O reitor reuniuse coa comunidade universitaria da Facultade de Ciencias

O reitor reuniuse coa comunidade universitaria da Facultade de Ciencias

A Coruña, 17 de novembro de 2016.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, xunto co vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, e a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, tiveron o pasado venres un encontro coa comunidade universitaria da Facultade de Ciencias, dentro da rolda de contactos que o equipo de goberno universitario está a facer por todos os centros da UDC este curso.
Cumprindo co obxectivo destes encontros de tratar os intereses de actualidade universitaria que libremente plantexa o profesorado, persoal de administración e servizos e o estudantado, na reunión saíron temas de xestión e ordenación académica, de infraestruturas e outros relativos á xestión do persoal e da administración.
O reitor abriu o encontro explicando a situación actual da Universidade e lanzou a proposta de que entre toda a comunidade universitaria se cuestione este curso o tipo de Universidade da Coruña que se quere ser nun futuro. Neste sentido, e á iniciativa dun dos profesores, fíxose unha reflexión sobre a carga de traballo docente e a forma de impartir esa docencia. Abalde animou a analizar desde o punto de vista docente se as estruturas de grupos de grao e mestrado son as máis eficientes. “Temos que ser capaces de valorar a nosa titulación en función do perfil de alumno que queremos que se titule”, manifestou, engadindo que “me gustaría que ese debate se iniciase dunha forma seria na UDC”. O reitor amparouse na estrutura de Boloña “que é de todo menos uniforme e ten que adaptarse ás condicións do alumno” e nas cifras da UDC, sobre uns 1.400 profesores e uns 4.000 Traballos de Fin de Grao que se len cada ano, para xustificar a apertura deste debate sobre a docencia. Así mesmo, falouse sobre o modelo de mestrado, se debería ser de 60 ECTS ou de 90 ECTS e trasladouse este debate á comisión de seguimento dos títulos da facultade para avaliar a situación deste centro. Varios profesores manifestaron ademais os inconvenientes administrativos dos títulos interuniversitarios.
Os esixentes procedementos administrativos que conlevan os proxectos de investigación foi un dos temas que suscitou queixas do profesorado, ao que o reitor explicou que a falta de norma propia para a xestión económica da investigación hai que aplicar os parámetros establecidos na Lei de Orzamentos Xerais do Estado que non contempla especificidades para a investigación pero que, ao ser de obrigado cumprimento, condiciona os trámites administrativos. No tocante á investigación, tratouse tamén o novo programa InTalent, de captación de talento investigador, e que está actualmente aberta a súa primeira convocatoria. O reitor lembrou que este ambicioso programa financiado por Inditex ten como obxectivo captar investigadores que desenvolvan na UDC un programa de innovación na fronteira da ciencia, diferente do existente e que poidan a medio prazo conseguir algunha das distincións da European Research Council.
Sobre os procedementos administrativos pedíuselle ao equipo de goberno unha maior fluidez da información entre os distintos servizos, o reitor recoñeceu a carencia da UDC dun catálogo de servizos pero lembrou que a información estaba a disposición de todo o persoal a través do taboleiro electrónico que tiña, precisamente, esa función de información xeral e transparencia. Na reunión tratáronse tamén as carencias de infraestruturas da Facultade de Ciencias ás que resulta difícil atopar solución inmediata debido ás carencias económicas da UDC. Preguntado o reitor pola situación dos profesores interinos de substitución, Abalde asegurou que se traballa para garantir a continuidade nas prazas estruturais. “Temos o compromiso de dar estabilidade nas prazas interinas estruturais”, ratificou.

Publicado por:
Gabinete de comunicación