José A. Iglesias-Guitián

José A. Iglesias-Guitián é investigador en ciencias da computación. A súa especialización é a computación visual e a computación gráfica. Actualmente traballa no Centre de Visiò per Computador (CVC) e é investigador asociado da Univ. Autònoma de Barcelona (UAB) colaborando tamén como docente. A súa actividade investigadora actual céntrase na exploración de técnicas de rendering e iluminación avanzadas para a visualización científica, e máis recentemente para a súa aplicación en simuladores virtuais. Anteriormente traballou durante case dous anos para The Walt Disney Company e Disney Research. O próximo mes de setembro incorporarase á Universidade da Coruña.

 

José foi receptor de tres axudas europeas Marie Curie, unha actualmente en curso como investigador asociado no CVC/UAB, outra como investigador experto na Univ. de Zaragoza e na primeira ocasión durante a súa etapa como investigador no Visual Computing Group do CRS4 (Italia), onde financiado por unha axuda Marie Curie obtivo o seu doutoramento en Enxeñería Electrónica e Computación pola Univ. dei Cagliari (2011). José comezou a súa andaina investigadora tras cursar os estudos de Enxeñería Informática na Univ. da Coruña (UDC) (2006) e traballar no grupo VideaLAB da Escola de Enxeñería Civil da mesma universidade.

 

Ao longo da súa carreira investigadora publicou 14 artigos en revistas, 9 dos cales están publicados no top#3 na lista de revistas referenciadas en computación gráfica. É co-inventor de 3 patentes en USA, e foi galardoado cun Disney Inventor Award (2016). Publicou ao redor dunha decena de artigos en conferencias e foi orador convidado en varias ocasións. Participou en varios proxectos europeos, nacionais e internacionais, así como proxectos con empresas, sendo co-investigador principal en varios deles. Posúe a certificación da ANECA como profesor asociado e é membro das asociacións profesionais Eurographics, ACM e Marie Curie Alumni.

 

Os seus traballos foron publicados nas máis importantes conferencias e revistas do seu campo (p.ex. ACM SIGGRAPH, IEEE SciVis ou Eurographics). É membro do comité de programa e revisor para múltiples conferencias e revistas internacionais (p.ex. Eurographics, I3D, HPG, EGSR, IJCV). Tamén é experto avaliador da Axencia Estatal de Investigación. Recentemente foi co-organizador do ACM SIGGRAPH Workshop on Computer Graphics for Autonomous Driving Applications.

Proxecto

O seu proxecto de investigación céntrase na explotación de técnicas de rendering e iluminación avanzadas para a visualización científica, así como a súa recente adopción en simuladores virtuais e para a xeración sintética de datos e imaxes máis realistas.

 

A computación visual revélase como una alternativa extremadamente potente para a xeración sintética de datos e imaxes que poden incrementar as capacidades actuais da intelixencia artificial, a visión por computador ou sinxelamente das propias habilidades humanas á hora de desenvolver tarefas particularmente complicadas ou tediosas (p.e.x comunicación e diagnósticos médicos, anotación automática de millóns de imaxes, etc).

 

A obtención de grandes cantidades de datos, necesarios para alimentar os actuais algoritmos de intelixencia artificial, pode supor un dos principais pescozos de botella á hora de avanzar nunha solución baseada na aprendizaxe máquina. Unha dirección prometedora para abordar este problema pasa por xerar as imaxes e os datos necesarios de forma dixital, é dicir, utilizando simulacións virtuais xeradas por un computador dentro dun mundo virtual que modela aqueles aspectos do mundo real a ter en conta para a solución dun problema dado. A mellora das técnicas de computación gráfica axudará á produción de novas imaxes sintéticas máis realistas, así como aumentar as bases de datos xa existentes.

 

Este proxecto pretende avanzar o noso coñecemento sobre os procesos para a xeración sintética de imaxes, así como estudar o impacto nos futuros sistemas de visión e aprendizaxe máquina. Como posibles campos de aplicación para esta investigación utilizaranse exemplos de imaxe médica ou simuladores virtuais de tráfico.