A Coruña, 20 de xaneiro de 2017.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o secretario Xeral, Carlos Aymerich, visitaron onte a Facultade de Dereito onde tiveron un encontro coa comunidade universitaria deste centro. Esta visita, que se enmarca na rolda de contactos informativos que o reitor está a facer por todos os centros, comezou coa exposición por parte do reitor dos dous temas que lle preocupan e que, ao seu criterio, toca acometer neste ano. O primeiro ten que ver coa reflexión sobre o proceso de implantación de Boloña unha vez que pasaron os anos suficientes que permiten analizar se se están conseguindo os obxectivos marcados no seu inicio e no caso de que non sexa así, introducir modificacións nos planos de estudo. Este reto é para o reitor un labor que se debe enfrontar en cada centro polo persoal docente e investigador. O segundo, apuntou Abalde, é competencia do equipo de goberno da UDC e no que se está a traballar xa. Refírese á especialización do campus coruñés, seguindo os pasos dados en Ferrol co Campus Industrial. “Somos unha universidade xeralista e iso temos que compatibilizalo coa especialización nalgunha liña específica”, dixo e avanzou que na súa opinión hai dúas liñas claras nas que destaca a Universidade da Coruña, aínda que non as concretou porque se están a traballar.
Un aliciente para a especialización é a consecución de maior financiamento, toda vez que o Plano de Financiamento do Sistema Universitario Galego aprobado ata o ano 2020 vese insuficiente. Neste Plano a mellora de financiamento está relacionada coa mellora nos indicadores, pero o aporte económico é moi reducido; outra vía para recibir financiamento é a través da consecución de proxectos competitivos pero estes ingresos son finalistas e non abonan gasto corrente. Hai unha terceira vía, apuntou Abalde, que é ofrecer propostas diferenciadas que reciban financiamento específico e por esta opción vai a especialización dos campus, como o Industrial de Ferrol que recibiu para os anos 2016 e 2017 uns ingresos de 1,3 millóns de euros. Neste punto, un dos profesores pediu máis detalle sobre a relación entre a universidade e a empresa e lamentou que a concorrencia a proxectos europeos levase uns trámites moi complexos.
O reitor asegurou que se está facendo un labor moi intenso para crear ámbitos de colaboración coas empresas en investigación. Estase a incrementar de forma significativa a relación coas empresas. Un exemplo é a Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia, dotada con 3,2 millóns de euros, que está funcionando “moi ben”. De feito, avanzou o reitor “queren aumentar a colaboración”. Outras empresas coas que se está traballando para establecer acordos en temas de investigación son, por exemplo, Emalcsa, o Cluster TIC, Tranvías, R, etc. Tamén se traballa, explicou Abalde, para que as empresas financien proxectos propios da UDC como está a facer o banco Santander co Espazo Compartido; LaCaixa coas axudas á mobilidade, ou Inditex co apoio económico aos alumnos de doutoramento e o programa InTalent.
Ademais, agora, explicou Aymerich, as empresas que colaboren coa Universidade poden acollerse á Lei de Mecenado que supón que poderán ter unha redución nos seus impostos.
Sobre os proxectos europeos H2020, o reitor recoñeceu a complexidade da súa tramitación. A UDC conta cunha oficina en Bruxelas e o apoio da OTRI para dar soporte aos investigadores que concorren a proxectos europeos pero as convocatorias son “tan diferenciadas que se precisa formación específica para cada unha delas”, lamentou. En Galicia, ademais, faise necesario un labor de lobby ao igual que fan outras comunidades como o País Vasco ou Cataluña e que están a ter moi bos resultados. Con todo, apuntou o reitor, a UDC está a incrementar significativamente o número de proxectos presentados e o éxito dos mesmos.
Sobre o calendario de acreditación dos programas de doutoramento, que foi unha das preguntas dun profesor, Abalde avanzou que as universidades e a ACSUG están a facer un protocolo de seguimento que se iniciará o vindeiro ano. Este mesmo profesor interesouse pola impresión do reitor das negociacións que a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, CRUE, está a manter co Ministerio de Educación en diversos temas conflitivos como, por exemplo, os novos criterios para conseguir a acreditación do profesorado. O reitor sinalou o maior diálogo establecido co actual ministro que fixo que xa na reunión da CRUE deste mércores se acordase que a duración dos títulos universitarios preBoloña quedasen como están a catro anos, coas excepcións existentes, e que os novos títulos que se implanten agora poderán ser de tres anos. No que respecta aos criterios para a acreditación comentou que se están facendo grupos de traballo para negociar os indicadores de forma que sexan o máis parecidos posible aos anteriores. Sobre a taxa de reposición, o reitor indicou que o Ministerio de Educación é favorable á súa supresión pero falta por saber a postura de Facenda ante este tema.
Un dos profesores explicou que nunha Facultade como a de Dereito a investigación non se realiza en laboratorios senón con fondos bibliográficos e lamentou a redución das partidas orzamentarias para a compra de fondos bibliográficos. Abalde detallou as contas da Universidade, nas que o grosso do gasto está en capítulo 1, no persoal que, por decisión deste reitor e dos anteriores, mantívose sen despedimentos, e que aumenta un 2% cada ano de forma vexetativa sen que supoña aumento de efectivos. O orzamento para os gastos de investigación, unha das prioridades para o equipo que lidera Abalde, é de 800.00 euros; as actividades docentes levan 1,3 millóns de euros, o gasto centralizado para reparacións é de 600.000 euros e os fondos para Biblioteca, 2,2 millóns de euros. “Estase facendo un esforzo para que os recortes vaian a gastos centralizados e non aos centros. Houbo redución en biblioteca pero menor que noutras partidas”, especificou o reitor.
Unha das profesoras presentes preguntou pola opción de ter na facultade mestrados interuniversitarios ao que o reitor manifestou o seu convencemento en que se a UDC ten mestrados universitarios de calidade é preferible seguir mantendo esa oferta diferenciada. Outros temas que saíron no encontro de onte foron a cotutela do alumnado de doutoramento, as axudas aos investigadores para a asistencia a congresos ou o calendario do plan de promoción para o persoal docente e investigador pendente de acordo das mesas sindicais. Para rematar, un dos profesores presentes enlazou co discurso que fixo ao reitor ao inicio e fixo unha reflexión sobre o proceso de implantación de Boloña do que afirmou ter as súas reservas, sobre todo na aplicación. “Aplicouse con moita rixidez, sen flexibilidade, como por exemplo os criterios dos cuadrimestres que non teñen en conta as características de cada materia”, concretou. O reitor sumouse ao debate sen caer na nostalxia de anteriores planos de estudo. “Os alumnos están agora mellor preparados que antes”, opinou, pero “comparto que fixemos unha aplicación de Boloña moi ríxida”. Abalde animou ao profesorado neste proceso de análise. “Temos que ser capaces de incorporar unha certa flexibilidade coas metodoloxías docentes, pero sempre aplicando criterios académicos”, concluíu.
Publicado por:
Gabinete de comunicación
