Internacionalización
e excelencia

O Plan estratéxico da Universidade da Coruña para o período 2013-2020 define entre os seus obxectivos xerar un ambiente universitario internacional e lograr unha produción científica baseada na calidade. Dentro do obxectivo estratéxico de internacionalizar a investigación, a UDC propúxose ampliar as súas relacións con outras universidades e fomentar e apoiar o acceso ao financiamento internacional para a investigación.

O Consello Europeo de Investigación (ERC, European Research Council) busca, mediante convocatorias específicas dentro do piar I de Ciencia Excelente do Programa Horizonte 2020 da Unión Europea, financiar a longo prazo proxectos de investigadores destacados de todo o mundo para reforzar a excelencia, o dinamismo e a creatividade da investigación. As subvencións a proxectos do ERC (ERC Grants, http://erc.europa.eu) están abertas a investigadores de calquera idade e de calquera país do mundo que queiran traballar en Europa.
O prestixio internacional asociado ás ERC Grants é cada vez maior, tanto para os investigadores beneficiarios como para as institucións científicas que os acollen. A consecución de proxectos financiados polo ERC é, actualmente, unha das prioridades no ámbito da investigación para a UDC.
Neste contexto, a UDC decidiu poñer en marcha un programa de apoio á ciencia excelente que fomente a presentación de propostas de éxito de investigadores nalgunha das modalidades ao ERC: Starting Grants (StG), Consolidator Grants (CoG) e Advanced Grants (AdG).

Este programa de apoio, denominado Berce (benvida, estabilización e retorno de ciencia excelente), contén unha serie de accións concretas destinadas tanto a investigadores da UDC como a científicos procedentes de calquera parte do mundo que decidan desenvolver o seu proxecto do ERC na UDC.
Ademais das ERC Grants existen outras convocatorias que posibilitan que investigadores internacionais realicen os seus proxectos na UDC. Berce pretende dar igualmente apoio técnico ás solicitudes de financiamento de proxectos individuais que supoñan apostar pola investigación de calidade e que representen un paso significativo na carreira científica (máis ciencia excelente).