O programa InTalent xa conta cos seus 2 primeiros investigadores excelentes: Elena Pazos Chantrero e José Antonio Cortés Vázquez

O pasado luns 17 de abril tivo lugar na sala de prensa do Reitorado da Universidade da Coruña a presentación dos 2 primeiros investigadores seleccionados na primeira edición do programa InTalent UDC-Inditex. Un acto presentado polo reitor da UDC, Julio Abalde, e polo vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya.

Elena Pazos Chantrero e José Antonio Cortés Vázquez son os 2 investigadores seleccionados dun total de 122 solicitudes presentadas e procedentes dunha vintena de países de Europa, Asia, África e América.

Investigadores InTalent

De esquerda a dereita: José Antonio Cortés Vázquez, Julio Abalde, Salvador Naya e Elena Pazos.

Elena Pazos Chantrero, doctorouse pola Universidade de Santiago de Compostela en 2012 baixo a supervisión dos profesores José Luís Mascareñas e M. Eugenio Vázquez, traballando na síntese de sensores fluorescentes para a detección dalgunhas proteínas implicadas no cancro. Durante os próximos anos, unirase ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC para traballar no desenvolvemento de ferramentas químicas con aplicacións en Biomedicina. Pazos Chantrero afirmou que “é unha honra ser unha das 2 galardoadas na primeira edición do programa InTalent”.

Pola súa parte, José Antonio Cortés Vázquez, é licenciado en Ciencias Ambientais e doutor en Antropoloxía Social pola Universidade Pablo de Olavide (Sevilla). As súas investigacións céntranse na análise da relación que os seres humanos manteñen co medio, dende o punto de vista da cultura e a ecoloxía política, a través do estudo de comunidades rurais e costeiras en espazos naturais protexidos. Durante os próximos anos, centrará a súa investigación no impacto social da política ambiental en espazos protexidos do Eume e Carnota, un proxecto que levará a cabo dende a Facultade de Socioloxía da UDC. Cortés Vázquez, sobre o programa InTalent apuntou que “que haxa apostas pola investigación como InTalent, que conten con apoio institucional, é de agradecer”.

Julio Abalde, reitor da UDC, puxo en valor a calidade de todas as candidaturas presentadas e lamentou o feito de que só 2 poidan ser os seleccionados. Ademáis, destacou a traxectoria internacional tanto de Elena Pazos Chantrero como de José Antonio Cortés Vázquez, e agradeceu a Inditex e á OTRI a súa implicación no programa InTalent.



RELATED POSTS