O Claustro aproba sen votos en contra a xestión do reitor de 2017

O Clausro aproba sen votos en contra a xestión do reitor de 2017

A Coruña, 16 de maio de 2018.- O Claustro da Universidade aprobou esta mañá a Memoria de xestión de 2017 do reitor con 53 votos a favor, 16 abstencións e sen ningún voto en contra.
Julio Abalde presentou a súa xestión do ano pasado e procedeu a abrir un debate cos asistentes tras o que se votou. Abalde agradeceu a participación no debate e o ton sosegado e construtivo das intervencións. De seguido, o Valedor Universitario presentou, seguindo a orde do día establecida, o seu Informe de xestión dos anos 2016-2017.

Discurso do Reitor, Julio Abalde, ante o Claustro:

“O clima de estabilidade e de normalidade en que transcorreu o ano 2017 permitiulle ao equipo de goberno que me honro en presidir dar pasos importantes no desenvolvemento do vixente Plan estratéxico da UDC.
A mellora do escenario económico e o cambio de tendencia dos nosos orzamentos permítennos ir recuperando pouco a pouco o terreo perdido nos peores anos da crise.
Cumprindo cun dos nosos compromisos pendentes, en abril púxose en marcha a nova estrutura departamental reducida aos 26 novos departamentos (antes había 43), en aplicación dun Plan de racionalización de infraestruturas da UDC. Obxectivo: eficiencia e axilidade. O ano pechouse xa cos novos directores e directoras en exercicio, o mesmo que os decanos/as e directores/as de facultades e escolas onde se renovaron os equipos de goberno.
A nosa Universidade ten xa unha oferta consolidada de 37 graos e 51 mestrados, moitos deles de carácter interuniversitario. Xunta e universidades galegas pactamos en 2017 un novo mapa de titulacións, vixente en principio ata 2021. Ata entón os nosos campus da Coruña incorporarán cinco novos graos, os primeiros dos cales serán o grao en Paisaxe, primeiro de carácter interuniversitario galego, e o grao en Xestión Industrial da Moda, pioneiro no sistema universitario español. Ambos reforzarán a oferta do vindeiro curso.
Unha colaboración institucional responsable e eficiente está detrás tamén da execución das obras da residencia universitaria Elvira Bao, en marcha desde xaneiro. Por fin a Universidade da Coruña contará con unha residencia pública (120 prazas) para o seu alumnado. Unha vella reivindicación da nosa comunidade universitaria que axiña veremos feita realidade grazas ao apoio da Deputación e do Concello da Coruña. Tamén a Deputación e o Concello colabora con nós na reforma da pista de atletismo do complexo deportivo de Elviña.
Traballamos co criterio de estender canto máis sexa posible as relacións docentes, científicas e técnicas co noso contorno socioeconómico. En 2017 asinamos 738 convenios. Máis de medio millar foron para procurarlle prácticas aos nosos alumnos e alumnas, outros 140 foron de carácter específico e en 44 casos tratábase de convenios marco.
A Unidade Mixta de Investigación que a UDC ten con Navantia en Ferrol é unha boa mostra dos bos resultados que se poden tirar seguindo liñas de colaboración con institucións tanto públicas como privadas.
Tres novas cátedras institucionais permitenos manter aberta a colaboración co noso contorno, facilitan as prácticas e a inserción laboral dos nosos egresados e asentan fórmulas de cooperación no terreo da I+D+I.
Esa mesma liña de colaboración con empresas e institucións, que mantemos activa con contactos e visitas seguidas, permítenos contar con bolsas tan importantes para a formación do noso alumnado como as do programa Intalent (patrocinado por Inditex), as financiadas por Banco Santander ou as da ONCE para axudar o estudantado con discapacidade.
Colaboración institucional e sinerxias son, igualmente, conceptos fundacionais para o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas, o cuarto dos nosos centros tecnolóxicos. O CICA forma xa unha sólida agrupación estratéxica co INIBIC.
Nesta Memoria de 2017 constatamos, entre outras moitas cousas, os novos pasos dados no proceso de internacionalización da Universidade da Coruña, así como na procura dunha docencia de excelencia, cada día máis esixente, apoiada na innovación, nos sistemas de garantía interna de calidade e na actualización permanente.
As visitas seguidas aos centros e as reunións con PDI e PAS de todos os centros da Coruña e de Ferrol permítenos manter canles de comunicación directos con toda a comunidade universitaria e dar cumprimento ao noso compromiso de transparencia.
Nesa dirección de participación e transparencia van tamén dúas iniciativas importantes. A primeira a posta en marcha do portal de participación da UDC, UDCDecide. Consideramos esta plataforma de participación como un primer paso, que garantiza un espacio de comunicación directo entre a comunidade universitaria e o equipo reitoral e equipos decanais.
A segunda e, desde o comezo do curso 2017-2018, a nova aplicación UDC-móbil para dispositivos Apple e Android, creada polo Servizo de Informática e Comunicacións”.

Memoria do reitor para o Claustro. Resumo executivo:
Investigación e transferencia

A política científica céntrase en promover a excelencia científica e a especialización investigadora como eixes básicos que, coa transferencia, posibiliten a mellora e o posicionamente da UDC en campos de alto valor estratéxico.
Captación competitiva de recursos
A captación de recursos externos para a investigación durante 2017 ascendeu a preto dos 8 millóns de euros, baixando do conseguido no ano anterior pero duplicando o conseguido no ano 2015. O motivo desta tendencia escalonada ten que ver coa distribución das convocatorias e a resolución. E de esperar que a suba se note na resolución de proxectos competitivos do 2018, que se solicitaron durante 2017, xa que nalgún caso, como as convocatorias europeas as que acuden investigadores e grupos da UDC, se triplicaron as solicitudes.
No tocante a outras axudas de investigación, hai que salientar que a Secretaría Xeral de Universidades convocou e resolveu axudas para grupos de referencia competitiva, grupos de potencial crecemento e redes que supuso unha captación de 3,6 millóns de euros. Hai que engadir que o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) como Centro Singular de Investigación de Galicia e a renovación da agrupación estratéxica CICA-INIBIC.
Adicionalmente, durante o ano conseguíronse un total de 2,6 millóns de euros para infraestruturas de investigación, como consecuencia da participación na última convocatoria competitiva do MINECO. Esta aportación de infraestruturas, repartida entre centros de investigación e institutos, foi cofinanciada co 80% de fondos FEDER e co 20% restante mediante aportación da Secretaría Xeral de Universidades.
No ámbito de axudas competitivas da Consellería de Industria, debemos mencionar o traballo desenvolto pola Unidade Mixta de Investigación (UMI “Estaleiro 4.0 o asteleiro do futuro”) que a UDC ten coa empresa pública Navantia, xa que durante este 2017 conseguiu con éxito un total de 17 accións de investigación conxunta o que supón a contratación de 23 novos investigadores polos distintos grupos de investigación.
Cabe resaltar que a relación coa empresa Navantia está a dar ademais outras interesantes colaboracións, como son a formación cotutelada de doutores coa universidade australiana RMIT de Melbourne, financiando diversos proxectos de investigación pola filial de Navantia-Australia.
Contratos e convenios
No eido da transferencia de investigación e da tecnoloxía da investigación ao tecido industrial, salientamos que o número de contratos con empresas e administracións públicas asinados por investigadores da UDC foi de 217, cifra máis baixa que o pasado ano, aínda que con maior custo medio por contrato. A maior parte destes contratos (139) xestionáronse a través de Fundación da Universidade da Coruña (FUAC). A cantidade total destes contratos con empresas e administracións públicas superou os 3.1 millóns de euros.
Bolsas e contratos de investigación
No que respecta ás bolsas e contratos de investigación captadas polos investigadores, os datos son similares aos dos anos pasados, malia a diminución das axudas FPI, que pasaron das cinco do 2016 a sólo dúas, en todo caso acordes coa falta de convocatorias novas de proxectos do MINECO resoltos este ano.
Como iniciativa propia da UDC, posta en marcha durante o ano anterior, tivo lugar a segunda convocatoria INTALENT, convenio asinado entre a nosa Universidade e a empresa Inditex para captación de investigadores. Este programa ten por finalidade contratar investigadores de prestixio internacional que poidan conseguir financiamento competitivo internacional para a UDC. Nesta segunda convocatoria entraron dous novos investigadores. Cabe mencionar que a investigadora seleccionado na primeira convocatoria, Elena Pazos, conseguiu unha das axudas competitivas do proxecto Retos.
Produción científica
A produción científica recollida na Web of Science, segue nunha boa tendencia, con 916 artigos publicados en 2017, moi similar o ano anterior, cando se batera o récord (924) notándose un aumento na calidade das publicacións con un incremento no número de publicacións no primeiro cuartil (Q1).
Patentes
Incrementouse o número de patentes solicitadas e concedidas. Concedéronse un total de 18 patentes (o ano 2016 concedéranse 8 patentes). En licenzas de sóftware obsérvase unha suba considerable do número de rexistros, que pasou dos 4 de 2016 a 15, recuperando a tendencia doutros anos.
Centros tecnolóxicos
Cómpre salientar a consideración do CITIC como Centro Singular, que supón uns ingresos en 2017 de 430.000€. Os recursos por convocatorias competitivas de I+D+i increméntanse lixeiramente neste centro, pasando dos 4,1 millóns captados en contratos e convenios.
No tocante ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), o traballo centrouse en renovar a agrupación estratéxica e poñer en marcha os laboratorios. Esta agrupación estratéxica, baixo o acrónimo CICA-INIBIC, ten como misión crear un contorno multidisciplinar e sinérxico para dar resposta a retos biomédicos, tecnolóxicos e medioambientais a través da investigación, da formación e da transferencia de solucións integrais que xeren valor científico e económico e progreso social.
O CITEEC conseguiu máis de un millón de euros en axudas estatais para infraestruturas e equipamento. O número de proxectos de investigación con soporte no CITEEC, pasaron de catro conseguidos en 2016 a cinco, pero aínda así están lonxe dos nove do ano 2015. Compénsase co aumento dos convenios con empresas con soporte no CITEEC (28 convenios).
O número de proxectos de investigación do CIT baixou este ano dos 25 aos 11. Este descenso vén motivado porque varios dos grupos do CIT están a colaborar moi activamente coa Unidade Mixta de Investigación con Navantia, que conta como un único proxecto, aínda que cun orzamento total superior aos 3 millóns de euros.
Cátedras institucionais
Asináronse tres novas cátedras institucionais, que veñen incrementar a necesaria colaboración coas empresas.
A Cátedra Cosme Álvarez del Río coa empresa Navantia.
A Cátedra Emalcsa, coa Empresa Municipal de Augas de Coruña.
A Cátedra Everis de Transformación Dixital coa empresa EVERIS.
Docencia e innovación
Ademas dos graos e mestrados ofertados, que se comentaron anteriormente, no curso 2017-2018 ofertáronse un total de 36 programas de doutoramento e defendéronse 163 teses de doutoramento, cun balance moi equilibrado por xéneros, como xa vén ocorrendo nos cinco últimos cursos. Esta cifra segue a estar por riba da media de teses anuais na UDC –situada en torno a 120− debido ás condicións de extinción dos programas de doutoramento establecidas no Real decreto 99/2011. Un total de 44 teses recibiron a Mención Internacional, para cuxa consecución están a resultar fundamentais as axudas para estadías de estudantes de doutoramento financiadas polo programa Inditex-UDC. Na convocatoria do 2017 un total de 35 estudantes desfrutaron delas.
Evolución da matrícula
Canto a evolución da matrícula nas diferentes titulacións, podemos establecer algunhas diferenzas importantes entre graos, mestrados e doutoramentos. O número de estudantes de graos experimentou un leve descenso, ao pasar de 13.913 no 2016 a 13.772 no 2017. Non obstante, a evolución da matrícula nos mestrados e nos programas de doutoramento da UDC é moi positiva. Confírmase a tendencia de crecemento ininterrompido dos últimos anos: pasouse dos 1.393 estudantes de mestrado matriculados en 2014 aos 1.838 en 2017, e dos 560 estudantes de doutoramento en 2014 aos 1.101 en 2017.
Estamos, pois, nunha fase de consolidación da estrutura completa das titulacións, que é posible polo traballo dos equipos directivos das diferentes facultades e escolas implicadas, da Escola Internacional de Doutoramento, así como da comunidade universitaria no seu conxunto.
Universidade Sénior
Polo que se refire á Universidade Sénior, hai que salientar que se mantén en continua expansión, tanto na Coruña como en Ferrol. A matrícula no curso académico 2017-2018 foi de 954 estudantes. Cómpre subliñar unha importante diferenza entre o número de alumnos e alumnas matriculadas, pois a porcentaxe de mulleres matriculadas triplica a dos homes. O plan de estudos da Universidade Sénior incrementou a oferta formativa até chegar á situación actual, con 20 materias no campus da Coruña e 16 no de Ferrol, ademais de 10 obradoiros entre os dous campus.
Así mesmo, seguiu a se incrementar tanto a presenza en distintos foros como os intercambios con universidades españolas e estranxeiras. Entre 2017 e 2019, a Universidade Sénior participará no Proxecto “TICTac+55: Combined Learning Techniques for People 55+ regarding ICT” dentro Programa Erasmus+. Froito dun convenio de colaboración con outras institucións europeas de educación de adultos, a Universidade Sénior participou no International Meeting do proxecto ECHO na localidade de Scandiano.
Calidade e avaliación
17 títulos de grao e de mestrado universitario da UDC ou coordinados por ela renovaron a acreditación. A UTC traballou na revisión, actualización e modificación dos sistemas de garantía interna de calidade (SGIC) dos centros e da Escola Internacional de Doutoramento, en colaboración con un grupo de traballo intercentros, constituído polos/las responsables de calidade dos centros que teñen certificada a implantación do SGIC. Tamén a UTC proporcionou apoio e asesoramento especial aos programas de doutoramento, con motivo da aprobación por parte da ACSUG da Guía para o seguimento e acreditación dous títulos oficiais de doutoramento.
Así mesmo, no 2017, se publicou a VI convocatoria do programa Docentia, na que se avaliaron 193 profesores. Cómpre facer unha valoración positiva dos resultados das valoracións finais alcanzadas, pois un 30.88% obtivo unha valoración de excelente; un 66.18%, de notable; un 2.21%, de aceptable, e un 0.74%, de insuficiente.
Formación e innovación docente
No 2017 publicouse unha nova convocatoria de Innovación docente en Aprendizaxe-Servizo na que se certificaron 16 proxectos.
Como resultado da aposta importante que se está a facer pola innovación docente, publicouse a I Convocatoria de Grupos de Innovación Educativa (GIE), que deu como resultado a creación de 79 GIEs, que agrupan a 550 docentes. Tamén o CUFIE organizou o curso de verán Docentes conectad@s, que permitiu intercambiar coñecementos e experiencias entre docentes de distintos niveis educativos e destacadas personalidades do ámbito da innovación educativa. Iguamente, realizáronse as II Xornadas de Innovación Docente para compartir as experiencias máis innovadoras que se están a poñer en práctica na aulas da nosa universidade. Finalmente, canto ás infraestruturas, hai que sinalar que este ano se estreou unha aula de formación con 25 equipos novos no Edificio Xoana Capdevielle.
Internacionalización
A través da Oficina de Relacións Internacionais, puxéronse en marcha medidas para potenciar a mobilidade con fins de estudos, como o achegamento de información de primeria man ao estudantado (mediante formatos tradicionais e canles dixitais) ou o aumento do número de meses financiados para mobilidades anuais. Aplicouse un aumento similar no apartado de prácticas para estudantes, chegando a financiarse intercambios de prácticas de ate 10 meses. As actuacións para aumentar as mobilidades do persoal supuxeron o incremento das cantidades concedidas inicialmente polo SEPIE, o que se está a traducir nun aumento destas mobilidades.
Estas actuacións apoiáronse con medidas como a primeira convocatoria para a mellora das competencias lingüísticas do estudantado, así como a primeira convocatoria de mentorización lingüística que cumpría un dobre propósito: a integración do estudantado estranxeiro e a internacionalización na casa do propio.
Para fomentar a internacionalización dos nosos campus estamos a apoiar as titulacións duplas ou conxuntas, a participación en proxectos KA2, KA3 ou “capacity building” con socios de fóra da UE, o recrutamento de estudantes internacionais a través de actividades de proxección exterior (asistencia a ferias, organización da ISS, traballo con axentes) e a mellora da información sobre admisión.
Igualmente traballouse na mellora do plan de apoio á docencia en inglés, introducindo por vez primeira a convocatoria para a mellora das competencias lingüísticas do PDI como medida de fortalecemento idiomático previo á realización do curso EMI. Neste sentido, instaurouse o programa de profesores visitantes procedentes de países de fala inglesa para o profesorado que estivese a impartir docencia en lingua inglesa. O impacto destas medidas reflíctese nun incremento nos créditos impartidos en inglés no que se conta coa incorporación de asignaturas en novas titulacións.
Persoal docente e investigador (PDI)
As políticas de acceso e promoción do persoal docente e investigador entraron en 2017 nunha fase de relativa normalización, malia seguiren condicionadas por un marco normativo e económico restritivo. Aínda que a taxa de reposición mantíñase no 100%, a Lei de Acompañamento dos Orzamentos Xerais do Estado do ano 2017 permitiu engadir as prazas en excedencia sen reserva de posto de traballo que se producen cando cada promoción é efectiva, polo que a oferta de emprego público do persoal docente e investigador da UDC se ampliou a 43 prazas. Este incremento permitiu recuperar o atraso acumulado coas necesidades de estabilización das figuras de profesorado con compromiso de estabilidade e, ademais, abordar as necesidades de promoción dun cadro de persoal que supera os 200 profesores acreditados.
A oferta de emprego público foi, polo tanto, suficiente para estabilizar o profesorado con compromiso de estabilidade que finalizou o seu contrato en 2016 e 2017 e para a promoción de todo o profesorado con prazas de catedrático/a de universidade aprobadas polo Consello de Goberno en 2012. A OPE permitiu, ademais, a convocatoria de 9 prazas co fin de que o profesorado contratado doutor acreditado para acceder ao corpo de titulares de universidade solicite a creación dunha praza na súa área de coñecemento e, por primeira vez desde o ano 2012, a convocatoria de 7 prazas de catedrático/a de universidade para o profesorado acreditado. A estas convocatorias, reguladas polos criterios negociados e acordados cos órganos de representación do PDI, presentáronse arredor dun cento de docentes.
Xunto co marco lexislativo estatal e autonómico, que condiciona o desenvolvemento de políticas de estabilización, promoción e contratación de profesorado, os aspectos económicos relativos ao mantemento da masa salarial engaden unha dificultade adicional á política de profesorado.
O incremento anual de trienios e quinquenios, derivado do crecemento vexetativo do cadro de persoal, e dos sexenios de investigación e complementos autonómicos, supón que o orzamento do capítulo I se sitúe no límite dos custos de persoal que fixan as leis de orzamentos para a UDC. Os recursos para financiar os importes correspondentes a estes conceptos, así como as contías das prazas para manter as figuras recollidas no II Convenio colectivo laboral con compromiso de estabilización e das prazas para facer fronte a necesidades urxentes e inaprazables, son moi limitados e proceden basicamente de xubilacións.
Estas limitacións condicionan a contratación de novo persoal, co conseguinte escenario de falta de renovación e de inestabilidade para os proxectos educativos, de investigación ou de transferencia á sociedade dos seus resultados, que tanto preocupan a toda a comunidade universitaria. Os esforzos dos órganos de goberno da UDC centráronse en minimizar os efectos deste contexto restritivo, mantendo estable o número de efectivos, dándolle prioridade a estabilización de profesores e investigadores que se estiveron formando con éxito na nosa universidade e maximizando as posibilidades de promoción despois do bloqueo imposto entre os anos 2012 e 2016.
Ademais dos acordos acadados para a aprobación e execución da oferta pública de emprego, destacan as seguintes medidas:
– Mantense o programa para reducir o número de profesores/as contratados/as Interinos/as de substitución, que non fosen previamente axudantes doutores/as, e asociados/as que conten cunha acreditación, coa súa transformación mediante concursos en profesores/as axudantes doutores/as. En 2017 convocáronse 20 prazas neste programa.
– Aprobouse un novo marco normativo para o nomeamento de profesores eméritos e honorarios. En 2017 nomeáronse cinco novos eméritos e unha profesora emérita, e 4 profesores e unha profesora honorarios.
Persoal de administración e servizos (PAS)
No exercicio de 2017 realizáronse as seguintes actuacións:
• Convocatoria mediante Resolución do 3 de abril de 2017 (DOG núm. 73, do 17 de abril) do proceso de provisión de postos de traballo do persoal funcionario de administración e servizos da Universidade da Coruña.
• Finalización do proceso de promoción interna correspondente á Oferta de Emprego Público do ano 2016, convocado por Resolución do 31 de agosto de 2016 (DOG núm. 182, 23-09-2016) para o ingreso nas distintas escalas de persoal funcionario da Universidade da Coruña. Publicáronse un total de 151 nomeamentos.
• Publicación no DOG número 198, do 18 de outubro de 2017, da Resolución do 5 de outubro de 2017 coa oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para 2017. Nesta oferta figuraban un total de 21 prazas para convocar pola quenda de acceso libre e 50 prazas para convocar pola quenda de promoción interna.
Estudantes
Este ano realizáronse distintas accións para a mellora da empregabilidade e do emprendemento, así como para impulsar a realización de prácticas profesionais e actividades de formación transversal. A este respecto, cómpre salientar a reforma do programa de Mellora da Empregabilidade na súa segunda edición coa participaron 299 estudantes.
Púxose en marcha un programa de orientación de estudantes de doutoramento para responder as súas necesidades específicas de formación/información sobre empregabilidade.
Pola súa parte, a Unidade de Emprego, que ofrece asesoramento xeral e tamén especializado para crear Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica, comezou a xestionar as bolsas Fundación ONCE-CRUE de prácticas para alumnado con discapacidade.
Respecto da divulgación de la UDC para futuros estudantes, o SAPE organiza en el programa “Visita o teu campus”, para alumnado de ESO, de bacharelato e de FP e charlas informativas en centros. Fíxose un esforzo para pasar de 41 a 72 centros visitados. Igualmente cómpre mencionar a colaboración co Concello da Coruña na xornada anual “Ti elixes!”, que se organiza no CUR, con máis de 5.000 estudantes .
Bolsas
Mantense o número de bolsas de colaboración para formación complementaria, bolsas UDC-Santander para estudos de mestrado e axudas para o transporte urbano. Ademais, para compensar as dificultades económicas que lles impidan continuar os estudos a algúns estudantes, a Universidade da Coruña concedeu 39 bolsas e duplicou o orzamento para estas axudas. Tamén co obxectivo de promover a igualdade de oportunidades, concedéronse no curso 2016-2017, un total de 222 axudas para aloxamento.
Publicacións
O Servizo de Publicacións continuou a xestionar a edición, difusión e comercialización de libros e revistas e enriqueceu o seu catálogo editorial con 16 novos volumes. Así mesmo, presentou tres novos números de publicacións periódicas, co que chegou a 16. Cómpre salientar que se actualizou a aplicación OJS á versión 2.8, e que están en OJS 13 das 16 revistas, e 12 delas reciben DOI.
Deportes
A IX edición dos Premios UDC Deportes recaeu en Alberto Seoane Alcaraz, en recoñecemento á súa longa traxectoria deportiva. Foi campión do mundo por equipos (2014 e 2017), ouro no Open de Eslovaquia (2015) e dobre diploma nos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro (2016). É décimo no ránking mundial de tenis de mesa para discapacitados.
Nas ligas universitarias internas participaron 104 equipos en modalidades como o fútbol 7, baloncesto e fútbol sala. Os deportistas da UDC con medalla nos Campionatos de España Universitario foron Sara García Suárez, medalle de prata en taekwondo na categoría de 57 Kg; Sofía Pérez Riesco, medalla de prata en taekwondo na categoría de 73 Kg; Paula Iglesia Garnello, medalla de prata en atletismo en 400 ml. Miguel Riopedre consiguió unha medalla de bronce no campionato de Europa de Judo na categoría de 60 Kg.
Divulgación
A Unidade de Divulgación Científica e Cultural, en colaboración coa Deputación da Coruña, convocou a II edición de Expociencia-UDC para promover a comunicación científica. O 30 de novembro celebrouse a II Xornada de divulgación científica “Isabel Zendal”. Celebrouse O Día de Muller e a Nena na Ciencia cun ciclo de charlas curtas impartidas por profesores e alumnas da UDC, que falaron da vida e logros científicos de diversas pioneiras en diferentes campos da ciencia.
Cultura
Celebrouse a vixésimo cuarta edición do Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña (FITEUC), que organizou a institución.
En novembro inaugurouse en Normal a exposición As Noites interiores de Jesús Madriñán, que reuniu por primeira vez, e nun mesmo espazo, as series fotográficas máis recientes do artista galego.
Cursos e congresos
Subvencionou un total de 43 de actividades, entre cursos, xornadas, seminarios, encontros e ciclos de conferencias. O 31 de Maio aprobouse o Regulamento dos Cursos de Extensión Universitaria, onde se regulan as actividades non regradas organizadas pola UDC.
Actividades complementarias
A UDC organiza campamentos de Semana Santa e de verán para fillos de membros da comunidade universitaria, mais abertos tamén a persoas alleas.
No campamento Mauro Silva, que se organizou por décimosetimo ano consecutivo nas vacacións de Semana Santa, participaron 112 nenos e nenas de entre catro e doce anos. Tomaron parte en actividades deportivas, hábitos de estudo e inglés. En verán convocáronse campamentos para nenos e nenas de primaria nos campus da Coruña e de Ferrol, cun total de 360 rapaces e rapazas.
Orzamento e liquidación
O 22 de decembro de 2016 o Consello Social aprobou os orzamentos da Universidade da Coruña para o ano 2017. O Plan operativo anual e o orzamento do exercicio desenvolven as Liñas xerais do orzamento de 2017, aprobadas polo Claustro o 14 de decembro de 2016. O orzamento foi de 119,45 millóns de euros. Esta cantidade supón un aumento de 3,13 millóns de euros, o que equivale a un incremento dun 2,69% respecto do 2016.
Os ingresos en 2017 pola matrícula xa deixaron de verse afectados pola adaptación das titulacións ao EEES, aínda que cómpre ter en conta a previsión demográfica á baixa na estimación deste concepto.

Cabe destacar que se consignou crédito para acometer a recuperación do complemento específico ou homólogo imputable á paga extra. En consecuencia, o gasto corrente previsto de capítulo I aumentou un 2,16%. O total ascendeu a 90,29 millóns de euros, o que supón case un 75,59% do gasto total.
Preveuse unha redución dos gastos correntes (-5,09%) motivado pola aplicación de medidas de racionalización do gasto e polo comezo de aplicación de programas de eficiencia enerxética. O total ascende a 14,49 millóns de euros, o que supón un peso do 12,13%.
No apartado de investimentos reais rexistrouse un incremento (20,78%) derivado da necesidade do financiamento de medidas ou investimentos conducentes ao aforro enerxético ou equipamento de obras e infraestruturas.
Os ingresos por taxas, prezos públicos e outros ingresos incrementan un 6,57% ate chegar aos 16,35 millóns de euros. O incremento veu derivado principalmente do incremento en ingresos diversos e doutros ingresos procedentes de prestación de servizos (alugueres, custos indirectos e facturación por prestación de servizos de investigación).
Canto ás transferencias correntes, incrementaronse fundamentalmente pola recuperación do complemento específico ou equivalente aplicado á paga extra.
En resumo, hai unha mellora no financiamento por resultados tanto en termos absolutos como en termos relativos.
Canto á liquidación do exercicio de 2016, as estimacións de ingresos foron bastante precisas xa que os ingresos reais por taxas, prezos públicos ou outros ingresos (15,18M€) case alcanzan a cifra estimada ao comezo do ano (15,34M€). De igual xeito, houbo un incremento das transferencias correntes notable (87,36M€ fronte a 85,26M€) mentres que os ingresos patrimoniais tamén se mantiveron moi preto da expectativa.
A pesar de que o resultado orzamentario de 2016 ofrece un déficit de 1,64M€, hai unha mellora notable con respecto a 2015, posto que nese ano o déficit ascendeu a 4,78M€. Isto supón pasar dun déficit, medido como saldo orzamentario sobre o orzamento, do 4,1% en 2015 a un déficit do 1,4% en 2016. Deste xeito, de acordo coa liquidación efectuada no ano 2016, o remanente non afectado de tesourería que ascendía a 2,45 millóns de euros en 2015 pasou a ser de 3,09 millóns.
Cabe sinalar que se deu unha mellora no saldo medio a pagar a provedores, xa que no ano 2014 era do 5,56% con respecto ao orzamento, en 2015 baixou lixeiramente ata o 4,6%, mentres que no ano 2016 sitúase no 2,1%.
Infraestruturas
As actuacións máis importantes centráronse en obras que supuxeron un investimento notable para realizar proxectos de reforma ou rehabilitación como a praza da Maestranza, a residencia universitaria ou o estadio de deportes.
As obras na praza da Maestranza, executadas para renovar máis da metade da lousa, prolongáronse durante dous meses. Mentres, en setembro comezou a reforma da entrada do Estadio e novas pistas deportivas. Os problemas meteorolóxicos provocaron unha demora e quedaron pendentes de remate para 2018.
Canto á residencia universitaria da Coruña, avanzouse ate un nivel de execución do 70%. Espérase que finalice a obra no primeiro semestre do ano 2018. Unha vez que se rematen as obras vaise preparar co Concello unha parada de autobús urbano, instalar wifi e equipar habitacións e servizos de comedor e lavandería.
Por outro lado, continúase coa política de manter a compra de enerxía eléctrica en tres centros e a posibilidade de adherirse á rede Redexga para conseguir mellores tarifas de consumo de electricidade e de gas. Tamén se conseguiron certificacións enerxéticas en 11 edificios do Campus de Ferrol.
Medio Ambiente
Cinco centros dos campus da Coruña e de Ferrol contan xa con Bandeira Verde e está en marcha o programa noutros catro centros máis.
Imos dando pasos significativos en materia de sustentabilidade ambiental. E estes pasos reflíctense no posicionamento da nosa Universidade no ránking GreenMetric das universidades do mundo. A UDC está no posto 86 entre o 619 campus concorrentes na edición de 2017.
Responsabilidade Social: Atención á diversidade
– Rede SAPDU: A UDC forma parte desta rede de servizos de atención á diversidade dende o ano 2014 de todas as universidades españolas. En 2017 pasamos a coordinar o grupo de traballo de Comunicación e TIC, no que participan outras 5 universidades.
– Espazo Compartido: Presentámonos á convocatoria da Fundación ONCE para programas universitarios de emprego dirixidos a xóvenes con discapacidade intelectual. Nesta convocatoria saíron elexidas 15 universidades. O programa da UDC obtivo a primeira posición.
– Bolsas para estudantes con necesidades especiais: Anualmente a Universidade da Coruña convoca 20 axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para alumnado con necesidades educativas especiais. No curso 2016-2017 convocáronse por primeira vez as bolsas ONCE-CRUE para prácticas extracurriculares de alumnado con discapacidade. Na UDC beneficiáronse desta bolsa 6 estudantes.
– Programa Mentoring Inclusivo: Ao abeiro do convenio asinado coa Fundación Bancaria “La Caixa”, comezou a desenvolverse na UDC o programa Mentoring Inclusivo, deseñado especificamente para mellorar a inserción laboral dos egresados con discapacidade.
– Rede UDC-U (UDC Universal): Plan de Acción Titorial para alumnado con diversidade funcional: Dentro do Plan de Acción Titorial, cada centro establece un titor/a específico para o alumnado con diversidade funcional ou necesidades educativas específicas.
– Programa de prácticas relacionadas coa diversidad: Unha das iniciativas máis importantes da unidade é establecer un programa de prácticas que conecte a alumnado de distintas titulacións en temas relacionados coa diversidade.
Oficina para a Igualdade de Xénero
• Entre outras iniciativas, a Oficina para a Igualdade de Xénero organizou os cursos Docencia e responsabilidade social universitaria e Políticias e Políticas de igualdade e violencia de xénero, dentro do Plan de Apopio ao Ensino.
• Actos Conmemorativos: O 11 de febreiro: Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia. Unha científica vista o noso cole. Nos colexios público de Ferrol durante o mes de febereiro. Colaboración co Concello de Ferrol e a asociación AMIT_GAL.
• 8 de marzo. Acto institucional na ETS de Arquitectura.
• 25 de novembro. Xornadas de prevención e sensibilización da violencia sexual na mocidade. Postos informativos.
• Exposicións: Edición da exposición “Mulleres nas bibliotecas da UDC”. Mulleres nos Premios Nobel e “María del Milagro Rey Hombre, arquitecta, 1930-2014”.
• Organización de xornadas: V Xornada Universitaria Galega en Xénero, en Vigo, en colaboración coas unidades de igualdade da USC e Uvigo. Xornada de prevención e sensibilización da violencia sexual na mocidade.
• Concursos: V Edición do Concurso de traballos académicos con perspectiva de xénero Angeles Alvariño e V Edición do Concurso de fotografía Rosalind Franklin.
Centro de Estudos de Xénero e Feministas
Este centro organizou a V edición do Curso de Historia da Teoría Feminista, articulado arredor da reconstrución retrospectiva e cronolóxica do feminismo como tradición intelectual e movemento social. Tamén o III Feminario do Centro de Estudos de Xénero e Feministas. Neste caso o programa aunou a presencia de representantes de institucións promotoras da igualdade de xénero e os feminismos e o alumnado universitario que no presente cursos ou en cursos pasados presentou TFGs e TFMs que se caracterizaban pola presencia da perspectiva de xénero.
O Centro de Estudos de Xénero organiza o curso de verán “A igualdade de xénero na axenda para o desenvolvemento”. Pola súa parte, a revista Atlánticas publicou un monográfico sobre “Cooeducación: Feminismo en acción” dirixido polas profesoras da Universidade da Coruña Ana Iglesias Galdo e Ana Sánchez Bello.
UDC Saudable
Desenvolvéronse campañas informativas sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e de recollida de teléfonos móbiles en distintos centros dos campus da Coruña e Ferrol. En outubro organizouse a III Semana UDC Saudable 2017, con obradoiros e charlas sobre aspectos da ciencia e da saúde.
Rematou a fase piloto do proxecto de investigación “Hábitos, rutinas e estilos de vida saudables na UDC: Diagnóstico da situación e detección de necesidades”, coa participación de 20 expertos/as avaliadores.
Secretaría Xeral
Consolidación dos cambios introducidos nos entes instrumentais, en especial a FUAC. A fundación da universidade xa está a xestionar encargos da Universidade para a xestión dos títulos propios, a xestión dos cursos do centro de linguas a alumnados estranxeiro, as prácticas ou a xestión dos contratos de transferencia.
No ámbito da normalización lingüística, o servizo proseguiu co seu labor de promoción do uso do galego na UDC, organizando un curso para o PDI e financiando, a través do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, as xornadas de verán en colaboración co Concello de Carballo e os cursos de galego para estudantes estranxeiros.
Ao longo de 2017 implantáronse os sistemas de rexistro electrónico, en colaboración co Servizo de Informática e Comunicacións.
Cooperación e voluntariado
A Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) constrúe cidadanía crítica mediante un amplo programa de accións formativas e de sensibilización. Traballa a prol dos dereitos humanos e a xustiza social con proxectos propios de voluntariado e a promoción da Aprendizaxe-Servizo entre a comunidade universitaria. Facilita o coñecemento doutras realidades a través de bolsas no eido da cooperación ao desenvolvemento. Lidera o traballo de elaboración dunha estratexia común da UDC para a execución da Axenda 2030 e a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
En canto á formación, cómpre unha mención singular para as diferentes xornadas de sensibilización e formativas en materia de inmigración, persoas refuxiadas, persoas sen fogar ou educación para o desenvolvemento, etc, que se desenvolven ao longo do ano e nas que participaron 476 persoas, ademais dos cursos propios de formación para o voluntariado de nova incorporación.

Publicado por:
Gabinete de comunicación