A Coruña, 12 de decembro de 2017.- O vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade, Domingo Calvo Dopico, presentou esta mañá en Claustro as liñas xerais orzamentarias do ano 2018, e unha estimación para o 2019, que foron aprobadas sen ningún voto en contra, 57 votos a favor e 26 abstencións.
O orzamento da Universidade da Coruña para o próximo ano sitúase en 123,295 millóns de euros, o que supón un incremento do 3,22% con respecto a 2017. “O exercicio económico do próximo ano presenta un escenario no que se está a producir un lixeiro incremento nos ingresos pero –advertiu o vicerreitor de Economía-, a UDC continúa nun contexto económico restritivo, xa que o orzamento aínda está por debaixo dos niveis anteriores á crise económica que se situaba en 137,8M€ no ano 2009”. “Isto obriga a conter o nivel de gasto corrente e a non poder realizar actuacións importantes de investimento en capital”, declarou Calvo Dopico.
É de destacar, segundo manifestou o reitor, Julio Abalde, que “a UDC segue sen ter débeda por unha xestión rigorosa da súa economía incluso nos peores momentos”.
A principal fonte de financiamento das Universidades Galegas son as achegas da Comunidade Autónoma, o que supón aproximadamente o 80% dos orzamentos. As achegas restantes proceden das taxas ou prezos públicos e ingresos patrimoniais, captación de fondos de investigación a través de proxectos autonómicos, nacionais ou europeos; outras achegas de empresas privadas, e remanente.
Dentro das achegas da Comunidade Autónoma diferénciase entre un fondo estrutural e un fondo de resultados. O custe estándar, -a parte máis importante do fondo estrutural e que supón a achega máis importante xa que é a que dá resposta ás necesidades docentes e funcionais-, experimenta un cambio notable. Este fondo evolucionaba directamente en función do número de alumnos mais agora varía en función dos créditos matriculados. A Universidade da Coruña mellora a súa importancia relativa no fondo estrutural pasando dun 26,8% a un 28,02% o que representa un custo estándar de 70,14M€, e que supón un incremento de 3,76 millóns de euros. A ese fondo do custo estándar hai que engadir no caso especial da UDC unha mellora adicional no financiamento estrutural de 1,4 millóns de euros como compensación do infrafinanciamento experimentado no anterior Plan de Financiamento entre os anos 2010 e 2015, a raíz da demanda do recurso contencioso-administrativo que interpuxo a UDC. A Universidade da Coruña recibirá 4,2M€ en total, nas anualidades de 2018, 2019 e 2020.
O fondo de resultados está formado fundamentalmente por dous subfondos: os complementos retributivos e compensación de matrículas, e o panel de indicadores. O panel de indicadores, no que se reparten 63,52 millóns de euros, repártese de xeito competitivo en función duns indicadores de capacidade docente, investigadora ou de transferencia. A UDC mellora a ponderación tanto no subfondo dos complementos retributivos como no panel de indicadores. Os datos indican que a Universidade, no seu conxunto, está a mellorar o rendemento da actividade investigadora e de transferencia.
O remanente da UDC estivo a experimentar estes anos unha perda motivada polo contexto orzamentario de restrición financeira pero coa rigorosa xestión da UDC, o remanente de 2018 é de 0,589M€, o que supón un incremento do 20%.
No capítulo de gastos, os gastos de persoal increméntanse nun 2,11% o que supón un 74,78% do orzamento, alcanzando unha contía de 92,201M€. Os investimentos reais diminúen un 9,78%, se ben poden incrementarse notablemente este ano procedente de achegas do fondo de Investigación, desenvolvemento e innovación da Comunidade Autónoma en forma de programas da mellora da calidade e da promoción e apoio á investigación e transferencia. Con respecto aos gastos correntes e as transferencias correntes hai un incremento en ambos casos notable.
Realízase unha proxección orzamentaria para o ano 2019 de 126,613 millóns de euros, o que suporía un incremento dun 2,69%, mais esta variación dependerá doutros indicadores como a evolución do PIB da comunidade autónoma, a evolución dos créditos matriculados no Sistema Universitario Galego ou a evolución do módulo económico que determina en gran parte o volume de transferencias correntes que realiza a Xunta de Galicia para o financiamento das necesidades docentes ou funcionais.
Finalmente, a gran novidade para o ano 2018 será o lanzamento dos Campus de Especialización para a Coruña, o Campus Innova e o Campus da Sustentabilidade. Preténdese avanzar na definición das grandes áreas e liñas de especialización para a Universidade sobre as cales se concreten tanto as liñas de investigación ou de transferencia como as áreas de interese formativo ou académico. Por medio destes Campus inténtase dar unha mellor oferta académica e mellorar a transferencia de coñecemento á sociedade.
O orzamento da UDC presentarase de forma detallada na vindeira sesión de Consello de Goberno, o mércores, 20 de decembro, e terá que ser aprobado polo Consello Social para que entre en vigor.
Na sesión de Claustro de hoxe, o reitor informou do estado do novo mapa de titulacións e do proceso de especialización dos campus da Coruña, logo de que o de Ferrol se especializase como Campus Industrial. Abalde agradeceu expresamente o excelente traballo do director do Campus Industrial de Ferrol, Ginés Nicolás, e de todo o equipo polos bos resultados que están acadando.
O reitor informou tamén da política de estabilización e promoción do profesorado que que permitirá empezar o novo ano sen ningún proceso de estabilización pendente, logo de rematar en 2017 con todos os compromisos de estabilización e promoción pendentes desde que entrou en vigor en 2012 a taxa de reposición. Así mesmo deu conta de dúas novas incorporacións de investigadores do programa de captación de talento UDC-Inditex, o Programa InTalent, resultado da segunda convocatoria na que se presentaron 64 solicitudes de todo o mundo e que permitirá que en xaneiro se incorporen dúas novas fichaxes investigadoras á UDC. Acaba de concederse tamén, dixo Abalde, a renovación da agrupación estratéxica dos centros de investigación CICA e INIBIC, do que forman parte a UDC e o SERGAS; e un fondo de 190.000 euros do Mineco para que a OTRI poida axudar aos investigadores da UDC a participar nas convocatorias de proxectos europeos e de redes internacionais.
Publicado por:
Gabinete de comunicación
