Foto Guillermo Lorenzo Investigador

O Investigador da UDC Guillermo Lorenzo obtén unha bolsa Starting Grant de 1,5 millóns de euros para o proxecto DIGIPRO

  • O Consello Europeo de Investigación (ERC, polas súas siglas en inglés) ven de facer pública a concesión dunha nova edición destas prestixiosas axudas á investigación
  • O proxecto DIGIPRO, liderado polo investigador do CITEEC da UDC, desenvolverá xemelgos dixitais de pacientes de cancro para obter predicións personalizadas da progresión tumoral que permitan unha detección nunha fase microscópica temperá

 

A Coruña, 5 de setembro de 2025.- O Consello Europeo de Investigación (ERC, polas súas siglas en inglés) ven de seleccionar ao investigador da UDC, Guillermo Lorenzo, polo seu proxecto DIGIPRO,  para o que recibirá unha das súas prestixiosas bolsas Starting Grant, por importe de 1,5 millóns de euros. DIGIPRO, liderado por Lorenzo, está centrado no desenvolvemento dunha nova clase de modelos computacionais que permitan avances nos diagnósticos, esencialmente nunha detección moi temperá da progresión do cancro.

 

Este fenómeno é un evento patolóxico crucial que consiste nun incremento da malignidade das células tumorais e conleva un maior risco clínico. A progresión do cancro maniféstase inicialmente como cambios na arquitectura espacial do tumor a nivel microscópico, que se poden observar tamén en fases máis avanzadas a nivel macroscópico, como cambios no tumor observados mediante imaxe médica e outros biomarcadores clínicos.

Non obstante, aínda que a progresión tumoral se manifesta dende un nivel microscópico a un nivel macroscópico, a detección clínica adoita realizarse comezando por imaxes médicas macroscópicas (por exemplo, resonancias magnéticas) seguidas dunha biopsia para analizar o tumor a nivel microscópico.

Polo tanto, explica Lorenzo, “os protocolos clínicos actuais poden levar a unha detección tardía da progresión tumoral e non teñen en conta a dinámica espaciotemporal (única para cada paciente) coa que sucede este fenómeno, xa que se descoñecen os mecanismos que o gobernan”.

Así, o proxecto DIGIPRO busca desenvolver “unha nova clase de modelos computacionais para investigar os mecanismos biofísicos que gobernan a progresión do cancro a diferentes escalas espaciais, dende o nivel microscópico de tecido ao nivel macroscópico do órgano afectado”.

Desenvolvemento de xemelgos dixitais

Ademais, DIGIPRO desenvolverá xemelgos dixitais de pacientes de cancro equipados con estes modelos para obter predicións personalizadas da progresión tumoral que permitan a detección deste fenómeno nunha fase microscópica temperá empregando datos macroscópicos habituais en ámbito clínico (por exemplo, resonancias magnéticas, biomarcadores clínicos). Deste xeito, as tecnoloxías computacionais que se deseñarán en DIGIPRO permitirán predicir de forma personalizada cando un paciente pode ter un evento de progresión tumoral, o cal é crucial para a toma de decisións clínicas (por exemplo, cando realizar probas ou a selección de tratamentos).

O proxecto centrarase na progresión de cancro de próstata de nova diagnose e risco favorable, para o que o seguemento clínico inclúe abundantes datos micro e macroscópicos. Porén, espérase que os resultados do proxecto poidan aplicarse tamén a outros tipos de tumores.

Deste xeito, os descubrimentos sobre a bioloxía da progresión tumoral e as tecnoloxías de predición personalizada que se desenvolvan no proxecto poden supoñer un cambio de paradigma na xestión clínica de tumores no futuro, pasando do estándar actual de tipo observacional e baseado en datos poboacionais a unha nova estratexia predictiva e personalizada para o cancro de cada paciente. Ademais, os modelos biomatemáticos e tecnoloxías computacionais do proxecto tamén poden axudar na investigación doutros fenómenos progresivos multiescala en medicina, como o Alzheimer e a arteriosclerose, e en enxeñaría, como a fractura.

Destacada traxectoria na aplicación das matemáticas

Guillermo Lorenzo é enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos pola Universidade da Coruña (UDC), onde obtivo tamén un máster en Investigación en Enxeñaría Civil e o doutoramento na área de Métodos Computacionais en Enxeñaría. A súa carreira académica continuou en institucións de prestixio internacional, como a Universidade de Pavia (Italia), a Universidade de Texas en Austin (EEUU) e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. Dende 2024 regresou á UDC, onde é investigador Ramón y Cajal no Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría (GMNI) do Departamento de Matemáticas e con sede na Escola de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da UDC. Grazas a este prestixioso contrato do Ministerio de Ciencia, lidera un equipo de investigación en oncoloxía computacional dentro do GMNI, adscrito ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil  (CITEEC). Ademais, é colaborador externo no Oden Institute for Computational Engineering and Sciences da Universidade de Texas en Austin (EEUU), onde colabora cos grupos dos profesores Thomas E. Yankeelov e Thomas J. R. Hughes.

A súa investigación céntrase en tres grandes liñas: (1) comprender os mecanismos biofísicos que rexen o desenvolvemento e tratamento do cancro mediante modelos biomatemáticos, (2) desenvolver métodos computacionais precisos e eficientes para resolver estes modelos e axustalos cos datos dispoñibles de pacientes individuais, e (3) aplicar estas tecnoloxías computacionais para xerar predicións tumorais personalizadas que poidan apoiar a toma de decisións en oncoloxía clínica. Nos últimos anos, tamén comezou a investigar en enfoques híbridos de aprendizaxe mecanicista, que combinan modelos biomatemáticos con técnicas de intelixencia artificial. Estes métodos teñen importantes aplicacións en oncoloxía clínica, como o deseño de biomarcadores, a creación de clasificadores de risco ou o desenvolvemento de técnicas computacionais de alta velocidade para a predición tumoral.

Tal e como explica o propio Guillermo Lorenzo, a obtención dunha Starting Grant do ERC constitúe “un impulso decisivo para a miña traxectoria investigadora”, xa que permite consolidar un equipo propio, dispoñer dos recursos necesarios para desenvolver o proxecto e avanzar na carreira científica. Na preparación da proposta, salientou o apoio prestado polas Oficinas de Captación de Persoal Investigador (OCPI) e de Proxectos Internacionais (OPI) da UDC, tanto na revisión da documentación como na preparación da entrevista, así como os servizos de apoio á preparación de propostas do programa Oportunius da Xunta de Galicia, que resultaron determinantes para acadar este importante recoñecemento.

Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC