-Inditex

A Universidade da Coruña e Inditex subscriben un acordo marco para canalizar e impulsar os seus proxectos de colaboración

  • A colaboración entre ambas as entidades alcanza as dúas décadas de vida e materializouse nunha batería de iniciativas e proxectos de investigación en diversos ámbitos como o xurídico, o financeiro ou o investimento na comunidade. 
  • As diferentes iniciativas están dotadas por Inditex cunha contribución anual que no último exercicio superou os 1,3 millóns de euros e que ascende a 7,6 millóns na última década.

A Coruña, 30 de abril de 2025.- Universidade da Coruña (UDC) e Inditex subscribiron un Convenio Marco de Colaboración para canalizar e impulsar os diferentes proxectos e iniciativas que ambas as entidades veñen desenvolvendo desde hai máis de dúas décadas.

O acordo, que foi ratificado o luns na sede da compañía en Arteixo polo conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, e o reitor da UDC, Ricardo Cao Abad, permitirá establecer ademais os termos e condicións comúns das futuras colaboracións entre ambas as entidades, así como formalizar os mecanismos para o seu correcto seguimento.

 

Proxectos e colaboración

A colaboración entre Inditex e a UDC ten máis de dúas décadas de vida e materializouse nunha batería de proxectos e iniciativas, principalmente de investigación e transferencia do coñecemento, en diferentes ámbitos como o xurídico, o financeiro ou o investimento na comunidade.

Esta actividade recibe unha dotación por parte de Inditex que no último exercicio superou os 1,3 millóns de euros. Os fondos doados pola compañía á UDC para estas actividades, que impulsaron a excelencia desta institución universitaria e beneficiado por centos de alumnos, superan os 7,6 millóns de euros na última década (período 2015 – 2024).

Na actualidade, a Universidade da Coruña ten en marcha oito proxectos auspiciados por Inditex: a Cátedra de Empresa Familiar, a Cátedra de Lingua e Cultura Españolas, o Desenvolvemento da Responsabilidade Social na UDC, que inclúe a Cátedra de Sustentabilidade, a Cátedra de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes, o Máster Universitario en Dereito Dixital e Intelixencia Artificial (MUDDIA), o Máster en Innovación e Dixitalización Financieira, e os programas InMotion, de axudas para estancias no estranxeiro a estudantado de doutoramento e InTalent, para o retorno  e captación de persoal investigador.

 

Sobre a Universidade da Coruña

Fundada en 1989 e articulada territorialmente a través dos campus da Coruña e de Ferrol, a Universidade da Coruña é unha institución cuxa finalidade é “a xeración, xestión e difusión da cultura e o coñecemento científico, tecnolóxico e profesional a través do desenvolvemento de investigación e de docencia”.

Na actualidade, a universidade pública da Coruña ten máis de 17.000 alumnos e unha oferta académica onde poden cursarse 47 graos, 62 máster universitarios, 39 programas de doutoramento e 23 títulos propios de posgraduado nas súas diferentes facultades, escolas universitarias, politécnicas e técnicas e centros de investigación e tecnolóxicos.

 

Sobre Inditex

O Grupo Inditex é unha compañía global de moda cun portfolio de marcas que inclúe Zara, Pull&Bear, Massimo Dutti, Bershka, Stradivarius, Oysho e Zara Home. Cun modelo de negocio centrado na innovación constante e o servizo ao cliente, Inditex opera unha plataforma integrada de tendas físicas e en liña en máis de 200 mercados e comprometeuse a alcanzar a neutralidade climática en 2040.

No marco da súa cultura empresarial, Inditex ten como prioridades a promoción dos valores e principios inherentes á súa cultura como compañía e a xeración de valor social, económico e ambiental, tanto no ámbito interno, en relación cos seus traballadores, como na sociedade no seu conxunto.

 

Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC