O 75% do Claustro apoia a xestión do reitor do ano 2016

O 75% do Claustro apoia a xestión do reitor do ano 2016

A Coruña, 15 de maio de 2017.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presentou esta mañá na sesión do Claustro a Memoria de Xestión de 2016 que foi aprobada polo 75% dos seus membros, con 75 votos a favor, 7 en contra e 18 abstencións.
Intervención Claustro Memoria Reitor 2016
Julio Abalde Alonso, Reitor

“Estimados claustrais,
Esta é a primeira ocasión en que este equipo de goberno, que me honro en presidir, fai unha rendición de contas ante o claustro da súa Xestión, a desenvolvida no primeiro ano da lexislatura. Facémola non só para dar cumprimento ás nosas normas estatutarias senón por que cremos firmemente que a transparencia e a rendición de contas a sociedade á que servimos son principios básicos nos que se debe asentar un goberno democrático e moderno, e esa rendición de contas facémola no claustro universitario onde está representado o profesorado, o estudantado e o persoal de administración e servizos, é dicir, toda a comunidade da UDC.
Aproveitamos esta nova etapa para presentar unha nova estrutura da Memoria do Reitor, agrupándose os datos estatísticos por áreas temáticas: área de estrutura institucional, área académica, área de investigación e transferencia, área de recursos humanos, area económica e información dos distintos servizos. Ademais, para facilitar a súa consulta inclúese un primeiro capítulo introdutorio no que se indican os principais fitos en cada un dos apartados separado das táboas e figuras.
Comentarei a continuación os aspectos que consideramos mais relevantes da memoria do ano 2016
Reforma das estructuras académicas da UDC
En outubro, o Consello de Goberno da Universidade da Coruña dá o visto bo á Proposta de racionalización de estruturas académicas da UDC elaborada pola comisión creada polo Consello de Goberno. Dáse fin así a un longo traballo que comezou en maio do 2015.
Pensamos que foi un proceso dialogado e consensuado con todos os estamentos e realizouse con transparencia, información e diálogo con numerosas reunións, incorporándose a maioría das emendas presentadas.
O obxectivo da reestruturación é a mellora da docencia, o impulso á transferencia de coñecemento e da investigación e a consecución dunha estrutura administrativa máis eficiente, áxil e flexible, para facer fronte aos retos futuros en mellores condicións. Este Plan supón a primeira reforma de calado da estrutura da UDC nos seus 27 anos de existencia. O Plan propón criterios obxectivos para determinar a composición dos equipos directivos das facultades e escolas, para que sexan proporcionais ao tamaño da comunidade do centro, e a supresión de departamentos que pasan de 43 a 27.
Como se indicou no anterior apartado o proceso finalizou o pasado venres 28 de abril no que se elixiron os representantes dos Centros e Departamentos no Consello de Goberno.
Este proceso de reestruturación foi posible pola actitude construtiva e propositiva do profesorado, o persoal de administración e servizos e o estudantado que posibilitaron a culminación dun proceso de reestruturación deste calado, que nunca é doado, o agradecemento a toda a comunidade da UDC.
Académica:
Títulos:
No curso 2016-2017 prodúcese como dato máis salientable a extinción definitiva das titulacións correspondentes á ordenación académica anterior. Unicamente o estudantado das titulacións en Enxeñeiro de Informática, Arquitecto, Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, Enxeñeiro Naval e Oceánico e Enxeñeiro Industrial disporá até o vindeiro curso académico para superar o Proxecto Fin de Carreira da súa titulación. A oferta académica consolídase en 38 graos. Varias destas titulacións son únicas no Sistema Universitario Galego. Consolidouse tamén a oferta de programas de simultaneidade.
Polo que se refire aos mestrados universitarios, a Universidade da Coruña dispón neste momento dunha oferta estable e equilibrada entre as distintas ramas de coñecemento. A oferta de nova matrícula para este curso foi de 48 mestrados. Hai que salientar que sete dos mestrados teñen a consideración de mestrados internacionais, dous deles conxuntos con universidades estranxeiras.
No curso 2016-2017 implantáronse catro novos mestrados:
Mestrado en Bioinformática para Ciencias da Saúde,
Mestrado en Eficiencia e Aproveitamento Enerxético,
Mestrado en Planificación e Xestión de Destinos e Novos Produtos Turísticos,
Mestrado en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria.
Canto ao Doutoramento, implantouse no curso 2016-2017 un novo programa: Doutoramento en Ciencias Sociais e do Comportamento. Ofertáronse un total de 36 programas de doutoramento. O número de teses de doutoramento defendidas no 2016 foi de 273. Esta cifra, que case triplica ao número habitual de defensas dun curso académico, débese ás condicións de extinción dos programas de doutoramento establecidas no Real decreto 99/2011. Un total de 65 teses recibiron a Mención Internacional, para cuxa consecución están a resultar fundamentais as axudas do programa INDITEX-UDC. Na convocatoria do 2016 un total de 29 estudantes gozaron da devandita bolsa.
Evolución da matrícula:
O número de estudantes de graos diminuíu lixeiramente, pois pasou de 14.037 no 2015 a 13.913 no 2016. Isto pódese explicar pola complexa situación socioeconómica actual, que co endurecemento das condicións de acceso as bolsas e coa caída demográfica provoca un descenso xeralizado do número de estudantes universitarios.
A evolución da matrícula nos mestrados e nos programas de doutoramento da UDC é moi positiva. Confírmase a tendencia de crecemento dos últimos anos. Pasouse de 1.393 estudantes de mestrado en 2014, a 1.610 en 2015 e a 1.729 en 2016. Nos programas de doutoramento, a matrícula en 2014 foi de 560 estudantes, de 865 en 2015, e ascendeu a 985 alumnos en 2016.
Estamos, pois, nunha fase de consolidación da estrutura completa das titulacións. Esta nova estrutura fai necesaria a avaliación continua do impacto das novas actividades. Como consecuencia, desta avaliación realizáronse reformas das normativas académicas para acomódalas á nova situación. Estas novas adaptacións só foron posibles pola colaboración e polo traballo dos equipos directivos das diferentes facultades e escolas implicadas, da Escola Internacional de Doutoramento, así como de toda a comunidade universitaria da UDC.
Universidade Senior:
Por outro lado, a Universidade Sénior mantense en continua expansión, tanto na Coruña como en Ferrol. O número de alumnado no curso 2016-2017 foi de 875 estudantes, dos que 604 cursan os seus estudos no campus da Coruña e 271 no campus de Ferrol, dos que o 76% son mulleres. Así mesmo seguiuse a incrementar tanto a presenza en distintos foros como os intercambios con universidades españolas e estranxeiras. Desde 2016 a Universidade Sénior é membro de AIUTA, Asociación Internacional de Terceira Idade. Neste mesmo ano tamén recibiu o Recoñecemento das Actividades de Dimensión Europea como Boas Prácticas, por parte da Asociación Estatal de Programas Universitarios para Maiores (AEPUM).
Calidade e avaliación:
Neste curso, 22 títulos de grao e de mestrado universitario da UDC ou coordinados por ela renovaron a acreditación. Ademais, continuouse co proceso de certificación da implantación dos Sistemas de Garantía Interna de Calidade dos distintos centros e a Facultade de Filoloxía superou a certificación da implantación do SGIC con resultado positivo, polo que xa son 10 os centros da UDC que teñen o seu sistema certificado.
Formación e innovación docente:
A posta en marcha do proceso de institucionalización da Aprendizaxe Servizo supuxo un importante incremento dos proxectos realizados pola comunidade docente e das entidades conveniadas coa UDC. Apostouse tamén pola formación en modalidade virtual e semipresencial, ofertándose un total de 11 cursos en ambas as dúas modalidades. Mantense o curso “Estratexias para incrementar a visibilidade e os resultados da investigación”, dirixido a investigadores da nosa universidade e deseñado pola Unidade de Teleformación en colaboración coa Biblioteca Universitaria, ofreceuse unha segunda edición neste curso académico ampliando a oferta ao alumnado de doutoramento. Quero felicitar tanto ao CUFIE como á Biblioteca pola organización deste curso.
Co ánimo de divulgar as experiencias innovadoras que os docentes levan a cabo diariamente nas súas aulas, o CUFIE organizou en outubro de 2016 as I Xornadas de Innovación Docente da UDC, que contou con máis dun centenar de participantes.
Internacionalización
A Internacionalización é outro dos eixos estratéxicos da UDC e para o seu desenvolvemento lévanse a cabo unha serie de accións como son a promoción da UDC no eido internacional, coa asistencia a eventos que dan a coñecer a nosa universidade no estranxeiro, e a firma de convenios para aumentar o número de estudantes e profesores entrantes e saíntes da nosa universidade.
No curso 2015/16 a mobilidade de estudantes volve a incrementarse despois do lixeiro descenso rexistrado no curso 14/15, debido aos recortes nos importes das bolsas, e ao incremento dos requisitos lingüísticos.
lnternational Summer School:
No ano 2016 celebrouse a 3ª edición da lnternational Summer School, cunha oferta de 18 cursos de tres semanas de duración, impartidos en inglés por profesorado de universidades estranxeiras e dirixidos a estudantes da UDC e estranxeiros.
Segue a consolidarse ao longo do ano 2016 o programa de docencia en inglés en titulacións da UDC. Os resultados destes programas están sendo xa comprobados na realidade: compre destacar o aumento de estudantes internacionais nas titulacións en que se imparten aulas en inglés e o incremento das posibilidades de establecer títulos dobres ou conxuntos.
Investigación e transferencia
A investigación e a transferencia dos resultados son apostas estratéxicas do plan estratéxico 2013-2020. Na UDC vimos apostando pola mellora continua dos indicadores en investigación e transferencia.
A captación de recursos externos para a investigación durante o ano 2016 foi de máis de 13 millóns de euros, aumentando 1,4 veces os fondos conseguidos no ano anterior, este aumento foi maior en proxectos e axudas competitivas, onde pasou de 4 millóns de euros do 2015 ata os 8,5 millóns do 2016. O motivo deste incremento, neste tipo de captación de recursos externos, debeuse en gran medida a resolución de proxectos estatais neste período.
Na captación de fondos competitivos cabe destacar a convocatoria de infraestruturas científicas do MINECO do 2016, na que a UDC obtivo un total de 13 accións cunha contía total de 3,36 millóns de euros.
No tocante a outras axudas de investigación resaltar que foron concedidos 5 grupos de potencial crecemento, 5 novos grupos de referencia
Ademais, cabe resaltar o recoñecemento do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) como centro Singular de Investigación de Galicia para os próximos 4 anos.
Cabe destacar no ámbito de axudas competitivas a Unidade Mixta de Investigación (UMI “Estaleiro 4.0 ou estaleiro do futuro”) que a UDC ten coa empresa NAVANTIA e que neste ano 2016 desenvolveuse con plena satisfacción.
Contratos e convenios
No eido da transferencia cabe destacar o número de contratos con empresas e administracións públicas asinados, que foron 243, o que supón a cifra máis alta dos últimos anos. A maior parte destes contratos (135) foron xestionados a través de Fundación da Universidade da Coruña (FUAC) que ao final do ano 2016 cambiou a súa composición societaria para o mellor desenvolvemento das súas actividades. A cantidade total destes contratos con empresas e administracións públicas superou os 4,5 millóns de euros.
Con respecto á captación de axudas europeas débese destacar a conseguida polo investigador Carlos Gómez Rodríguez, que tivo a segunda das axudas “Starting Grants” coas que conta a UDC e que están ligadas ao programa “European Research Council (ERC)”. A axuda conseguida é de 1,5 millóns de euros coa fin de investigar temas relacionados coa linguaxe sintáctica para emprego en redes sociais e en tradución simultánea.
Como iniciativa propia da UDC cabe destacar a posta en marcha durante o ano 2016 do convenio asinado entre a nosa universidade e a empresa INDITEX para a captación de investigadores, denominado InTalent UDC-INDITEX. Este programa ten por finalidade a contratación de investigadores de prestixio internacional, que poidan conseguir financiamento competitivo internacional para a UDC.
A produción científica da UDC medrou de xeito importante neste ano 2016, chegando ao máximo histórico de artigos cun total de 827. Este crecemento é xa sostido nos últimos cinco anos. Neste aspecto quero deixar constancia do magnífico traballo de seguimento e visibilización do profesorado da UDC nas bases de datos bibliográficas, realizado polo persoal do servizo de bibliotecas, tanto a central como a dos distintos centros da UDC.
Persoal Docente e Investigador (PDI):
As políticas de acceso e promoción do persoal docente e investigador no ano 2016 seguiron condicionadas por un marco normativo e económico restritivo. Aínda que a taxa de reposición situábase por primeira vez no 100%, o número reducido de xubilacións efectivas do ano anterior fai que a oferta de emprego público do persoal docente e investigador da UDC se limite no ano 2016 a 13 prazas, un volume insuficiente para cubrir tanto as necesidades de estabilización das figuras de profesorado con compromiso de estabilidade como as necesidades de promoción dunha plantilla que acumula cerca de 200 profesores acreditados sen poder promocionar.
No 2016 destínanse 8 prazas á estabilización dos/as profesores/as Axudantes Doutores/as que finalizaron o seu contrato no ano 2015 (7 prazas de Profesor/a Contratado/a Doutor/a e 1 praza de Profesor/a Titular de Universidade) e 3 prazas para á promoción a Titular de Universidade dos/as Profesores/as Contratados/as Doutores/as acreditados/as. De acordo ao que se establece no artigo 36 da Lei 12/2015 e no artigo 20.2.j da Lei 48/2015, dúas prazas resérvanse para a contratación como persoal laboral fixo de persoal investigador doutor que finalizase o Programa Ramón e Cajal e obtivese o certificado I3. Adicionalmente, en aplicación do disposto na disposición derradeira segunda do RD Lei 10/2015, inclúense na OPE 4 prazas de Catedrático/a de Universidade polo procedemento de promoción interna.
A oferta de emprego público do ano 2016 é insuficiente para permitir a estabilización do profesorado con compromiso de estabilidade que finaliza o seu contrato en 2016 e a promoción de todo o profesorado con prazas de Catedrático/a de Universidade aprobadas polo Consello de Goberno en 2012. Despois de priorizar a única praza de Titular de Universidade aprobada nese mesmo ano, a OPE permite a posta en marcha dunha primeira convocatoria coa fin de que o profesorado Contratado Doutor acreditado para acceder ao corpo de Titulares de Universidade solicite a creación dunha das dúas prazas ofertadas na súa área de coñecemento. A esta convocatoria presentáronse máis de 40 profesores.
Os esforzos dos órganos de goberno da UDC centráronse en minimizar os efectos deste contexto restritivo, mantendo estable o número de efectivos, priorizando a estabilización de profesorado e maximizando as posibilidades de promoción despois do bloqueo imposto entre os anos 2012 e 2015.
Ademais podemos destacar as seguintes medidas:
– Mantense o programa para reducir o número de Profesores/as contratados/as Interinos/as de Substitución coa súa transformación mediante concursos en Profesores/as Axudantes Doutores/as: en 2016 convocáronse 20 concursos.
– Mantense a suspensión da posibilidade de convocar prazas de Axudante. Mantense ademais a suspensión da contratación de novos profesores eméritos mentres non se defina un marco normativo para o seu nomeamento.
– En 2016 convocáronse 66 concursos de profesor/a Asociado/a ou Contratado/a Interino/a de Substitución para a provisión temporal de postos de PDI para cubrir necesidades docentes urxentes.
Persoal de Administración e Servizos (PAS):
Como continuación dos procesos iniciados en 2015, no exercicio 2016 desenvolvéronse as seguintes accións:
Convocatoria da terceira fase do proceso de funcionarización conforme ao calendario establecido no Acordo asinado coas centrais sindicais en xullo de 2012. Este feito é o que determina, comparativamente cos datos recollidos nas memorias dos exercicios anteriores, un substancial incremento de PAS funcionario e a correlativa minoración de efectivos laborais.
Publicación no Diario Oficial de Galicia número 10 do 18 de xaneiro de 2016 da relación de postos de traballo do persoal funcionario de administración e servizos.
Con esta nova RPT procúrase acadar: melloras organizativas e de carreira profesional; apertura de subgrupos de adscrición de postos de subescalas especiais, para facilitar a súa promoción profesional do persoal funcionarizado; a reorganización e reforzo da Oficina de Relacións Internacionais; inclusión de perfiles lingüísticos en unidades dos servizos de Investigación, reforzando tamén efectivos para a captación e xestión de fondos europeos; reorganización de servizos de conserxaría nos centros; unha mellor estruturación dos servizos de Informática e Comunicacións.
Estudantes
Realizáronse diferentes accións relacionadas coa Empregabilidade dos nosos titulados. Entre estas destacamos a participación da UDC como centro colaborador do proxecto YUZZ. Este proxecto aporta as persoas participantes formación, apoio e asesoramento personalizado durante o desenvolvemento do plan de negocio.
Bolsas
Para compensar as dificultades económicas que lle impidan continuar os estudos conducentes á obtención dun título oficial, a Universidade da Coruña concedeu 41 axudas a estudantado en situación de dificultades económicas. Tamén co obxectivo de promover a igualdade de oportunidades no ámbito de educación universitaria, concedéronse entre o curso 2016-2017, 213 axudas destinadas ao aloxamento.
Extensión universitaria: Cultura e Deportes
Na Area de Cultura ademais dunha nova edición do Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña (FITEUC), cabe destacar a exposición BDG70 A REVOLTA DO CÓMIC GALEGO, en NORMAL. Esta exposición puxo de relevo a gran cantidade de artistas que, aínda en período ditatorial, canalizaron o seu pensamento antiautoritario e artístico a través dun medio aínda marxinal, o cómic, e dunha lingua pretendidamente marxinalizada, o galego.
Na área de deportes destacar que a oitava edición dos Premios UDC Deportes recaeu en Carlos Lalín Novoa, doutor da Actividade Física e do Deporte pola UDC, é readaptador físico que desenvolveu a súa traxectoria en equipos como o Deportivo, Real Madrid, Chelsea e Manchester United.
Divulgación científica e cultural
Entre as distintas accións de divulgación científica cabe sinalar a creación da Cátedra de divulgación científica Isabel Zendal promovida polo Concello da Coruña. Foi presentada o mércores 21 de decembro na Xornada de divulgación científica “Isabel Zendal” coa intervención do escritor Javier Moro e do periodista Antonio López Mariño, grandes coñecedores e investigadores da vida e obra de Isabel Zendal.
Orzamentos e liquidacións
O 21 de abril de 2016 o Consello Social aprobou os orzamentos da Universidade da Coruña para o ano 2016, os cales estaban prorrogados xa que en decembro de 2015 celebráronse as eleccións a Reitor para o período 2016-2019.
O orzamento da UDC para 2016 foi de 116,32 millóns de euros. Esta cantidade supón un incremento de 0,13 millóns, o que equivale a un incremento dun 0,11%.
As diferenzas entre os anos 2015 e 2016 que se observan entre os diferentes conceptos de gasto son escasas. O compoñente de financiamento máis importante corresponde ás achegas por transferencias correntes, o que supón un 73,29% no ano 2016 –fronte a un 71,20% no ano 2015-. As taxas académicas supoñen un ingreso tamén importante, en concreto un 13,19%. Finalmente, as transferencias de capital alcanzan un 12,80% que se reducen con respecto ao ano anterior un 13,68% ao pasar de 15.900.847,60 € a 14.888.806,49 €.
Polo que respecta aos gastos, o orzamento responde aos compromisos de mantemento de persoal e tratamento preferente ás bolsas e axudas a estudantes co fin de minorar os efectos da redución de axudas públicas para o acceso en igualdade de condicións á universidade. Igualmente, a porcentaxe do gasto de bens e servizos aumentou preto dun 2% en tanto que as transferencias correntes baixaron un 16%.
Hai unha notable caída no investimento do 22,7% ao pasar de 11.843.366,35 € no ano 2015 a 9.155.702,45 € no ano 2016.
Infraestruturas
A principal actuación acometeuse froito das xestións iniciadas no ano 2014, a obra de reforma e ampliación do edificio CITEEC, adxudicada por 1.689.945,07€, que a finais de ano 2015 superaba a metade da execución do contrato. No ano 2016 puido rematarse a obra, a cal foi recepcionada en agosto de 2016. Esta obra supón un gran avance nas infraestruturas de edificación e enxeñaría civil para esta universidade.
Medio Ambiente
Programa Green Campus
O 20 de xuño de 2016 tivo lugar a xornada “GRENCAMPUS EN CENTROS DA UDC 2016” que transcorreu na Facultade Ciencias da Educación (Elviña) e na ETS Arquitectura (A Zapateira). Estes dous centros presentáronse en setembro de 2016 á avaliación externa por ADEAC e ambos os dous acadaron a Bandeira Green Campus, que se vén a sumar así ás acadadas en 2015 pola EUAT e a FCS.
Así mesmo, ao longo de 2016 tivo lugar a adhesión ao programa GreenCampus de tres novos centros da UDC: ETS Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos (xaneiro), Facultade e Filoloxía (xullo) e Facultade de Fisioterapia (decembro).
O programa Green Campus desenvólvese no marco convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña e a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), esta última como membro da internacional Fundation for Environmental Education (FEE), asinado en febreiro 2014
A UDC no Ranking internacional GreenMetric 2016
O GreenMetric Ranking of World Universities compara os esforzos das universidades cara a sustentabilidade ambiental e ás políticas de xestión respectuosas co ambiente. A Universidade da Coruña presentouse por primeira vez en 2016 e acadou a posición 149 a nivel mundial (percentil 71, entre 516 universidades de 75 países), e o número 13 a nivel estatal, dun total de 27 universidades españolas, sendo a primeira do Sistema Universitario Galego.
Responsabilidade Social:
Unidade de Atención á Diversidade
Campus Inclusivos:
A UDC xunto coa Fundación ONCE, a Fundación REPSOL e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte puxeron en marcha no 2016 de forma conxunta unha nova convocatoria do programa “Campus Inclusivos. Campus sen límites”, co obxectivo principal de incrementar a presenza activa de persoas con discapacidade nas universidades españolas.
Espazo Compartido: Grazas á sinatura dun novo convenio de colaboración (1 de decembro de 2016) entre a Universidade da Coruña, a Fundación Universia e o Banco Santander, seguirase co desenvolvemento do Programa Espazo Compartido. Programa universitario de formación en habilidades persoais, sociais e competencias básicas dirixido a mozos e mozas con discapacidade cognitiva leve.
Bolsas para estudantes con necesidades especias: Anualmente a Universidade da Coruña convoca 20 axudas en réxime de concorrencia competitiva, para estudantes con necesidades educativas especiais matriculados nos centros da Universidade da Coruña. Neste ano 2016 conseguiuse financiamento externo para estas bolsas a través dun convenio coa Fundación bancaria “La Caixa”
Programa Mentoring Inclusivo: Ao amparo do convenio asinado coa Fundación bancaria “La Caixa” comezou a desenvolverse na Universidade da Coruña o programa Mentoring Inclusivo, deseñado especificamente para mellorar a inserción laboral dos egresados da UDC con discapacidade.
Oficina para a Igualdade de Xénero
Celebrouse con distintos actos o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia así como o Acto institucional do día da muller na Escola Politécnica Superior
En colaboración coa Xunta de Galicia realizouse a Exposición das premiadas “María Josefa Wonenburger” da Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia
Dentro das actividades Contra a violencia de xénero encádrase a creación dun sitio web para material elaborado na UDC contra a violencia de xénero entre os que están vídeos de sensibilización contra a violencia de xénero elaborados por alumnado da Facultade de Enfermaría e Podoloxía de Ferrol
Centro de Estudos de Xénero e Feministas
O 29 de novembro de 2016 presentouse o primeiro número da revista do CEXeF: Atlánticas. Revista Internacional de Estudios Feministas.
UDCSaudable
A UDC incorpórase como membro fundacional na Asociación “Red Española de Universidades Saludables. Entre o 3 e o 7 de outubro celébrase a II Semana UDC Saudable.
Campus de Ferrol
Campus de Especialización Campus Industrial
O 8 de xullo de 2016 tivo lugar o acto de presentación do Campus Industrial, coa presenza do presidente da Xunta de Galicia. O 1 de agosto de 2016 asinouse un novo convenio, entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a UDC para actuacións nos centros e unidades de transferencia tecnolóxica e no Campus Industrial de Ferrol. Desde xullo de 2016 desempeña as funcións de director do Campus Industrial de Ferrol o Prof. Dr. Ginés Nicolás.
Durante este ano visitaron o Campus Industrial de Ferrol delegacións de distintas universidades estranxeiras como a Universidade Estatal de Surgut (Rusia) e un grupo de universidades de Australia.
Cátedra Jorge Juan
A Universidade da Coruña e a Armada xestionan de xeito conxunto as actividades da Cátedra Jorge Juan. Cada ano, de xeito alterno, correspóndelle a unha ou outra institución designar un director. Ata o 14 de setembro de 2016 exerceu a dirección a profesora da UDC, Dª. Mª. Carmen Ramírez Gómez, a que queremos agradecer o seu traballo. A partir desta data desempeña a dirección da cátedra o Capitán de Navío Comandante-Director da Escola de Especialidades “Antonio de Escaño” Alfonso Vallés Sales.
Ata aquí un resumen non exhaustivo das accións máis destacadas desenvolvidas polo equipo de goberno durante o pasado año 2016. Este é o resultado do primeiro ano de xestión pero non pode ser considerado illadamente senón que nalgúns casos son programas e políticas desenvolvidas nos últimos años dunha forma continuada. Polo tanto, os resultados acadados non poden ser entendidos sen ter en conta a acción política de equipos anteriores da UDC que iniciaron algunhas das liñas estratéxicas”.

 

Publicado por:
Gabinete de comunicación