Falamos con Ana Rey-Rico, InTalent 2017: “InTalent chegou no momento máis oportuno da miña carreira investigadora”

Ana Rey-Rico é licenciada en Bioloxía (rama Molecular e Biotecnoloxía) pola Universidade de Santiago de Compostela.

En 2011 doutorouse en Farmacia pola mesma Universidade baixo a supervisión dos profesores Carmen Álvarez- Lorenzo e Anxo Concheiro. Tras finalizar o seu doutoramento uniuse como investigadora  postdoctoral en terapia xénica ao grupo dos profesores  Magali  Cucchiarini e Henning  Madry no Centro de  Ortopedia Experimental en Homburg/Saarland (Alemaña).

Durante toda a súa carreira investigadora publicou máis de corenta artigos científicos, a maioría deles nos ámbitos dos biomateriais e a tecnoloxía farmacéutica, dous capítulos de libro e algúns dos seus resultados de investigación foron protexidos con dúas patentes. Cabe destacar que recibiu distincións como a bolsa HOMFOR outorgada pola Universidade de Saarland e o premio Julián Sánchez Freire da Real Academia de Farmacia de Galicia.

Actualmente, Ana Rey-Rico é investigadora do Programa InTalent-UDC Inditex e entrevistámola para que nos conte como está a ser a súa experiencia:

 

1. En que momento da túa carreira chega o Programa InTalent? Que supuxo para ti este programa e como crees que pode influír no teu futuro como investigadora?

 

InTalent chegou no momento máis oportuno da miña carreira investigadora. Tras cinco anos en Alemaña e a piques de terminar o meu contrato subvencionado pola Axencia Alemá de Investigación (DFG) estaba nun punto da miña carreira no que me expuña novos retos profesionais para continuar coa miña investigación noutro país.

Creo que InTalent vai influír moi positivamente no meu futuro non só por brindarme a oportunidade de comezar a miña carreira como investigadora independente na miña propia casa, senón tamén por dotarme das ferramentas e o ambiente propicio para poder crecer profesionalmente e adquirir a experiencia suficiente para poder optar a un posto de maior estabilidade académica.

 

Intalent vai influír moi positivamente na miña carreira por dotarme das ferramentas e o ambiente propicio para poder crecer profesionalmente e adquirir a experiencia suficiente para poder optar a un posto de maior estabilidade académica.

 

2. Tras a túa etapa de investigadora na Universität deas  Saarlandes (Alemaña), volver a España estaba dentro dos teus plans?

A verdade é que sempre tivera a aspiración de poder volver a España algún día. Despois de cinco anos fóra, bótase de menos o estar preto da familia. A pesar disto, sempre vira bastante complicado esta posibilidade debido á gran competencia motivada pola difícil situación na que se atopa a investigación no noso país.

 

3. Que foi o que che motivou a presentarche ao Programa InTalent-UDC Inditex?

Coñecín do Programa InTalent a través dunha amiga que me falou da convocatoria, estareille sempre agradecida. Cando lin as bases entendín que era unha oportunidade excepcional de poder iniciar a miña carreira como investigadora independente aquí en España, así que non dubidei en tentalo.

 

Cando lin as bases entendín que era unha oportunidade excepcional de poder iniciar a miña carreira como investigadora independente aquí en España, así que non dubidei en tentalo.

 

4. Fálanos do proxecto de investigación que vas desenvolver na UDC. Que resultados esperas conseguir coa túa investigación?

O meu proxecto de investigación céntrase na obtención de matrices activadas por xenes mediante unha combinación de  vectores de transferencia  génica non virales e  biomateriales adaptados para a rexeneración de cartilaxe. Por unha banda, o desenvolvemento destes sistemas ten como obxecto soslayar os inconvenientes comunmente asociados ao uso de vectores non virales en terapia  génica mediante a subministración controlada da información xenética nas dianas seleccionadas. Doutra banda, podería levar á obtención de novos tratamentos que leven á estimulación dos procesos de reparación de cartilaxe nos lugares de lesión.

 

5. Como foi a acollida no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) onde realizas a túa investigación? Que é o que máis destacarías do CICA?

A acollida non podería ser mellor, o grupo de persoas que forman parte do centro é inmellorable, tanto profesional como persoalmente. Ademais, as instalacións e o ambiente multidisciplinar do CICA, constituído por investigadores de distintas ramas de coñecemento como Química, Biotecnoloxía e Medio Ambiente, son idóneas para levar a cabo o meu proxecto. Doutra banda, a existencia da agrupación estratéxica CICA- INIBIC é unha estupenda iniciativa para establecer novas e frutíferas colaboracións.

 

6. Comentas que formas parte dunha agrupación estratéxica, a agrupación CICA- INIBIC. En que consiste?

agrupación estratéxica CICA- INIBIC está formada por grupos de investigación provenientes das seguintes áreas: biomedicina, biotecnoloxía, novos materiais e medioambiente. Os obxectivos estratéxicos desta agrupación son:

1) Fomentar as sinerxias e complementariedades científico-tecnolóxicas a través da conformación de actividades de investigación, transferencia e formación colaborativa

2) Potenciar as características individuais dos grupos que a compoñen como consecuencia do aproveitamento das economías de escala

3) Globalizar a investigación na medida na que se integren as diferentes fases de desenvolvemento da mesma

 

Se pulsas aquí atoparás unha entrevista realizada a Jaime Rodríguez, coordinador da agrupación, para que podes coñecer máis información sobre a AE CICA- INIBIC

 

7. E, por último, tes en mente presentarche a algunha convocatoria ou proxecto nos próximos anos?

Agora mesmo a miña prioridade é presentarme á ERC Starting Grant. Aínda que é unha convocatoria altamente competitiva, tentarei dar o mellor de min para presentar a mellor proposta posible, coa calidade e innovación que unha bolsa destas características require.

 

Ligazóns de intererese:

Ana Rey-Rico

Entrevista a Jaime Rodríguez coordinador da Agrupación Estratéxica CICA-INIBIC

8 preguntas que debes hacerte si quieres aplicar a una ERC Starting Grant

Centro de Investigacións Científicas Avanzadas

Bases InTalent 2018

 

 

 



RELATED POSTS