O reitor inicia na Escola de Camiños

O reitor inicia na Escola de Camiños os encontros coa comunidade universitaria de cada centro

A Coruña, 13 de febreiro de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, comezou o pasado luns o seu programa de visitas a cada un dos centros universitarios cun encontro coa comunidade da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, a onde acudiu coa vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, e o secretario Xeral, Carlos Aymerich.

Estas xuntanzas abertas ao estudantado, profesorado e persoal de administración e servizos de cada centro veñen organizándose todos os cursos e teñen como obxectivo intercambiar impresións e compartir inquedanzas sobre a actualidade universitaria. Abalde perfilou o contexto da conversa cunha breve exposición sobre a situación actual da Universidade da Coruña que vén de completar a súa especialización coa posta en marcha do Campus Innova e o Campus Sustentabilidade ao que hai que sumar o Campus Industrial de Ferrol. A especialización dos campus foi un proceso que culminou un tempo de traballo de análise interno das potencialidades da UDC en docencia e investigación, á que se uniu a decisión de impulsar a investigación e a internacionalización da universidade, así como a transferencia de coñecemento cara á empresa.

Este proceso continúa coa remodelación das titulacións “para adiantarnos ás que serán as profesións do futuro”, definiu o reitor. Este curso implantáronse xa o Grao en Xestión Industrial da Moda, o primeiro multilingüe en inglés do Sistema Universitario Galego –cun 40% das materias en inglés-; e o Grao en Paisaxe xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, o primeiro interuniversitario do Sistema Universitario Galego. Esta nova oferta, xunto coa que se implantará o vindeiro curso, os graos en Ciencia e Enxeñaría de Datos; Creación Dixital, Animación e Videoxogos; Xestión da Información e da Documentación Dixital o e o grao Dual en Enxeñaría Eléctrica, “a UDC dá mostras da súa capacidade de propostas novas e arriscadas que indican a súa potencialidade”, sinalou o reitor.

Ademais do panorama formativo, Abalde deu unhas pinceladas da situación económica. Este equipo de goberno estreou, cando tomou posesión, un plan de financiamento do que sempre se argumentou que era lesivo para a UDC polo que se iniciou un proceso para demostrar o inxusto dese plan, cunhas negociacións moi laboriosas pero que concluíron coa demostración dun fallo na base dos cálculos e coa ratificación nos xulgados de que a UDC está infrafinanciada. Con todo, recoñeceu o reitor, estando agora nunha mellor situación “seguimos infrafinanciados”. En todo este tempo de incertidume económica, a UDC defendeu dúas prioridades: o mantemento do plantel de persoal e das axudas ao estudantado. “Fomos a primeira universidade galega en crear un fondo específico de axudas ao estudantado con problemas económicos sobrevidos”, apuntou. Manter estas prioridades significou que todo o resto de partidas víronse reducidas drasticamente. Este ano, os orzamentos son da orde de 129 millóns de euros, dos que 96 son para o capítulo de persoal, o que dá conta da reducida marxe de maniobra.

Promoción e estabilización do profesorado

Xa na quenda de intervencións abertas, interveu o director da escola, Ignasi Colominas, inquirindo a opinión do reitor sobre os programas integrados entre grao e mestrado, así como para saber as previsións dos plans de promoción e estabilización do profesorado. Abalde defendeu, como xa fixera na súa etapa como director da Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego, que no caso dos graos coas competencias profesionais nos mestrados debería haber unha continuidade, unha integración entre grao e mestrado e animou ao centro a plantexalo.

A situación do plantel de profesorado é unha preocupación, recoñeceu o reitor, para a maioría das universidades derivada da imposición hai uns anos da taxa de reposición no 10%. Isto supuxo “un empobrecemento das plantillas ao non entrar profesorado novo, e un profesor non se improvisa”. A UDC, dentro do panorama galego, é a universidade co seu plantel máis xoven froito dunha “atinada política de profesorado” que priorizou a estabilización dos axudantes doutores e, nos últimos dous anos tamén se ofertaron prazas de promoción. A previsión é que este ano se convoquen prazas para os acreditados ata 2016 e tamén para todos os axudantes que acaben en 2019. O reitor explicou a responsabilidade da creación das prazas. “No momento en que se crea unha praza de axudante doutor, créase unha traxectoria académica e temos que ser rigorosos para garantirlle a esa persoa unha carreira profesional na universidade”, declarou. Adiantou tamén que se creará un programa para incorporar profesorado que non tendo contrato estable estea acreditado a titular, así como outra vía de acceso para os investigadores Marie Curie, ERC, InTalent, etc.

Cidade das TIC

Un dos alumnos presentes preguntou ao reitor sobre o proxecto denominado Cidade das TIC e como ía afectar á Escola, tamén manifestou as súas inquedanzas sobre o financiamento deste proxecto que non debería traer, defendeu, “débeda para a UDC”. O reitor asegurou que a Cidade das TIC “non lle pode custar un euro á UDC”. Abalde explicou que este proxecto da UDC e do Cluster TIC de Galicia vai supoñer que a universidade estará preto de empresas cunha capacidade transversal e que pode ser de grande interese para a Escola de Camiños, por exemplo, en cuestións de loxística. “No proxecto que presentamos queremos que ese espazo común de empresas e universidade sexa un exemplo de tecnoloxía e innovación TIC, pero tamén queremos ser un exemplo de sustentabilidade e aproveitamento enerxético e nestes aspectos, este centro ten moito que aportar”, asegurou.

Un dos profesores interveu para lamentar que o profesorado deste centro non estea no “núcleo duro” dos grupos de coordinación dos campus de especialización Innova e Sustentabilidade que están definindo novas titulacións. Abalde manifestou a súa satisfacción con este comentario porque “este centro ten potencialidades de grao e mestrado distintas das que xa se están impartindo na escola” e asegurou que nas novas propostas van poder participar todos os que estean interesados.

Para finalizar, un dos alumnos desvelou a súa preocupación ante as cifras de matrícula nas titulacións da área construtiva e aportou os datos do número de alumnos dos graos deste campo. O reitor coincidiu con esta preocupación. “Sufrimos as consecuencias da crise no sector da construción nas titulacións vinculadas”, dixo, engadindo que desde a Reitoría promoven campañas de difusión de todas as titulacións pero deben ser os centros os que lideren as iniciativas concretas. Neste sentido puxo como exemplo o traballo que están a facer desde o Campus Industrial de Ferrol coa promoción e dinamización das enxeñarías que están recuperando alumnado.

Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC