O reitor reuniuse co persoal da EUAT

O reitor reuniuse co persol da EUAT

A Coruña, 1 de decembro de 2016.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, reuníronse o pasado 22 de novembro coa comunidade universitaria da Escola Técnica Superior de Arquitectura Técnica, dentro da rolda de visitas que está a facer por todos os centros da UDC.
A reunión comezou coa explicación por parte do reitor dos retos que considera ten que facer fronte a UDC este curso e que son a revisión e análise do proceso de implantación dos títulos de Boloña e a especialización do Campus da Coruña, logo de que se fixese xa no Campus Industrial de Ferrol. Ademais, Abalde informou do novo programa InTalent UDC-Inditex, de captación de investigadores a nivel internacional e de referencia para que desenvolvan o seu proxecto investigador na Universidade da Coruña.
O director da Escola, Pedro Nogueira, abriu a rolda de intervencións coincidindo co exposto polo reitor. Na liña da especialización o director apuntou que a área tería que estar relacionada co hábitat, o contorno e a edificación, puntos nos que a UDC ten moitas potencialidades. Ademais, trasladoulle ao reitor o interese do alumnado deste centro por incorporar na súa metodoloxía docente o traballo colaborativo e as ferramentas tecnolóxicas. Abalde admitiu a importancia das áreas tecnolóxicas na UDC con centros como a propia escola, Arquitectura, Camiños, e as Politécnicas pero engadiu que a especialización ten que ser multidisciplinar e o máis aberta posible, incorporando ademais outros aspectos como a sustentabilidade, medio ambiente, eficiencia enerxética, etc.
Sobre a incorporación de novas metodoloxías docentes, lembrou a disponibilidade do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE), aberto ás propostas concretas que se fagan desde os centros. Preguntado sobre a estabilización do profesorado, o reitor insistiu en que como equipo de goberno “temos o compromiso de estabilizar ao profesorado das prazas estruturais”.
Un dos temas que varios dos presentes puxeron sobre a mesa foi a perda de atractivo das titulacións relacionadas coa construción en sintonía coa situación de crise do sector. “Esta profesión ten un arraigo en España e xa pasamos por varias crises e o que vemos agora, coa diminución de alumnado, é que nun prazo medio van facer falta profesionais de Arquitectura Técnica”, manifestou un dos profesores. O reitor animou a ser proactivos nesta difícil situación e a facer un “rearme metodolóxico potente” para seguir sendo un centro de referencia a nivel nacional. Nesta liña académica, un dos profesores propuxo potenciar a incorporación de alumnado provinte de Formación Profesional, dando a coñecer máis a táboa de convalidacións entre o grao e o FP superior. De “moi interesante” cualificou o reitor esta proposta e comprometeu a colaboración da Reitoría neste tema. Unha das reflexións que se expuxeron referíase ao descenso do interese do alumnado de bacharelato polas carreiras tecnolóxicas, que un dos profesores cifrou nun 80% menor en base á súa experiencia como docente participante nas Probas de Acceso á Universidade desde hai máis dunha década, nas áreas de Matemáticas, Física e Debuxo, o que leva a que despois vaian menos alumnos ás titulacións tecnolóxicas.
Outro dos profesores lembroulle ao reitor que a pesar de que se avanzara moito, aínda queda un laboratorio por eliminar barreiras arquitectónicas ao que Abalde tomou nota para ver de facelo en canto se poida.
Un dos membros do persoal de administración e servizos apuntou a posibilidade da realización de compras centralizadas de software e hardware para acadar aforro e interesouse sobre o catálogo de funcións deste persoal. Abalde explicou, no que respecta ás compras de programas informáticos, que xa se están a facer compras centralizadas de licenzas conxuntas pero que hai casos en que polas características do programa non compensa facer a compra centralizada. Sobre o catálogo de funcións, unha das súas promesas electorais, avanzou que xa se está a traballar coa Xunta de Persoal para que cada unidade administrativa teña claras as súas competencias.
Como medida de aforro suxeriuse así mesmo o peche dos centros nas quendas de tarde durante o Nadal, pero isto traería consecuencias de reorganización de persoal e, aínda que nesa época a afluencia é menor, os investigadores seguen a ter moita actividade de laboratorio, polo que é unha medida moi complexa coa que non se conseguiría un aforro óptimo. Sobre a formación do persoal de bibliotecas, que este ano foi deficiente, segundo apuntou unha das persoas presentes, Abalde avanzou que a xestión da formación faise desde a Comisión de formación e que se está a traballar nun plan formativo xenérico e específico.
O estado do edificio, o máis antigo da Universidade da Coruña, suscitou tamén comentarios pois precisa dunha revisión, segundo apuntaron na reunión, pero as dificultades económicas cun orzamento total de 800.000 euros para obras só permiten acometer as reformas máis urxentes.

Publicado por:
Gabinete de comunicación