A Coruña, 16 de novembro de 2016.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, comezou o pasado venres a rolda de visitas a todos os centros universitarios cun encontro na Escola Técnica Superior de Arquitectura, onde tamén asistiu a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez. Cunha notable asistencia de profesores, persoal de administración e servizos e estudantes, durante as máis de dúas horas que durou a reunión tratáronse todo tipo de temas de interese para a Escola de Arquitectura.
O acto comezou cunha reflexión do reitor sobre a situación actual da Universidade da Coruña e os retos que se presentan para este curso. Ao parecer do reitor “este é o momento de pararnos a pensar os resultados do proceso de Boloña desde o punto de vista dos contidos de formación que estamos a impartir e das competencias e habilidades que está a adquirir o noso estudantado”. Abalde explicou que este curso se cumpre un ciclo ao rematar coa acreditación de todas as titulacións e que é polo tanto un bo momento para reflexionar sobre o futuro e decidir entre todos “a Universidade da Coruña que queremos ser”.
No estado da cuestión universitaria, o financiamento tivo un capítulo por parte do reitor, que explicou as dificultades do actual Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia que non beneficia á UDC, e que se tratará de explicar aos responsables da Xunta de Galicia. Pese a iso, Abalde albiscou algunhas melloras na captación de recursos que supón un incremento significativo de ingresos procedentes de empresas e outras institucións públicas, como o fondo que aporta a empresa Inditex para o proxecto InTalent, ou diversas achegas do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña.
Do tema económico houbo varias intervencións nas que se pedía un maior investimento en infraestruturas na ETSAC, ao que o reitor respondeu que o orzamento dedicado a obras na UDC é de tan só 800.000 euros en total polo que non se poden acometer importantes e necesarias obras e só chega para ir facendo arranxos urxentes. Co mesmo motivo, engadiu a preguntas dos asistentes, tampouco se poden facer investimentos para renovar tecnoloxía, que ten que facerse pouco a pouco. Unha das melloras acometidas para paliar o proceso de renovación é a posta en marcha dos escritorios virtuais que alongan a vida útil dos equipos informáticos ao ter que actualizar só os servidores en que están aloxados.
As cuestións académicas tiveron un importante peso neste encontro do equipo de goberno coa comunidade universitaria de Arquitectura, xa que este centro imparte unha titulación singular con características curriculares propias e que a aplicación das normas xenéricas provocan algunha disfunción organizativa.
Os alumnos, neste sentido, plantexaron moitas dúbidas moitas das cales foron contestadas polo reitor e pola vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, pero noutras Nancy Vázquez comprometeuse a manter unha reunión específica para coñecer as suxestións dos estudantes e ver de solucionalas na medida das competencias da Universidade, xa que algunha delas, como os prezos de matrícula, non son competencia da UDC.
Comentouse a situación do novo Grao en Paisaxe no que se traballa conxuntamente coa Universidade de Santiago de Compostela, e no que a Escola de Arquitectura leva a dirección do proceso dunha futura implantación. Ao respecto de novas titulacións para a Universidade, o reitor comentou que o camiño pasa primeiro por especializar a UDC nunha área en que teña fortalezas, ao que os profesores da ETSAC apuntaron que se tivese en conta a liña dunha idea de territorio e cidade.
Outro dos temas que se trataron foi a incorporación de alumnos novos. A baixada de alumnos novos a nivel xeral en Galicia vén condicionada polas curvas demográficas. Se no ano 2002 houbo 19.000 estudantes nas Probas de Acceso á Universidade Galega, este ano o número foi de 11.000 alumnos. A isto hai que unir a crise económica ligada ao sector da construción.
Finalmente, outro dos grandes temas que se falaron nesta reunión foi a contratación e promoción do profesorado. A taxa de reposición existente, reflexionou o reitor, leva a plantexar a dicotomía da estabilización ou promoción. Nesta interrogante, asegurou o reitor, o compromiso do seu equipo de goberno ”é estabilizar”.
Para rematar, un dos profesores, que agradeceu a presenza do reitor no centro, pediu explicacións sobre o proceso de fusión dos departamentos e que foi profusamente explicado polo reitor.
Publicado por:
Gabinete de comunicación
