O reitor presenta aos primeiros investigadores do programa UDC-Inditex

A Coruña, 12 de abril de 2017.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, presentarán o vindeiro luns, 17, ás 11:00 horas en rolda de prensa aos dous primeiros investigadores do Programa InTalent UDC-Inditex, na Sala de Prensa da Reitoría.
Nesta primeira convocatoria do programa InTalent UDC-Inditex presentáronse 122 solicitudes de todo o mundo. Unha comisión de expertos, presidida polo vicerreitor Naya e formada por cinco investigadores especializados en distintas disciplinas científicas elixiron finalmente a Elena Pazos Chantrero e a José Antonio Cortés Vázquez, que tamén estarán presentes na rolda de prensa deste luns.
InTalent é un programa para captar e reter a excelencia investigadora en Galicia. Creado pola Universidade da Coruña en 2016, conta co financiamento de Inditex por un importe total de 1.450.000 euros para contratar a seis investigadores, que se incorporarán de dous en dous nos anos 2017, 2018 e 2019. O importe de cada contrato será de 45.000 euros anuais, máis unha axuda de 10.000 euros para os gastos de posta en marcha do seu proxecto científico. Ademais, a Universidade abonará con 1.000 euros os gastos de desprazamento.

Publicado por:
Gabinete de comunicación