Elena Pazos Chantrero

Elena Pazos Chantrero doutorouse pola Universidade de Santiago de Compostela en 2012 baixo a supervisión dos profesores José Luis Mascareñas e M. Eugenio Vázquez, traballando na síntese de sensores fluorescentes para a detección dalgunhas proteínas implicadas en cancro.

 

Durante a súa etapa doutoral foi estudante visitante no Trinity College Dublin (Irlanda) e na Universidade de Illinois en Urbana-Champaign (Estados Unidos).

 

Ao finalizar o seu doutoramento, recibiu unha bolsa postdoutoral da Fundación Barrié que lle permitiu unirse ao grupo do profesor Samuel I. Stupp na Universidade de Northwestern nos Estados Unidos, onde levou a cabo investigacións no campo da química supramolecular e da bionanotecnología.

 

Tras a súa etapa postdoutoral, traballou na spin-off Medcom Advance como research officer durante un ano, e en decembro de 2015 incorporouse ao grupo do profesor Ramón Álvarez Poboa no Centro Tecnolóxico da Química de Cataluña como investigadora TECNIOspring e Marie Curie. Ao longo da súa carreira investigadora ha publicado quince artigos científicos, a maioría deles en revistas con alto impacto no ámbito da química, un capítulo de libro, e algúns dos resultados da súa investigación tamén foron protexidos con dúas patentes.

Proxecto

O proxecto de investigación que Elena Pazos leva a cabo no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña ten a mesma natureza multidisciplinar que caracteriza a súa traxectoria investigadora, e está enfocado no desenvolvemento de ferramentas químicas con aplicacións en biomedicina.

 

Por unha banda, desenvólvense sensores intelixentes para enfermidades dexenerativas, é dicir, moléculas que en presenza de marcadores específicos destas doenzas emitan luz permitindo así a súa detección. Estes sensores non só se poderían empregar para o diagnóstico precoz, senón tamén para comprender a nivel molecular os mecanismos que causan a patoloxía e como ferramentas poderosas para identificar novas dianas terapéuticas e novos fármacos.

 

Por outra banda, tamén traballa no desenvolvemento de novos nanomateriales biocompatibles capaces de producir un determinado efecto nas células, por exemplo promover a rexeneración celular ou empregalos como vehículos para a administración controlada de fármacos.