Carlos Vázquez Sierra

Carlos Vázquez Sierra é doutor en Física Nuclear e de Partículas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Despois de defender a súa tese en decembro de 2016, traballou no Instituto Holandés de Física Subatómica (NIKHEF, Ámsterdam) e na Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN, Xenebra), regresando posteriormente á USC como investigador María Zambrano.
Incorporado como investigador Ramón y Cajal á Universidade da Coruña, a súa investigación céntrase na realización de medidas relacionadas co bosón de Higgs, así como na procura directa de materia escura e de posibles candidatos a nova física no experimento LHCb do CERN, do que forma parte desde 2012.
Proxecto
Coordinou diversos grupos de traballo dentro e fóra de LHCb, tanto en física de partículas como en tarefas computacionais, e actualmente é tamén o coordinador adxunto de física dun novo detector que se construirá no CERN nos próximos anos, CODEX-b, destinado á procura de partículas de vida moi longa. Desde outubro de 2025, é tamén o director do panel de oradores do experimento LHCb, coa responsabilidade de supervisar e coordinar todas as presentacións públicas dos resultados do experimento, tanto en conferencias de alto nivel como en obradoiros internacionais.
