- Entre as relatoras destacan a investigadora Clotilde Thèry do Institut Curie en Paris (Francia), Héctor Peinado do CNIO en Madrid e María Mayán do INIBIC na Coruña.
- O encontro tratará sobre os últimos resultados de diferentes grupos de investigación no estudo da actividade inmune antitumoral e no desenvolvemento de novas terapias en cancro.
- Contará cunha presentación de GALARIA, empresa pública galega encargada da posta en marcha de terapias avanzadas e inmunoterapias como terapias celulares CAR-T para o tratamento do cancro.
A Coruña, 6 de outubro de 2022.- O Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) en colaboración co CICA e a Universidade da Coruña organizan o workshop Science Xpression. Este ano o evento atrae á cidade coruñesa investigadores e investigadoras relevantes no estudo de diferentes mecanismos implicados no progreso do cancro e no estudo da actividade inmune antitumoral e desenvolvemento de novas terapias.
A sesión de charlas contará con investigadoras tan relevantes como Clotilde Théry, directora de investigación do INSERM no Institut Curie de París, e Presidenta da International Society for Extracellular Vesicles (ISEV). Pioneira no estudo dos exosomas, lidera desde 2007 o grupo “Extracellular Vesicles, Immune Responses and Cancer”, onde explora as vesículas extracelulares liberadas por células tumorais e inmunes, e como éstas median a comunicación entre ambos os tipos celulares. Recibiu varios galardóns en recoñecemento ao seu labor, como o ISEV Special Achievement Award (2014) e o Curie-NCI Award (2019).
Héctor Peinado dirixe o laboratorio de Microambiente e Metástase no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO). Doutor en Bioquímica polo Instituto de Investigacións Biomédicas “Alberto Sols” IIBm (CSIC-UAM), achegou múltiples contribucións ao coñecemento sobre a transición epitelio mesénquima. O seu labor científico máis recente céntrase no papel dos exosomas liberados polos tumores na comunicación tumor-microambiente durante o proceso de metástase, así como o seu potencial como biomarcadores en biopsias líquidas. Entre outros logros, demostrou que os exosomas tumorais desempeñan un rol na preparación do nicho pre-metastásico, influenciando o organotropismo metastásico.
María Mayán dirixe o grupo de investigación CellCOM no INIBIC. Doutora en Bioloxía pola Universidade Complutense de Madrid, realizou a súa tese de doutoramento no Centro de Investigacións Biolóxicas Margarita Salgas en Madrid (CSIC). O seu grupo identificou novas dianas terapéuticas para aumentar a eficacia de terapias dirixidas e inmunoterapias en cancro. Ao longo da súa carreira fixo contribucións relevantes no estudo do progreso de enfermidades asociadas á idade como a artrose e recibiu varios premios. Cabe destacar que é investigadora principal en dous proxectos europeos e varios proxectos nacionais. María Mayán (INIBIC) xunto con Elena Pazos (CICA, UDC) e Manuel Becerra (CICA, UDC) son os organizadores do workshop Science Xpression.
Elena Pazos é unha das investigadoras con maior traxectoria na Universidade da Coruña. Doutora en Química pola Universidade de Santiago de Compostela, lidera o seu grupo de investigación no CICA baixo un prestixioso proxecto Europeo (ERC-Starting Grant). Entre os seus logros destacan o estudo e deseño de péptidos como ferramentas para desenvolver biosensores e o desenvolvemento de sensores luminiscentes de proteínas implicadas en cancro. Desde 2017 forma parte do CICA, onde iniciou a súa carreira grazas ao programa InTalent UDC-Inditex.
Destaca a presentación de Galaria que realizará Mariona Bailu-Piquei, doutora no ámbito da inmunoloxía traslacional pola University Medical Centre Utrecht, Holanda (2019), onde estudou o papel dos linfocitos B e T durante a reconstitución inmune no contexto do tratamento con quimioterapia. Galaria é unha empresa pública de servizos sanitarios do Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Durante Science Xpression mostrará os obxectivos e estado da posta en funcionamento dun centro punteiro de fabricación de inmunoterapias celulares avanzadas en Galicia.
Para a xornada de hoxe, está prevista a celebración dunha sesión orientada a informar e animar aos mozos investigadores sobre a carreira científica e actividades de mentoring onde se tratarán temas como saídas profesionais na empresa ou datos que mostran as barreiras que teñen que superar as mulleres en ciencia para avanzar na carreira científica.
Máis información: http://sciencexpression.com/index.php/symposium/
Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC
