Entretemento
e cultura

Museos científicos nos que descubrir as claves do firmamento ou a flora e a fauna da costa atlántica, salas de exposicións, galerías de arte ou centros de espectáculo…

Normal (A Coruña)
Normal é o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña. A norma define unha resposta que non precisa interrogación. Normal quere ser, con todo, permanente interrogación. Normal non é normal. Isto é o normal para nós.
No momento da súa construción, 1955, o edificio deseñado por Antonio Tenreiro foi a Escola Normal de Maxisterio. De aí Normal. Así foi coñecida sempre na Coruña. Cando rescatamos o nome recoñecemos unha historia ligada á educación e, máis concretamente, á que foi a cidade escolar, o xermolo, cos edificios de Náutica e de Comercio, do que anos despois sería esta universidade.
Normal, por outro lado, arrastra significados que, desde o punto de vista do proxecto cultural que presentamos, só se pode interpretar en clave irónica: norma, regra, sistema, forma previsible ou mesmo simetría, isto é, aquilo mesmo que aquí se cuestiona.
Centro Cultural Universitario de Esteiro (Ferrol)
En concreto, o Centro Cultural Universitario de Esteiro acolle a oferta cultural do campus, tanto os cursos e os obradoiros (arte, teatro, música, fotografía…), como os ciclos de cine ou exposicións. Encóntrase na propia Oficina da Área de Cultura de Ferrol e dispón de dúas aulas multiusos, una ampla sala de exposicións e unha sala de proxección dotada cos máis modernos equipos de imaxe e son.
Neste lugar poderase encontrar información de interese sobre a oferta cultural do campus, que comprende exposicións, ciclos, teatro, danza e actividades de extensión universitaria que queren dar resposta ás demandas culturais tanto das persoas que pertencen á comunidade universitaria como das que non son parte dela.
Que facer
na Coruña e Ferrol



