- O investigador chega á UDC tras ser un dos 31 galardoados na convocatoria ATRAE, que ten como obxectivo atraer talento internacional de excelencia.
- Este programa outorgaralle unha subvención de 1 millón de euros para desenvolver o seu innovador proxecto na Universidade da Coruña durante os próximos catro anos.
- Ulf Linderfalt foi recibido polo reitor e polos responsables da vicerreitoría de Investigación e Transferencia, cos que mantivo unha xuntanza previa á súa incorporación, que está prevista en 2025.
A Coruña, 30 de decembro de 2024.- A Universidade da Coruña recibiu a visita do recoñecido profesor sueco Ulf Linderfalk, unha das principais figuras do Dereito Internacional a nivel mundial, quen se incorporará á institución coruñesa para desenvolver o seu proxecto de investigación durante os vindeiros catro anos.
Linderfalk foi recentemente seleccionado como un dos 31 galardoados na prestixiosa convocatoria ATRAE, un programa altamente competitivo da Axencia Estatal de Investigación que pretende incentivar a incorporación de talento consolidado a institucións educativas e de investigación de España. Nesta edición do programa presentáronse 148 candidaturas, e o investigador conseguiu unha subvención de 1 millón de euros para desenvolver o seu innovador proxecto na UDC durante os vindeiros catro anos, erixíndose como o único gañador no panel de Dereito e consolidando o seu liderado neste campo.
O investigador foi recentemente recibido na Reitoría da Universidade da Coruña por parte do reitor, Ricardo Cao; o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas; o decano da Facultade de Dereito, Xulio Ferreiro; a adxunta de Investigación, Mª Amalia Jácome; a directora da Oficina de Proxectos Internacionais, Elena Solera; e o director da Oficina de Captación de Persoal investigador (OCPI), Jose Mahía. Tal e como establece a resolución da convocatoria, está previsto que se incorpore á Facultade de Dereito da UDC a partir do 1 de setembro de 2025.
Ulf Linderfalk, Catedrático de Dereito Internacional na Universidade de Lund, Suecia
Catedrático de Dereito Internacional na Facultade de Dereito da Universidade de Lund, Suecia, Linderfalk incorporouse a esa institución en 2001 tras defender con éxito a súa tese de doutoramento sobre a interpretación de tratados internacionais. Recoñecido polo seu enfoque como “xeneralista especializado”, a súa investigación explora os aspectos estruturais e filosóficos do sistema xurídico internacional, abordando temas como conflitos normativos, xerarquía xurídica, interpretación legal, boa fe, abuso de dereitos, proporcionalidade e discrecionalidade. O seu traballo integra perspectivas teóricas innovadoras, incluíndo Filosofía do Dereito, Teorías da Linguaxe e Epistemoloxía.
Ao longo da súa prolífica traxectoria, publicou catro monografías, entre as que destacan On the Interpretation of Treaties (Springer, 2007) e Understanding Jus Cogens in International Law and International Legal Discourse (Edward Elgar, 2020). Tamén é autor de máis de 35 artigos en revistas académicas de prestixio internacional, como o European Journal of International Law e o Leiden Journal of International Law. A súa investigación, amplamente citada, influíu directamente nos traballos da Comisión de Dereito Internacional da ONU en áreas como as normas de ius cogens e a fragmentación do dereito internacional, contribuíndo de xeito significativo á codificación e desenvolvemento do dereito internacional.
Grazas á obtención de prestixiosas axudas de investigación de institucións como o Consello Sueco de Investigación e a Fundación Ragnar Söderberg, liderou proxectos de colaboración con universidades de renome, xestionando un financiamento total de aproximadamente 2 millóns de euros.
O impacto de Linderfalk non se limita ao ámbito académico; tamén supervisou a sete doutorandos e tres investigadores postdoutorais, moitos dos cales ocupan hoxe posicións académicas destacadas. O seu compromiso coa formación, a investigación de calidade e a promoción do Dereito Internacional convérteno nunha figura clave para o desenvolvemento deste campo a nivel internacional. A súa incorporación á UDC representa unha oportunidade única para fortalecer as capacidades investigadoras e fomentar a internacionalización da UDC.

Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC
