Socioloxía convocará un premio para recoñecer os mellores TFG

Socioloxía convocará un premio para recoñecer os mellores TFG

A Coruña, 22 de decembro de 2017.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, acudiu o pasado martes á Facultade de Socioloxía, dentro da rolda de visitas que realiza a cada un dos centros universitarios. Estes encontros, abertos a todo o profesorado, persoal de administración e servizos e estudantado, teñen como finalidade responder ás inquedanzas que se presentan en cada facultade de forma directa. Xunto co reitor estivo o secretario Xeral, Carlos Aymerich, e a decana, Raquel Martínez Buján.
O reitor comezou explicando os proxectos que se marca a UDC para este curso que son acadar a especialización do campus da Coruña e abrir a oferta de títulos universitarios. Ao respecto dos campus de especialización, Abalde aclarou que seguen os pasos dados en Ferrol coa especialización como Campus Industrial e que para os campus da Coruña estase traballando coas propostas de Sustentabilidade (ambiental e urbanística, económica, vida saudable e social) e Innova (innovación dixital, tecnolóxica e humanística), áreas nas que a UDC ten un gran potencial. O reitor explicou que os campus de especialización permitirán potenciar as accións dos grupos de investigación e dos centros tecnolóxicos para facelos máis competitivos e, en xeral, de todo o campus. Sobre o mapa de titulacións, o reitor lembrou que na UDC se presentara hai dous anos unha proposta dun novo título, o Grao en Paisaxe, que foi paralizado pola Xunta á espera de que o Sistema Universitario Galego (SUG) asinase un acordo de xestión do novo mapa de titulacións que se rubricou o pasado ano. A Xunta considera neste documento que o SUG ten unha oferta completa en canto ao número de títulos de grao e mestrado polo que para poder implantar un novo título haberá que eliminar outro, ou poñer a disposición do novo título prazas xa existentes. A estratexia da UDC, dixo o reitor, era propor títulos vinculados ás liñas de especialización dos campus e que fosen propostas actuais e novidosas para o que se fixo un estudo do sector produtivo galego e da actual oferta no SUG. “Detectamos sectores que precisan formación de futuro: aeronáutico, dixital, xestión de datos, moda e a fronteira entre as ciencias biomédicas e a enxeñaría, polo que propuxemos graos en catro destes sectores e un mestrado no quinto, ademais de insistir no Grao en Paisaxe que xa pedíramos”, declarou Abalde.
A este encontro na Facultade de Socioloxía acudiu tamén a xefa do Servizo de Prevención de Riscos Laborais, Helena Fernández, quen informou a continuación, da situación con respecto ás medidas que se están tomando no edificio para garantir a súa salubridade, acordadas coa facultade e que avanzan segundo o previsto.
A decana agradeceu a presenza do reitor no centro e apuntou que a Facultade de Socioloxía ten moito que dicir nos novos campus de especialización. “Temos catro grupos de investigación moi importantes na área de sustentabilidade social, con investigadores moi potentes, a única Marie Curie da UDC está nesta facultade e temos tamén un investigador excelente do programa InTalent UDC-Inditex”, enumerou Martínez Buján. O reitor recoñeceu esta realidade e animou a todos os profesores a incorporarse de xeito inmediato aos grupos de traballo que están perfilando as liñas estratéxicas das novas especialidades que se presentarán no mes de marzo. Abalde explicou, a instancias da decana, como será o novo calendario académico que se verá modificado co cambio dos exames das probas de acceso á Universidade de setembro a xullo a partir do ano 2019 e que provocará que as tres universidades inicien o curso na segunda semana de setembro, aínda que na UDC xa se viña comezando neste período polo que o cambio non alterará o calendario pero si facilitará o inicio de clases con todo o alumnado incorporado ao mesmo tempo. “Temos un calendario académico de quince semanas cun período de tres semanas sen docencia, o máis longo das tres universidades galegas para dar máis facilidades ao alumnado para a realización de exames”, manifestou o reitor. Abalde confesou que a UDC ten “o calendario máis lóxico desde o punto de vista dos estudantes e de xestión dos centros”.
A normativa de dedicación docente tivo un oco tamén no debate coa comunidade de Socioloxía. O reitor explicou que está en estudo unha modificación para mellorar a calidade docente. Un dos profesores concordou con esta proposta e manifestou o seu desexo de acadar unha normativa “máis xusta e equitativa”. O reitor explicou que se está a analizar a normativa para facer un diagnóstico que permita a súa mellora. Abalde explicou algunhas das características da UDC con respecto a outras universidades españolas como por exemplo a dedicación docente nos Traballos de Fin de Grao e Fin de Mestrado que, a pesar de que non computan á hora do financiamento que aporta a Xunta, a UDC recoñece como dedicación docente, así como a presenza de profesorado en tribunais.
Neste punto, novamente interveu a decana para avaliar o labor docente que se fai na Facultade de Socioloxía cos Traballos de Fin de Grao que é “excelente”, pois o alumnado consegue subir a nota media grazas a el. “Cada vez máis os TFG son estudos de investigación que continúan os alumnos en cursos posteriores, o que é importante para a investigación da nosa área”, abundou. Outro dos profesores insistiu neste tema e pediu un maior recoñecemento público para os TFG deste centro. “Aquí os TFG son de moi alta calidade, estou moi orgulloso dos traballos que se dirixen nesta facultade”, declarou. A decana, que a penas leva un mes no cargo, aproveitou para avanzar algunhas das propostas de traballo para o seu mandato que pasan por convocar un Premio Extraordinario de TFG e a organización dunhas xornadas de investigación social nas que o alumnado poida presentalos. O reitor concordou en que a estes traballos de alta calidade debería ofrecérselles un valor engadido con publicacións, maior difusión pública en simposios ou congresos especializados e comprometeu o apoio da Reitoría nestas accións.

Publicado por:
Gabinete de comunicación