Xabier Rodriguez Martinez

A Universidade da Coruña incorpora un novo investigador de exelencia dentro do programa InTalent

  • O programa InTalent está promovido pola Universidade da Coruña (UDC) co financiamento da empresa Inditex. 
  • Esta iniciativa permite o retorno a Galicia do investigador Xabier Rodríguez Martínez, científico de materiais experto en novas tecnoloxías para a recollida de enerxía e a descarbonización do subministro eléctrico. 
  • Xabier incorpórase como investigador InTalent co doutor Jaime Martín, do Grupo de Investigación de Polímeros, vencellado ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial da UDC. 

 

A Coruña, 28 de xuño de 2024.- A Universidade da Coruña celebra estes días a incorporación de novo talento investigador de excelencia entre o seu cadro de persoal. O vindeiro luns, día 1 de xullo, o científico de materiais Xabier Rodríguez Martínez unirase á UDC dentro do programa InTalent, promovido pola Universidade xunto coa empresa Inditex. Grazas a esta iniciativa conséguese o retorno deste investigador galego, experto en novas tecnoloxías para a recollida de enerxía e a descarbonización do subministro eléctrico, incluíndo fotovoltaica e termoelectricidade, baseadas en compostos orgánicos, tales como polímeros conxugados e nanotubos de carbono

 

Xabier Rodríguez Martínez

Xabier Rodríguez Martínez (Vigo, 1992) completou os seus estudos en Nanociencia e Nanotecnoloxía na Universidade Autónoma de Barcelona no ano 2014, onde tamén obtivo unha beca para proseguir os seus estudos de máster financiada pola Fundación Catalunya-La Pedrera. En outubro de 2020, obtivo o seu doutoramento con premio extraordinario, período durante o cal realizou estancias en centros de moi alto nivel científico internacional, como o Imperial College de Londres, no Reino Unido e o ETH Zurich, en Suíza.

En xaneiro de 2021, o investigador comezou a súa primeira etapa posdoutoral na Universidade de Linköping (Suecia) onde traballou na investigación e mellora de módulos fotovoltaicos totalmente impresos para o seu uso en espazos interiores. En novembro de 2022 obtivo unha prestixiosa beca posdoutoral Alexander von Humboldt para continuar o seu enriquecemento científico no Instituto de Química Física da Universidade de Heidelberg.

O científico ideou o seu propio proxecto de investigación no que empregou mesturas anisotrópicas de polímeros conxugados e nanotubos de carbono para a súa aplicación en termoelectricidade.

 

Incorporación co CITENI

Xabier Rodríguez incorpórase o día 1 de xullo como investigador InTalent no grupo do Dr. Jaime Martín Pérez, investigador distinguido do Programa Oportunius da Xunta de Galicia, do Grupo de Polímeros do CITENI, situado no Campus Industrial de Ferrol da UDC. Alí traballará vinculado ao proxecto PARACRYST, financiado polo European Research Council (ERC) dentro das prestixiosas axudas Consolidator Grants (CoG).

Dado o seu perfil científico, o investigador centrarase en impulsar novos avances na tecnoloxía fotovoltaica orgánica impresa para fomentar a súa industrialización e adopción na sociedade civil.

Rodríguez mostra especial interese no desenvolvemento de métodos de experimentación de alto rendemento guiados por métodos estatísticos, intelixencia artificial e robots. Entre os seus obxectivos, está mellorar a sustentabilidade da tecnoloxía fotovoltaica orgánica co uso de disolventes non haloxenados e obtidos de fontes renovables, a redución de custos con novos materiais sinteticamente sinxelos, e a impresión industrial mediante métodos roll-to-roll. Estes avances combinaranse con técnicas espectroscópicas in situ e in operando en bancos de estabilidade deseñados a tal efecto. As súas investigacións prevén ter impacto en nichos únicos da tecnoloxía fotovoltaica orgánica, como o seu uso en interiores, en agrivoltaica ou en aplicacións submariñas.

 

InTalent

InTalent é un programa de colaboración entre a Universidade da Coruña e a empresa Inditex para a captación e retención de talento investigador, co obxectivo de xerar tecido científico e investigador de excelencia no seo da Universidade da Coruña.

Creado en 2016, conta co financiamento de Inditex a través dun convenio de colaboración asinado o 20 de abril de 2022 para a posta en marcha da segunda edición do programa, na que Inditex aporta un mecenado de 1,5 millóns de euros á UDC no período de vixencia do acordo, ata o ano 2026.

 

Foto 1: O científico de materiais Xabier Rodríguez Martínez unirase á UDC dentro do programa InTalent.

Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC