premio

As iniciativas ALICE, ATLAS, CMS E LHCb, nas que participan investigadores da UDC, recoñecidas co Premio Breakthrough 2025

  • Os denominados “Óscar da Ciencia” recoñeceron este galardón a milleiros de investigadores que traballan nestes proxectos colaborativos co CERN.
  • Membros do grupo Física e Tecnoloxía Nuclear e de Altas Enerxías (FiTNAE) do CITENI do Campus Industrial da Universidade da Coruña participan nestas colaboracións.

A Coruña, 7 de abril de 2025.- Os proxectos colaborativos ALICE, ATLAS, CMS e LHCb do Gran Colisionador de Hadróns do CERN acaban de ser recoñecidos coa prestixiosa medalla Breakthrough en Física Fundamental, galardóns que concede anualmente a Fundación Breakthrough Prize, cuxa gala vén de celebrarse en Los Ángeles.

Nesta ocasión, os denominados como “Óscar da Ciencia” na categoría de Física fundamental, concédense a miles de investigadores e investigadoras de máis de 70 países, que integran estas catro colaboracións.

Este recoñecemento aos seus logros científicos vén determinado polas “medidas detalladas das propiedades do Bosón de Higgs, que confirman o mecanismo de ruptura de simetría na xeración de masa, o descubrimento de novas partículas con interacción forte, o estudo de procesos raros e da asimetría materia-antimateria, e a exploración da natureza nas distancias máis pequenas e en condicións máis extremas no Gran Colisionador de Hadróns do CERN”

Uns proxectos nos que colabora persoal do grupo FiTNAE do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais do Campus Industrial de Ferrol da UDC, coordinado polo investigador Oportunius Diego Martínez Santos, ao que se suman nestes proxectos Veronika Chobanova e Carlos Vázquez Sierra (investigadores Ramón y Cajal e InTalent); Claire Prouvé (investigadora Juan de la Cierva) e Jeremy Dalseno e o estudante de doutoramento John Wendel.

En representación da colaboración LHCb, o premio foi recollido por Vincenzo Vagnoni, que estivo impartindo un seminario o pasado mes de xaneiro na Facultade de Ciencias da UDC.  Na súa intervención sinalou que a concesión do Premio Breakthrough 2025 “é unha gran honra para a colaboración LHCb”. Sinala tamén “a importancia das numerosas medicións realizadas polo experimento LHCb en Física de sabor e espectroscopía, a través da exploración das sutís diferenzas entre materia e antimateria e o descubrimento de varios novos hadrónss de quarks pesados”, afirmou.

“Desde a UDC, os colaboradores de LHCb sentímonos orgullosos de contribuír desde Galicia a este logro global en Física de sabor. Este premio destaca o valor da investigación pública, a colaboración internacional e a formación científica. Celebramos especialmente que os fondos apoien a estudantes de doutoramento, reforzando o impacto do CERN nas nosas comunidades”, destaca Veronika Chobanova, co-coordinadora do grupo LHCb xunto con Diego Martínez y Jeremy Dalseno.

Fabiola Gianotti, directora xeral do CERN, cualificou o premio como “un fermoso recoñecemento ao esforzo colectivo, dedicación, competencia e duro traballo de miles de persoas de todo o mundo que contribúen cada día para ampliar os límites do coñecemento humano”.

A Fundación Breakthrough Prize doará os 3 millóns de dólares do premio á Fundación CERN & Society. Os cartos do premio destinaranse a bolsas para estudantes de doutoramento dos Institutos membros das colaboracións, co obxectivo de que poidan realizar estancias de investigación no CERN, adquirindo experiencia traballando na fronteira da ciencia e coñecementos que poderán levar de volta aos seus países e rexións de orixe.

Ao realizar estas probas extraordinariamente precisas e delicadas, os experimentos do LHC empuxaron os límites do coñecemento da física fundamental a niveis sen precedentes. Continuarán facéndoo coa próxima actualización do Gran Colisionador de Hadróns, o LHC de Alta Luminosidade, cuxo inicio está previsto para 2030 e que busca aumentar o rendemento do LHC para incrementar o potencial de novos descubrimentos.

 

Máis información:

https://home.cern/news/press-release/knowledge-sharing/lhc-experiment-collaborations-cern-receive-breakthrough-prize
https://lhcb-outreach.web.cern.ch/
https://lhcb-outreach.web.cern.ch/2025/04/07/the-2025-breakthrough-prize-in-fundamental-physics-awarded-to-the-lhcb-collaboration/

Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC