José Mahía, coordinador científico de InTalent, fálanos da aposta da UDC pola retención, recuperación e captación do talento investigador de excelencia

O programa InTalent xa botou a andar, e fíxoo de maneira exitosa. Moitos investigadores presentáronse á primeira convocatoria deste programa que impulsa a Universidade da Coruña e Inditex.

Hoxe falamos con José Mahía, membro da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) da UDC e coordinador científico do programa InTalent. O programa InTalent está enmarcado dentro do Programa de Apoio á Ciencia Excelente da UDC (berce) e está supervisado polo Vicerreitorado de Política Científica, Investigación e Transferencia.

José Mahía xunto a Javier Garrido, coordinador técnico de InTalent, desenvolven varias funcións na xestión do programa “desde a definición da convocatoria e dos criterios de avaliación da mesma ata a recepción, acompañamento e seguimento dos resultados da actividade investigadora, pasando polo apoio e asesoramento aos solicitantes e a asistencia á comisión evaluadora.”

 

1. Acabades de pechar a primeira convocatoria (2016) do programa InTalent Que valoración fas do programa ata o momento? Pódesnos adiantar cando sairá a próxima convocatoria?

A verdade é que estamos moi contentos de como nos están saíndo as cousas. InTalent é un programa pioneiro na captación de talento en Galicia e tivemos que montalo desde cero, o que supón un reto e un gran traballo, pero tamén nos permitiu crear o programa que queriamos e no que criamos. E a resposta dos investigadores foi simplemente sensacional.

Recibimos máis de cen solicitudes na primeira convocatoria, o que podemos considerar un gran éxito, aínda que tamén nos queda a sensación de non poder colmar as lexítimas aspiracións de moitos grandes investigadores que se interesaron por nós e inevitablemente quedarán fóra nesta primeira convocatoria. Por iso, queremos xa sacar a segunda canto antes. As nosas estimacións sitúana a mediados do ano 2017.

 

2. O programa InTalent é unha das iniciativas de retención e captación do talento levadas a cabo pola UDC. Existen máis?

É indubidable que a UDC está a apostar decididamente pola retención, recuperación e captación de talento investigador de excelencia. Fai aproximadamente un par de anos que puxemos en marcha o programa “berce” con estes obxectivos, ofrecendo unha serie de medidas concretas como o apoio técnico na presentación de solicitudes a programas nacionais e internacionais de ciencia excelente, especialmente do ERC. berce está máis vivo que nunca e InTalent é un paso máis adiante nesta dirección, creando nós o noso propio programa de ciencia .

 

3. Actualmente atópase aberta a convocatoria para as Consolidator Grants do ERC. Que lle ofrecedes aos investigadores que leven a cabo a proposta a través da UDC?

A todos aqueles investigadores interesados en presentar a solicitude para as Consolidator Grant del ERC brindámoslles apoio técnico na elaboración da proposta, pero sobre todo o que destacaría é a oportunidade de estabilización laboral, xa que todos os investigadores que logren o financiamento do ERC (en calquera das súas modalidades) e desenvolvan o seu proxecto na UDC dispoñerán dunha praza laboral indefinida baixo a figura de “investigador distinguido”, grazas a un acordo co goberno rexional (Xunta de Galicia). Esta posibilidade é independente do programa InTalent e é unha vía moi interesante para o retorno e captación de investigadores excelentes.

 

4. Entón, que ten que facer un investigador que se queira presentar a través da UDC?

Todo aquel investigador que queira concorrer a unha ERC a través da UDC debe contactar connosco a través de correo electrónico (intalent@udc.es) e solicitarnos unha reunión presencial ou a través de skype para estudar cales son as mellores opcións para cada investigador en función das súas condicións persoais.

contacto - InTalent

 

5. Existen máis posibilidades de estabilidade laboral na UDC?

Si, de feito, o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade acaba de publicar a convocatoria 2016 do Programa “Ramón y Cajal”. O obxectivo desta convocatoria é promover a incorporación de investigadores nacionais e estranxeiros cunha traxectoria destacada a centros de I+D por un período de 5 anos. Aínda que a continuidade non está garantida, ao finalizar este período, a lei establece que polo menos un 15 por cento das prazas a concurso de cada universidade debe ir destinado ao persoal investigador doutor que finalizase o Programa Ramón y Cajal. Nestes momentos, a UDC dispón dunha bolsa de prazas para as áreas dos beneficiarios desta axuda, o que supón que existe unha alta probabilidade de continuidade para aqueles investigadores “Ramón y Cajal” que desenvolvan o seu proxecto na UDC.

 

6. Que outras posibilidades de financiamento de ciencia excelente destacarías?

A oferta é moi completa, aínda que todas as convocatorias son tremendamente competitivas. A nivel nacional destacaría as Juan de la Cierva, tanto na modalidade de formación como de incorporación, cuxa convocatoria xa está publicada e está a piques de abrirse o prazo de solicitude. Están dirixidas a investigadores nas súas primeiras etapas posdoutorais.

A nivel europeo, ademais das ERC Grants en calquera das súas modalidades (Starting, Consolidator e Advanced), destacaría as Accións Marie Sklodowska-Curie que están moi ben dotadas economicamente e implican a mobilidade do investigador respecto ao país de residencia nos últimos anos.

A UDC pode ser un destino ideal para aqueles investigadores galegos e españois que pasaron por unha etapa posdoutoral no estranxeiro e queren continuar en España a súa carreira investigadora.

En calquera caso, gustaríame insistir na predisposición da nosa universidade para recibir investigadores excelentes a través de calquera destes programas nacionais e internacionais, polo que animo a todos os investigadores interesados en poñerse en contacto connosco para informarse de todas as posibilidades que podemos ofrecerlles.



RELATED POSTS