O Claustro aproba as liñas xerais orzamentarias da UDC para 2017

O Claustro aproba as liñas xerais orzamentarias da UDC para 2017

A Coruña, 14 de decembro de 2016.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presidiu esta mañá a sesión de Claustro en que se presentaron as Liñas Xerais Orzamentarias para o 2017, que elevan a 119,4 millóns de euros o orzamento do próximo exercicio, un 2,64% máis que o anterior, e que foron aprobadas con 68 votos a favor, 8 en contra e 20 abstencións.
O vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade, Domingo Calvo, explicou que o incremento de fondos vén por un lado, pola recuperación do complemento específico imputable á paga extra dos traballadores e polo outro, pola mellora dos indicadores asociados ao fondo de resultados: Nestes indicadores a Universidade da Coruña tivo un incremento significativo, o mellor comportamento do Sistema Universitario Galego. “Esta é moi boa nova para a Universidade da Coruña. Temos melloras en rendemento académico, en investigación e transferencia de resultados de investigación”, explicou o vicerreitor para concluír en que “somos máis eficientes”.
Na quenda de preguntas sobre as Liñas Xerais Orzamentarias, o profesor Andrés de Blas pediu que a documentación deste punto do Claustro se enviase antes aos claustrais ao que se lle replicou que as negociacións coa Xunta ata o último día, o 9 de decembro, imposibilitaron achegar a documentación con máis antelación; unha documentación, por outra parte que non está recollido en ningunha normativa que haxa que presentar. O profesor Luis Castedo interveu para apuntar que bota en falta a referencia ao Plan Estratéxico da UDC nas Liñas Orzamentarias así como coincidiu co vicerreitor en que “é unha boa noticia para a UDC” a mellora dos indicadores por resultados e o incremento de financiamento acadado por esta vía.
Xosé Portela, en representación do persoal de administración e servizos, manifestou que o documento contén “unha proliferación de datos con respecto ao orzamento pero que é máis vago con respecto as intencións do equipo de goberno sobre a preservación dos planteis de profesorado e de persoal de administración e servizos” e inquiriu ao reitor se continuaría coa perseveranza dos equipos anteriores no mantemento do persoal. Así mesmo, reivindicou a recuperación da acción social recortada estes últimos anos. O profesor Anxo Calvo, pola súa parte, fixo unha lectura dos orzamentos incardinada na acción de traballo dos equipos anteriores e subliñou que a xestión económica rigorosa iniciada está “empezando a dar resultados”. Coincidiu con Castedo na demanda dos obxectivos do Plan Estratéxico e aprobou o esforzo de investimento en persoal “onde está o capital intelectual e ao que non se pode renunciar”. O profesor da Facultade de Economía e Empresa indicou ademais que este orzamento con superávit e coa carencia de débeda da UDC supón “seguir co cumprimento da Lei de Estabilidade Orzamentaria”. Lembrou tamén que segundo o último estudo da Fundación CyD, a UDC é a máis eficiente no Sistema Universitario Galego.
A profesora Amalia Blanco animou ao vicerreitor a perseverar ante á Xunta de Galicia para que aporte os datos económicos para poder facer as contas orzamentarias con tempo suficiente pois “se algo bo ten o novo Plan de Financiamento Universitario do Sistema Universitario Galego é que se ía coñecer con tempo suficiente as contías económicas a disposición das universidades para que estas puidesen facer os seus cálculos en prazo”. Finalmente, as intervencións neste punto remataron coa petición do profesor Carlos Platas dunha proxección a futuro no comportamento dos indicadores de resultados.
O reitor explicou que as contas económicas da UDC, despois do trámite de Claustro, irán a informe favorable do Consello de Goberno o día 22, o mesmo día en que se someterán a aprobación por parte do Consello Social para que entren en vigor o 1 de xaneiro de 2017. Explicou que no propio documento están expostas as prioridades de goberno para o próximo ano que pasan pola estabilización e mantemento do profesorado e persoal de administración e servizos, a internacionalización e seguir traballando na eficiencia, con medidas como a compra directa de enerxía que pode supoñer ata un 25% de aforro. Abalde puxo sobre a mesa a preocupación polo descenso de alumnado que está a vivir o Sistema Universitario Galego, que pasou de 64.538 estudantes no curso 2013/2014 a 60.830 no curso 2014/2015. Este descenso vai paralelo, dixo o reitor, ao descenso demográfico galego. No que respecta aos indicadores de resultados se ben felicitou ao conxunto da Universidade da Coruña polo éxito acadado, alertou de que estes indicadores non son favorables para a UDC e así se vén manifestando en repetidas ocasións ante a Xunta. “Puxéronse uns indicadores difíciles de cumprir e sacaron aqueles nos que a UDC é forte, como a inserción laboral dos seus titulados”, explicou engadindo que “estamos mellorando máis que as outras universidades galegas pero temos que mellorar máis aínda porque os indicadores dificultan o avance da UDC”. Neste punto, o vicerreitor de Economía concretou que un dos indicadores de máis peso ten que ver coa captación de talento e que a UDC puxo en marcha o programa InTalent, financiado por Inditex, para reter e captar talento pero que os seus resultados non se verán plasmados en termos económicos ata o exercicio de 2019.
A orde do día, incluía a presentación do Informe do Valedor Universitario, Enrique Ansemil, que explicou que no último curso baixaron o número de casos, atendendo un total de 80 consultas e 35 queixas, a maioría do colectivo dos estudantes sobre acceso, taxas e xestión académica. Na seguinte quenda de intervencións aberta neste punto, aproveitouse para tratar varios temas sen referencia específica ao informe do Valedor, como a normativa de matrícula a tempo parcial ou a nova norma da Aneca sobre os requisitos para a acreditación do profesorado para poder promocionar e que leva, asegurou o profesor Moisés Canle, a que moito do talento universitario se vaia de España a desenvolver a súa carreira profesional. O alumno Alberto Franco coincidiu co expresado polo reitor sobre o descenso de alumnado universitario e a demografía pero apuntou tamén “que a baixada de matrículas está vinculada á expulsión por causas económicas da universidade”.
O Claustro tiña na orde do día unha última quenda aberta de intervencións en que os profesores Alejandro Pazos e Santiago Roura manifestaron a súa oposición ao Plan de reorganización das infraestruturas da UDC sendo o claustral Xosé Portela quen recordou que se convocou un Claustro extraordinario para falar deste punto. “Sinto que as reflexións argumentadas hoxe non se fixeran no Claustro convocado expresamente para este asunto”, manifestou. Coa intervención do alumno Alberto Franco demandando melloras para este colectivo como o abaratamento do prezo do bus universitario ou a residencia universitaria pechouse a sesión.

 

Publicado por:
Gabinete de comunicación