Xabier Rodríguez Martínez

Xabier Rodríguez Martínez

Xabier Rodríguez Martínez (Vigo, 1992) é investigador en tecnoloxías para a captación de enerxía e a descarbonización do subministro eléctrico, centradas na fotovoltaica orgánica impresa e na termoeletricidade. Graduado en Nanociencia e Nanotecnoloxía pola Universidade Autónoma de Barcelona, obtivo o seu doutoramento no Instituto de Ciencia de Materiais de Barcelona en 2020, con distinción extraordinaria, polo desenvolvemento de células solares orgánicas mediante métodos combinatorios.Durante o seu doutoramento realizou estadías no Imperial College London (Reino Unido) e no ETH Zurich (Suíza). Foi investigador posdoutoral na Universidade de Linköping (Suecia), onde continuou o seu traballo en fotovoltaica para uso en interiores e aplicacións agrovoltaicas; e na Universidade de Heidelberg cunha bolsa posdoutoral Alexander von Humboldt, centrada no estudo de mesturas de nanotubos de carbono semiconductores con polímeros conxugados orientados para desenvolver novos materiais termoeléctricos anisotrópicos de altas prestacións.​

Actualmente, a súa investigación céntrase na industrialización da tecnoloxía fotovoltaica orgánica mediante métodos de impresión rolo a rolo, promovendo o uso de disolventes sostibles e materiais de baixo custo sintético que reduzan o impacto ambiental na fabricación de dispositivos. O seu deseño experimental combina aprendizaxe automática, métodos estatísticos e robótica para optimizar o rendemento fotovoltaico dentro dun espazo de parámetros restrinxido pola procura da máxima sostibilidade e reciclaxe.​

Proxecto

Ademais, o seu proxecto explora técnicas espectroscópicas in situ, como fotoluminiscencia e raios X obtidos por radiación de sincrotrón, aplicadas durante o procesado dos materiais fotoactivos desde disolución. Os seus avances teñen impacto en aplicacións específicas da fotovoltaica orgánica, como o uso de módulos flexibles e semitransparentes en interiores (Internet of Things), fachadas (xanelas intelixentes), agrovoltaica (uso dual da luz en invernadoiros), o espazo exterior e contornos submarinos (mobilidade autónoma).