O programa UDC-Inditex, InTalent, incorpora dous novos investigadores

A Coruña, 19 de xuño de 2018.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, presentarán mañá, mércores, 20 de xuño, ás 12:00 horas en rolda de prensa os dous novos investigadores do programa de captación investigadora InTalent que a Universidade da Coruña promove coa colaboración de Inditex.

Ana Rey Rico e Jorge Ledo, que tamén estarán na Sala de Prensa da Reitoría mañá, únense aos primeiros científicos captados por este programa, Elena Pazos Chantrero e José Antonio Cortés Vázquez.

 

InTalent é un programa para captar e reter a excelencia investigadora en Galicia. Creado pola Universidade da Coruña en 2016, conta co financiamento de Inditex por un importe total de 1.450.000 euros para contratar a seis investigadores, que se incorporarán de dous en dous nos anos 2017, 2018 e 2019. O contrato terá unha duración de dous anos, coa posibilidade de prórroga dun ano máis. O importe de cada contrato será de 45.000 euros anuais, máis unha axuda de 10.000 euros para os gastos de posta en marcha do seu proxecto científico. Ademais, a Universidade abonará con 1.000 euros os gastos de desprazamento.

 

 

Publicado por:
Gabinete de comunicación da UDC