Jaime Rodríguez González, Coordinador da agrupación CICA-INIBIC: “a colaboración para o crecemento conxunto é o principal valor que nos define”

A agrupación estratéxica CICA-INIBIC é consecuencia da unión dun centro e un instituto de investigación, , o centro de investigacións científicas (CICA) e o Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC):

O CICA, composto polos grupos de investigación do ámbito da química e a bioloxía da UDC, ten a finalidade de impulsar o avance á excelencia na I+D+i básica e aplicada, optimizando os recursos científicos da institución, potenciando a capacidade investigadora da Universidade e fomentando a transferencia de resultados á sociedade.

O INIBIC, composto polos grupos de Investigación do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, da Universidade da Coruña e da Área de Atención Primaria de A Coruña, ten a finalidade de crear un marco de colaboración estable, que integre a investigación básica e clínica desenvolta en Biomedicina, posibilitando unha transferencia á sociedade máis eficaz dos avances científicos obtidos no diagnóstico, prevención e tratamento das enfermidades.

Falamos con Jaime Rodríguez, coordinador da agrupación CICA-INIBIC, para que nos fale da orixe desta agrupación e cal será a actividade da mesma nos próximos anos.

A agrupación está formada por 23 grupos de investigación e 337 investigadores. Defínese como “un entorno multidisciplinar e sinérxico enfocado a dar resposta eficientemente aos retos biomédicos, tecnolóxicos e medioambientais a través da investigación, a formación e a transferencia de solucións integrais que xeren valor científico, económico e progreso social”.

A causa principal da unión entre estes dous centros é a identificación de sinerxias e complementariedades científicas entre os grupos de investigación do CICA e do INIBIC. Nesta liña Jaime Rodríguez apunta “o CICA ofrece capacidades transversais aos grupos de investigación do INIBIC dando lugar a proxectos máis completos, máis competitivos e máis globais”.


Preguntado polas principais liñas de actuación que destacaría da agrupación e que poidan resultar máis atractivas para os investigadores, Jaime Rodríguez, teno claro:

 

O fomento da investigación colaborativa entre áreas de investigación diferentes pero sinérxicas e complementarias

A agrupación organiza reunións tanto formais (workshops/conferencias/reunións científicas) como informais (CICA-INIBIC after-work) que fomentan o coñecemento, a colaboración e a mobilidade de investigadores entre diferentes grupos de investigación.

 CICA

O fomento da internacionalización e excelencia da investigación

A agrupación financia estancias de investigadores no estranxeiro e traballa para a xeración de redes de colaboración.

 

A xeración dun entorno de benestar para o investigador

Dende a agrupación foméntase a igualdade de xénero e a conciliación familiar. Jaime Rodríguez explícanos algún dos criterios de puntuación das convocatorias que sacan cada ano con este obxectivo “damos unha puntuación adicional a aqueles investigadores adscritos con fillos menores a 1 ano”. Outro exemplo deste tipo de accións é o bono de conciliación familiar para a asignación de recursos adicionais en períodos de baixas por maternidade/paternidade.

O fomento das capacidades transversais da agrupación

A través de plans de formación entre os propios grupos de investigación que componen a agrupación, así como, xornadas de formación especializada en base a necesidades comúns dos grupos.

 

Aumentar a capacidade competitiva dos grupos de investigación na captación de convocatorias competitivas

 Na contorna deste obxectivo establécense dúas liñas de actuación:

  • O establecemento de ferramentas e accións para a búsqueda de partners
  • A promoción e asistencia técnica nas convocatorias competitivas

 

Ademáis, destas liñas de actuación, Jaime Rodríguez engade que de forma transversal levan a cabo accións específicas para “a visibilización da agrupación e a súa actividade, así como acción para unha xestión o máis transparente posible”

A pesar da súa recente conformación a agrupación CICA-INBIC está desenvolvendo unha potente estrutura, tanto investigadora como organizativa, co obxectivo de converterse, tal e como sinala Jaime Rodríguez “nun referente en investigación, formación e transferencia para os grandes retos da sociedade, de modo que garantamos a retención do talento e a captación de recursos para un crecemento sostible”



RELATED POSTS