Mónica Ferrín Pereira

Mónica Ferrín Pereira licenciouse en ciencias políticas e da administración na Universidade de Santiago de Compostela. É doutora en ciencias políticas e sociais polo Instituto Universitario Europeo, un centro internacional para estudos doutorais e posdoutorais financiado pola Comisión Europea e os estados membro da UE. A súa tese doutoral ‘¿Que é a democracia para os cidadáns?’ (‘What is democracy to citizens?’) obtivo o Premio Juan Linz á mellor tese doutoral en ciencia política polo Centro de Estudos Políticos e Constitucionais.

 

Traballou como profesora e investigadora posdoutoral no Collegio Carlo Alberto de Turín e na Universidade de Zurich, onde participou en numerosos proxectos nacionais e internacionais. Foi ademais membro do comité de expertos da OCDE para a medición da confianza política e social. Ten publicados numerosos capítulos e artigos en editoriais de prestixio internacional.

Proxecto

Mónica Ferrín traballa actualmente en dúas liñas de investigación: 1) o estudo das actitudes dos europeos cara á democracia; e 2) a desigualdade de xénero na esfera pública.

 

As actitudes dos europeos cara á democracia: Un dos principais retos das democracias europeas na actualidade é o descontento cidadá coa democracia; descontento que se incrementou despois da grande crise económica que afectou á maioría dos países en Europa. O obxecto desta investigación é estudar os cambios nas actitudes dos europeos cara á democracia despois da “grande crise” e as causas da insatisfacción cidadá: ¿estamos ante unha crise da democracia tal e como veñen apuntando algunhas voces críticas?

 

Para responder a esta pregunta, Mónica Ferrín traballa no deseño dunha enquisa sobre as actitudes á democracia que levará a cabo a Enquisa Social Europea no 2020/2021, e na que participarán cidadáns da maioría dos países europeos.

 

A desigualdade de xénero na esfera pública: Non todos os cidadáns participan en igual medida na esfera política. Isto implica unha serie de problemas normativos, xa que unha desigual participación política leva aparellada unha desigual representación política. O caso das mulleres é especialmente flagrante, xa que son máis da metade da poboación. En efecto, aínda hoxe en día e a pesar dos moitos esforzos no proseguir a igualdade de xénero, as mulleres participan menos na política cós homes na maioría dos países desenvolvidos e subdesenvolvidos. ¿Por que? O obxectivo deste proxecto é estudar as razóns polas que as mulleres participan menos na política e, por extensión, na esfera pública.