A Coruña, 5 de maio de 2023.- O Claustro da Universidade da Coruña aprobou esta mañá a xestión do reitor, Julio Abalde, do ano 2022 con 68 votos a favor, 12 abstencións e dous votos en contra.
Esta foi a oitava Memoria de Xestión presentada polo reitor Abalde, quen aproveitou, ao remate da sesión, para agradecer aos claustrais “a complicidade nestes oito anos en que sempre houbo colaboración e traballo conxunto para mellorar a Universidade da Coruña”.
O reitor deu conta pormenorizada das actividades realizadas polo equipo de goberno da UDC no ano pasado cun longo discurso que resumimos con esta introdución:
“O ano 2022 permitiu, á fin, recuperar a desexada normalidade da vida universitaria, e mesmo comezou ofrecéndonos a oportunidade de celebrarmos a concesión da honra “Ferrolán do ano” do Concello de Ferrol ao Campus Industrial da UDC. Este recoñecemento é unha confirmación a un labor de varios anos pola revitalización dun campus que agora mesmo se está a converter nun referente.
Foi un fito para o campus a creación da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol que acolle toda a docencia impartida nas antigas Escola Universitaria Politécnica e na Escola Politécnica Superior. Estamos convencidos, á vista dos resultados, de que a EPEF está chamada a se converter no centro de referencia de enxeñaría de Galicia e que se verá potenciado co futuro Edificio de Investigación e Innovación na Industria (EI3) iniciado no pasado ano cun acordo coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, polo que a Xunta de Galicia financia con preto dun millón de euros a elaboración do proxecto do edificio.
Malia as expectativas da saída da pandemia, os seus efectos aínda se deixaron sentir e obrigáronnos a cancelar por segundo ano consecutivo a celebración do Día da Universidade. Esta festividade é unha homenaxe ao alumnado e foi un pesar non poder celebrar co noso estudantado e coas súas familias este recoñecemento ao seu esforzo nunhas condicións inéditas.
Sen dúbida, a recuperación da normalidade en todos os ámbitos das nosas vidas animaba o comezo de ano, cando o mundo se viu sacudido polo inicio da invasión rusa a Ucraína, en febreiro de 2022. Como o resto da sociedade, quedamos profundamente afectados e inmediatamente nos puxemos en disposición de axudar e paliar, na medida das nosas posibilidades, os tráxicos efectos desta guerra. Así preparamos un plan de axudas para que o alumnado universitario procedente de Ucraína puidese continuar os seus estudos na nosa universidade.
Ao se prolongar o conflito agudizáronse os seus múltiples efectos, vímonos na obriga de afrontar con medidas extraordinarias a carestía dos prezos, fundamentalmente no que atinxe á subministración de enerxía e, nalgúns casos, de distintos materiais, sufrindo a ralentización dalgúns proxectos.
Ao longo do ano 2022 estivemos traballando no deseño do Plan estratéxico 2022-2026 para o que contamos coa participación de máis de 120 persoas da comunidade universitaria na elaboración colexiada deste documento, que foi aprobado polo Claustro universitario a comezos de novembro. Será unha folla de ruta moi estimable para posicionar mellor a Universidade da Coruña no seu contorno de influencia, no marco do SUG e do SUE e no contexto internacional.
Contamos cun novo Plan galego de financiamento para o SUG 2022-2026, asinado en febreiro, que mellora na súa parte estrutural respecto dos anteriores. Traballamos arreo para ver recoñecida esta demanda neste novo marco que resulta, por outra banda, máis esixente que outros, ao penalizar economicamente o incumprimento dalgúns criterios.
Un exercicio máis, a Universidade da Coruña presentou unhas contas saneadas, cun orzamento incrementado este ano nun 7,98 %. Mantivemos o noso compromiso coa igualdade de oportunidades para o alumnado, ao apostar por accións xa consolidadas na UDC no que atinxe a bolsas, premios, programas, residencias etc., cunha dotación total de 2,5 millóns de euros. Incrementamos as nosas relacións cos principais sectores produtivos do país e intensificamos as sinerxías institucionais sumando convenios de colaboración en moi diferentes materias. Cabe destacar o convenio de mecenado asinado co conselleiro delegado de Inditex, alumni da UDC, Óscar García Maceiras, por un importe de 1,5 millóns de euros para atraer persoal investigador excelente co programa propio InTalent e tamén a creación do Centro Mixto de Investigación (CEMI) UDC-Navantia “O estaleiro do futuro”.
No que respecta á captación de talento, o ano 2022 marcou un fito coa incorporación de seis novos investigadores e investigadoras Ramón y Cajal, que levou a que houbese activos 16 investigadores grazas a este programa. Sen dúbida, neste éxito algo tería que ver o selo “HR Excellence in Research” de Human Resources Strategy for Researchers, HRS4R, que acredita as boas prácticas realizadas na contratación de persoal investigador, que a UDC conseguiu renovar este ano pasado.
Tamén é un logro considerable para esta universidade a constitución do consorcio estratéxico internacional universitario EMERGE (European Margins Engaging for Regional and Global Empowerment), que nos sitúa nun nivel superior de calidade europea.
Esta alianza de universidades europeas está formada por universidades de Francia, Irlanda, Grecia, Alemaña, Noruega, Eslovaquia, Chipre e España, coa UDC.
O ano 2022 está marcado tamén por un fito, externo á Universidade da Coruña en certa maneira, pero que vai ter un impacto máis que significativo no noso futuro como institución. A principios de decembro, o Consello de Ministros elixía a cidade da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). O Goberno salientou o “importante ecosistema universitario da Coruña, tanto na formación como na investigación relacionado coa Intelixencia Artificial, así como o excelente ecosistema empresarial con ata dous hub de innovación dixital que xeran un 10 % do emprego galego”.
Como se sabe, a candidatura da AESIA superou un proceso galego de selección en que a UDC foi determinante ao promover e defender a sede coruñesa.
O proxecto da Cidade das TIC, neste ano 2022, pasou a ser unha realidade co inicio das obras do Galaxy Lab, o laboratorio de drons do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e do Centro de Servizos Avanzados (CSA), que inauguraremos neste 2023.
A volta á normalidade, tal e como se detalla nas distintas áreas recollidas neste informe, encheu os campus de actividades e iniciativas nos máis variados formatos, como os proxectos expositivos do noso Espazo de Intervención Cultural NORMAL. A mostra “A Galicia deseñada” marcou un récord de asistencia e repercusión ao ser a primeira exposición da historia do deseño galego.
No ámbito da responsabilidade social, a UDC veu recoñecida a súa aposta polos valores da inclusión educativa ao ser galardoado o titulo propio Programa Espazo Compartido co VIII Premio Fundación Diversidade, na modalidade de institución pública. Felicito, ademais, o noso profesorado que este ano pasado viu recoñecido o seu labor investigador con premios e distincións nacionais e internacionais ou coa incorporación en distintas academias. O mérito é sen dúbida persoal pero o recoñecemento exerce a súa influencia en toda a Universidade da Coruña”.
Informe da Valedora Universitaria
Ademais do informe de xestión do reitor do pasado ano, a Valedora Universitaria, Ana Tarrío, deu conta da súa actividade no curso 2021/2022. Nese período houbo en total 159 casos, que se dividen en 99 consultas e 60 queixas.
Das 99 consultas presentadas polos tres colectivos da UDC, a maioría corresponde ao estudantado (85%), ao cal seguen o PDI (8%) e as persoas alleas á universidade (7%). O número de consultas descendeu con respecto ao curso en catro casos. O número maior de consultas realizouse na temática de exames e criterios de avaliación, seguidas das consultas relacionadas coa actividade docente.
No curso académico 2021/22 contabilizáronse 60 casos correspondentes a queixas e reclamacións, cun descenso con respecto ao curso anterior en nove. A maioría dos casos corresponden ao estudantado (62%), seguido de profesorado (18%); persoal de administración e servizos (12%); e persoas alleas á universidade (12%). O maior número de casos abranguen as temáticas de organización e actividade docente; de acceso, taxas e xestión académica e de infraestrutura e funcionamento dos servizos.
Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC
