A Coruña, 27 de marzo de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, e o vicerreitor de Profesorado e Planificación Docente, Alberto Valderruten, mantiveron o pasado 11 de marzo un encontro coa comunidade académica da Facultade de Ciencias da Saúde.
Cunhas palabras de benvida a cargo da decana, Adriana Álvarez, o reitor expuxo o seu discurso habitual nas reunións en todos os centros, coa explicación dos obxectivos de inicio de mandato e os proxectos que se están levando a cabo en docencia, investigación, transferencia e internacionalización. Actualizar a oferta docente, modificando titulacións e introducindo outras novas co criterio de que cubran necesidades de formación dos sectores produtivos na comunidade galega, foi o reto correspondente á parte de docencia. Na área de investigación, primouse a concorrencia ás convocatorias de proxectos europeos, debido ao escaso ou nulo apoio á investigación na Comunidade Autónoma e no Estado naqueles momentos. As convocatorias da UE son complexas e complicadas polo que se reforzou o acompañamento aos grupos de investigación. Este esforzo está empezando a dar os seus froitos, xa que o ano pasado a UDC obtivo un récord de financiamento con máis de dous millóns de euros para investigación, así como se superou o número de solicitudes presentadas ás convocatorias internacionais. O reitor lamentou que o esforzo da universidade non se acompañe dun apoio institucional do goberno autonómico en Bruxelas como si ocorre no País Vasco e en Cataluña. En canto á transferencia, Abalde asegurou que “a institución ten que ser proactiva na busca de espazos de colaboración coa empresa”. Como resultado máis visible desta relación entre a universidade e o sector produtivo, ampliouse o número de cátedras con empresas de tres a once. Finalmente, no tocante á internacionalización, trátase de intensificar a mobilidade do alumnado, este curso a UDC recibe máis de 650 alumnos estranxeiros, ademais de atraer alumnado para que curse aquí toda a súa titulación de grao, mestrado ou doutoramento. Nestes últimos niveis é máis doado, pero no caso dos graos é moi difícil polo sistema de acceso á universidade coa selectividade. Tamén houbo un esforzo por intensificar a internacionalización na UDC, cun incremento dos itinerarios en inglés e un grao plurilingüe: o Grao en Xestión Industrial da Moda, ademais da oferta de dobres títulos internacionais, que no caso dos graos son catro: ADE, Informática, Dereito e Inglés.
Todas estas liñas de actuación, explicou o reitor, son difíciles de xestionar coa actual estrutura universitaria polo que se organizou en base aos campus de especialización, que son elementos de coordinación, de coñecemento entre as distintas estruturas, vinculados a unhas áreas de especialización concretas. Fíxose unha valoración das áreas en que a UDC ten fortaleza en temas de docencia, investigación e transferencia e determináronse as especialidades de Campus Industrial de Ferrol, e na Coruña, Campus Sustentabilidade e Campus Innova. Sustentabilidade entendida como un concepto transversal, ademais de implicar a todos os centros relacionados coa construción e a edificación, poñer de relevo a economía circular, a sustentabilidade social e a calidade de vida. Innova centrado na innovación tecnolóxica coas tres liñas: Innova TIC, Innova Tech e Innova Humanitas. A estes campus están adscritos os novos títulos: Grao en Xestión Industrial da Moda e Grao en Paisaxe, interuniversitario coa USC, xa implantados este curso e, o próximo, Grao en Xestión da Información e a Documentación Dixital, Grao Dual en Enxeñaría Electrónica (primeiro dual do Sistema Universitario Galego); Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos e Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos; mentres que para o seguinte haberá o Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía. Todo isto, apuntou Abalde, nunha situación económica complicada e complexa, na que priorizamos o mantemento do plantel de persoal, tanto de PDI como de PAS e as axudas ao estudantado. O reitor puxo cifras sobre a mesa, se no ano 2010 o gasto en persoal era de 77M€ dun orzamento de 139M€; no 2019, este mesmo persoal custa 96M€, dun orzamento de 129M€.
Logo da exposición do reitor, a decana explicou algúns dos proxectos da facultade, como a intención de facer un dobre título cunha universidade inglesa que aínda non se puido materializar e que tamén están a ter contactos con Holanda e Latinoamérica, concretamente, o vindeiro mes manterán unha reunión con reitores da República Dominicana interesados en colaborar co Grao en Terapia Ocupacional. Un dos profesores manifestou a súa queixa polo mal funcionamento do ascensor no edificio de Terapia Ocupacional, un problema que o reitor asegurou coñecer e que estaban mirando de solucionar. Os programa de incorporación do PDI tamén foron obxecto de debate por parte dos asistentes que comentaron as distintas figuras de acceso ao corpo docente. Abalde afirmou que o único criterio para a incorporación de profesorado é a carga docente e xunto co vicerreitor de Profesorado explicaron as vías de acceso e os baremos requiridos. O reitor lamentou neste sentido a actuación da Xunta, á que lle pide un programa de entrada para investigadores, non só de programas de captación de talento propios da UDC como o InTalent, senón tamén Ramón y Cajal ou Marie Curie, entre outros.
Valderruten ampliou a información das convocatorias de profesorado da Oferta de Emprego Público deste ano que cubrirán a principal bolsa de acreditados e que para o próximo ano se espera que siga con este ritmo de novas prazas. A decana pediu tamén sinalización pública do edificio do Grao en Terapia Ocupacional que o reitor manifestou que está en marcha. A reunión finalizou co tema da nova normativa das prácticas que a vicerreitora de Estudantes adiou como mínimo ao próximo curso pois o goberno estatal ten que facer un regulamento que desenvolva esa normativa.
Publicado por:
Gabinete de Comunicación da UDC
