Reitor fisioterapia

Xuntanza do reitor, Julio Abalde, coa comunidade da Facultade de Fisioterapia

A Coruña, 25 de maio de 2022.- Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, e Carlos Aymerich, secretario Xeral, mantiveron este luns unha reunión coa comunidade universitaria da Facultade de Fisioterapia. Estas xuntanzas teñen como obxectivo comunicar actividades de relevancia a nivel institucional e recibir as opinións, suxestións ou demandas de cada centro.

O reitor comezou o encontro, aberto ao profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos, explicando como foi a xestión da pandemia na UDC e as perspectivas do próximo curso no que espera recuperar a normalidade. “Sería interesante recuperar os horarios habituais para que o alumnado poida ter vida universitaria, con interacción dentro dos centros”, opinou Abalde. As novas ferramentas e plataformas informáticas empregadas neste tempo de pandemia van seguir usándose como complemento da docencia presencial e, animou o reitor, o profesorado terá que decidir agora que tipo de actividades poden facerse de forma virtual. Para o reitor, hai tarefas docentes que son facilmente adaptables a este uso en liña, como as titorías ou as direccións de traballos de fin de grao e de máster, por exemplo, ou, obviamente para poder seguir nas clases nos casos de corentenas do profesorado ou do alumnado. As ferramentas e novas metodoloxías empregadas neste tempo de pandemia servirán para poder afrontar mellor o futuro en situacións complexas que poidan vir.

A experiencia destes anos, valorou o reitor, foi positiva na UDC. “O cumprimento dos protocolos por parte de toda a comunidade fixo da Universidade un lugar seguro; conseguimos que na UDC non houbese contaxios e seguimos mantendo a docencia de calidade”, dixo felicitando aos asistentes pola súa responsabilidade na pandemia, nun centro ademais complexo ao xestionar prácticas clínicas do alumnado con total seguridade.

O segundo punto que tratou o reitor foi o tema do novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego (PFSUG), do que a Xunta dixo que o incremento ía ser de 300 millóns de euros pero que en realidade este aumento é unha previsión do Goberno autonómico sobre o importe que as propias universidades teñen que captar. Con todo, a UDC fai unha valoración positiva do PF, non no referente ás contías pero si na súa estrutura que responde ás demandas da Universidade da Coruña. Na súa intervención, o reitor advertiu do próximo descenso de alumnado universitario pola forte caída demográfica en Galicia, cando hai uns anos 19.000 estudantes realizaban as probas de acceso á universidade, este ano, só o farán 11.000 alumnos.

Volvendo ao tema do financiamento, Abalde explicou a existencia dun novo fondo de eficiencia vinculado ao cumprimento de sete indicadores como non incorrer en déficit, empregar a contabilidade analítica ou non superar a masa salarial. Neste punto, o reitor detallou o coste do plantel de persoal que ascende a 105 millóns de euros anuais, dos 109 que recibe a UDC da Xunta, coa peculiaridade de que este gasto aumenta de forma vexetativa, sen incremento de efectivos, un dous por cento cada ano, polo que en poucos anos o gasto de persoal absorberá todo o orzamento que se recibe do Goberno autonómico.

“É por isto que debemos seguir sendo moi rigorosos no capítulo 1”, advertiu o reitor, pero seguiremos mantendo os nosos programas de estabilización e promoción de PAS e PDI.

Relacionado co plan de financiamento está o último aspecto que tratou o reitor antes de dar paso á quenda aberta de intervencións. Nestes momentos, a UDC está a elaborar o Plan Estratéxico cunha vixencia temporal coincidente co plan de financiamento. Un total de cinco comisións formadas por máis dun centenar de persoas están a elaborar un documento da universidade que se quere ter para o ano 2026. Abalde animou a todos os presentes a colaborar e participar na definición da UDC do futuro. A previsión é que antes do verán se teñan o primeiro documento que se someterá á exposición pública e que se levará a Claustro para a súa aprobación en setembro.

Xa na quenda de aportacións, un dos profesores preguntou pola situación do proxecto de creación da Clínica Universitaria e como se verá afectada pola situación orzamentaria actual. O reitor asegurou que “aínda que terá un coste para a UDC, asumimos que é valiosa para o alumnado. Os beneficios serán maiores que o custe económico”. Neste punto a decana, Luz González Doníz, aclarou que a creación da Clínica é unha demanda histórica deste centro na que están traballando con algunha institución sanitaria para levala a cabo. A Clínica “facilitará a docencia e terá o nicho investigador, daremos un salto importante en investigación”, avanzou a decana.

A charla tratou tamén a situación dos contratos de investigación e dos distintos programas existentes, así como das posibilidades de estabilización. O reitor explicou que hai un programa da Xunta ao que é difícil darlle continuidade porque a propia Comunidade autónoma non o facilita. A Universidade vén reclamando de forma reiterada e sen éxito que se solucione este tema e permita a estes investigadores acceder aos programas de captación de ciencia excelente como os Beatriz Galindo, Ramón y Cajal, Marie Curie ou o InTalent, propio da UDC.

O tema da Uadi e o seu encaixe nas Uxai tamén se tratou nesta reunión. A xefatura das Uadi está dentro da Administración, coas mesmas funcións, este curso a situación é a mesma que antes pero será a administración a que dirixa o traballo administrativo, o que é “bo”, opinou o reitor, pois se hai un exceso de traballo nun posto, pode axudar outro que teña menor carga laboral. “Hai que fuxir das accións unipersoais porque se por calquera circunstancia falta esa persoa, paraliza o proceso administrativo”, declarou Abalde.

Tamén se preguntou pola nova estrutura da Unidade Técnica de Calidade e a súa posta en funcionamento. A UTC asumirá todas as funcións de apoio aos centros e aos títulos e a previsión, apuntou o reitor, é que estea en funcionamento en setembro, logo da finalización do concurso de traslados.

A decana manifestou a súa satisfacción pola recuperación da completa normalidade para o próximo curso, logo de que este se recuperase bastante pero “vemos que se perderon hábitos de convivencia do alumnado”, dixo, asegurando que “todos estamos facendo un esforzo por restaurar a vida académica”. González Doníz comentou un aspecto sobre a formación de posgrao que lles preocupa na Facultade e sobre o que pediu unha reflexión para que o Plan Estratéxico inclúa accións de flexibilización para a contratación de profesorado externo. O reitor apuntou que os títulos teñen que ter unha base de profesorado estable pero despois a docencia pode complementarse con profesionais de prestixio nun formato de seminarios, xornadas, etc, como se está a facer xa nalgúns títulos de grao e de máster.

Finalmente, no encontro falouse sobre a situación do edificio, necesitado de obras de mellora. A UDC está acudindo a todas as convocatorias da Xunta que permitan realizar obras nos centros e este edificio é un dos prioritarios, segundo dixo o reitor. A decana afirmou que os espazos existentes son limitados e non hai moito onde medrar pero sinalou a posible dispoñibilidade do edificio da igrexa do campus, desacralizada, pero a propiedade da mesma é do Sergas, así como o peche do recinto, necesitado de reparacións urxentes, pero que é de Sanidade.

O reitor pechou a xuntanza agradecendo aos integrantes da Facultade de Fisioterapia a resposta dada en tempos de pandemia, que fixo extensivo á comunidade universitaria. A UDC destacou sobre o resto de universidades no acompañamento e apoio que se lle prestou ao profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos, “mérito de todos pero se algún servizo se involucrou máis foron o Cufie e os Servizos Informáticos”. Dentro do Sistema Universitario Español, a UDC está no nivel máis alto en canto á mellor resposta á pandemia.

Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC